A PROL DA CONCIENCIA DE LINGUA
POR UNHA VIDA PLENA EN GALEGO
"Porque,
señores deputados, se os galegos aínda somos galegos, é por obra e gracia da
linguaxe, porque un cultivo estético e científico da nosa língua vén a ser a
reconquista de todo canto tivemos, e porque perdéndose a nosa linguaxe, xa non
nos quedaría ningunha esperanza de revivir. (...). O desprezo da lingua materna
significa unha renuncia de dereitos, e provén dunha anestesia da dignidade
colectiva".
Quen
así se pronuncia é Alfonso Daniel Rodríguez Castelao nas Cortes Constituíntes
da II República, desde o seu cargo de deputado, para defender unha emenda que
se propón a tarefa de que se dignifique a nosa lingua, a lingua galega.
Hoxe,
87 anos despois, neste día das Letras Galegas de 2018, cómpre saírmos ás rúas
desde o convencemento da necesidade de aínda loitarmos pola nosa lingua, por
non renunciar aos nosos dereitos, por reanimar a voz durmida non só de quen non
quere expresarse en lingua galega, senón e sobre todo de quen ten a
responsabilidade de ofrecer a todas as persoas a posibilidade de vivirmos en
galego.
A
defensa da lingua materna faise desde as idades máis temperás. Non obstante, o
que nos atopamos é que é máis doado a aprendizaxe do inglés ca a da lingua
galega. Só un 4,6% da programación infantil na TVG2 é en galego. O futuro é
máis incerto todavía, xa que sabemos que o Xabarín Club, nado no 1994, un dos
programas máis emblemáticos, e que máis contribuíu á normalización da lingua
galega, está en serio perigo de desaparición. Nas canles máis habituais de
contidos infantís, CLAN TV, DISNEY CHANNEL, BOING, a lingua galega non figura
como lingua de acceso a través de subtítulos. De feito, a programación infantil
foi confinada en TVG2 para non acadar, sequera, un triste 1% dos contidos
totais.
Para
que exista normalidade no uso da nosa lingua, cómpre mecanismos correctores da
actual situación deficitaria. É vital se queremos que a sensibilización, a
concienciación e o uso da lingua galega sexan un hábito na cidadanía. E, desde
esta óptica, é fundamental e imprescindible a actuación do máximo responsable
político, a Xunta de Galicia.
Dáse
un incumprimento das obrigas normativas por parte das administracións públicas
en case todos os eidos da vida pública. Mais cómpre incidir en dous eidos que
son poderosos conformadores de hábito e imaxinario: os medios de comunicación e
a educación. Os informes da Mesa Pola Normalización Lingüística de Galicia e do
Observatorio de Dereitos Lingüísticos son claros ao respecto: a lingua galega
non coñece unha real igualdade co castelán.
A
aparición da TDT supuxo a aparición dunha programación máis ampla. Mais, isto
beneficiou á presenza da nosa lingua na oferta? Non. Se consideramos que un 90%
da poboación galega vé a televisión a diario, resulta evidente que a ausencia
de contidos en lingua galega (proprios, dobrados ou subtitulados) supón unha
lousa para a creación de hábitos lingüísticos e culturais.
Se
lemos o último informe do Consello da Cultura Galega (CCG), comprobamos que, no
caso do libro en galego, só podemos constatar o descenso de títulos (500 libros
menos desde 2011), de traducións, de tiraxe, de editoriais e de axudas
institucionais. Neste eido a lingua galega non resiste a comparación nin co
éuscaro, nin co catalán. E neste eido vemos como as administracións públicas
seguen recurtando o seu rol difusor e normalizador da lingua, xa que só entre o
ano 2015 e o 2016, a edición pública diminuíu nun 26,5%, mentres que a privada
o facía nun 11,9%. Cómpre mudarmos moito as políticas culturais e educativas a
este respecto, para lograrmos que o 30% que non le nunca, lea e que o faga en
galego. Unha das conclusións do informe do CCG non pode ser máis rotunda:
"As políticas culturais en Galicia carecen dunha estratexia, diagnose,
planificación e avaliación". Esta conclusión é dobremente válida para todo
o que afecta á lingua galega.
O
escenario dixital presenta importantes retos que cómpre tratar para que a nosa
lingua non permaneza relegada nos algoritmos dos motores de procura máis
importantes. De feito, se unimos a escasa incidencia da lectura da prensa a
través de internet en Galicia á pouca presenza do galego da prensa en papel, o
futuro para a nosa lingua é neboento e escuro.
Se
as futuras xeracións teñen un acceso á lingua galega reducido nos medios de
comunicación e de lecer, no sistema educativo as cousas non melloran, xa que
medran nas franxas máis temperáns (principalmente entre 3 e 6 anos) as persoas
que se expresan de forma habitual en castelán.
Este
monolingüismo castelán vese favorecido por unhas políticas educativas que
infravaloran o estatus da lingua galega, tal como a existencia do Decreto do
Plurilingüismo, fondamente perxudicial para a saúde da nosa lingua. Cómpre
recuperarmos o camiño que se iniciara cos contextos de inmersión lingüística se
queremos que a lingua galega coñeza unha situación plenamente normalizada.
Necesario, ademais, para reducir a fenda lingüística, que é tamén social, que
separa o eido rural do urbano en canto a uso do galego.
87
anos despois, as palabras de Castelao que abrían este manifesto de Esquerda
Unida, son, aínda, moi precisas. Hoxe, cando se homenaxea a Maria Victoria
Moreno, a cuarta muller en ser recoñecida no gran Día das Nosas Letras, cómpre
enfatizar o relevo que adquire o seu exemplo que, sendo cacereña de nacemento,
impartiu docencia en Galicia e animou o xénero do conto infantoxuvenil en
galego.
Ogallá
os nosos políticos e todas as persoas que teñen responsabilidade na
normalización da nosa lingua, sexan quen de manter unha relación coa lingua
galega e a nosa cultura análoga á de María Victoria Moreno, só así paliaremos a
nosa débil conciencia de lingua, só así deixaremos, algún día, de reivindicar a
posibilidade de vivirmos unha vida plena en galego.
Por
iso, remataremos este manifesto coa declaración de María Victoria Moreno:
A
miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha
historia de amor
Compostela, 17 de maio
de 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario