domingo, 13 de maio de 2018

EU pide a renovación da deteriorada sinalización viaria do Bao

O grupo municipal rexistra unha solicitude para que o Concello inste á Xunta a actuar

O Grove, 12 de maio de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida  ven de rexistrar unha solicitude para que o Concello do Grove inste á Consellería de Infraestruturas e Vivenda a repoñer a deteriorada sinalización da estrada de acceso ao municipio. A formación tamén reclama que a Xunta proceda ao pintado da PO-316. E é que a delimitación dos carrís do vial do istmo resulta dificilmente visible para os condutores, sobre todo durante a noite; dando lugar a unha situación na que a mala imaxe pola escasa lexibilidade dos indicadores se mestura coa inseguridade viaria.

Coa tempada alta a piques de comezar, Esquerda Unida considera primordial que o goberno galego faga os deberes e asuma a parte que lle toca para conseguir que O Grove ofreza unha imaxe acorde ao municipio de alta afluencia turística que é. Concretamente a formación refírese á estrada de titularidade autonómica do Bao. Un acceso que é carta de presentación; pois constitúe a primeira imaxe da localidade que ven os que chegan de fóra. E que, neste momento, non luce como debera.

Juan Lamelas e José Antonio Otero queren que o goberno local se dirixa ao executivo autonómico para reclamar a renovación dunha serie de sinais que se atopan nun avanzado estado de deterioro e, polo mesmo, resultan dificilmente lexibles; nalgúns casos a causa da ferruxe ou o desgaste habitual polo paso do tempo, e noutras polas pintadas que os recobren. “Isto impide a sua correcta visualización por parte dos condutores; ademais da mala imaxe que proporciona a un concello como o noso, que ten no turismo unha das fontes económicas máis importantes. Sumado a isto, e tendo en conta que a maioría son sinais indicadores de dirección, estamos ante unha falta de información importante nun municipio das nosas características”, destacan os edís.
Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove




Ningún comentario:

Publicar un comentario