venres, 15 de xuño de 2018

EU critica que se acometa a humanización de Alexandre Bóveda sen contar antes cun plan de mobilidade para o conxunto do casco urbano


Alerta do colapso que pode producirse nas rúas da contorna ao derivar cara a elas o fluxo de tráfico

Denuncia a falta de credibilidade do goberno local; que despois de meses falando da elaboración por parte da Policía Local dun mapa de circulación anuncia o encargo dunhas novas directrices de ordenación do tráfico á Universidade de Vigo

O Grove, 14 de xuño de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida lamenta que, unha vez máis, o goberno local poña o carro antes que os bois. A pesar de tratarse dunha medida que indubidablemente terá un impacto significativo sobre o mapa do tráfico do conxunto do casco urbano, a humanización da rúa Alexandre Bóveda ten comezado sen que o Concello dispoña antes do necesario Plan de Mobilidade. Unha falta de planificación que podería derivar no colapso da rede de viais adxacentes; na súa maior parte estreitos; e polos que transcorren tamén, cabe lembrar, os Camiños Escolares Seguros que conducen ao CEIP Rosalía de Castro.

Antes de peonalizar rúas ou modificar sentidos de circulación parece lóxico pensar nas implicacións que esas medidas terán dende un punto de vista global. Pero non semella do mesmo parecer o goberno local do PSOE, que nun novo alarde de improvisación pon en marcha a humanización de Alexandre Bóveda sen contar previamente cunhas directrices que garantan un ordenamento axeitado do tráfico no conxunto do municipio.

Xa no pasado pleno o voceiro de EU, Juan Lamelas, advertiu ao alcalde da urxente necesidade de que O Grove dispoña dun Plan de Mobilidade Urbana; máis aínda, habida conta das importantes modificacións que xa se teñen introducido e das que, segundo os anuncios do consistorio, están por vir.

Moi lonxe de criticar as peonalizacións e outras actuacións de humanización dos espazos públicos, Esquerda Unida reclama reflexión e traballo previo, e apunta o temerario de realizar cambios tan significativos como cambios de sentido sen ponderar previamente as consecuencias. Nesa liña, EU lembra que o Concello aínda non convocou as comisión de traballo e seguemento do Plan de Mobilidade. Para máis inri, a pesar de que o alcalde anunciara en repetidas ocasións que a Policía Local era quen estaba a encargarse da análise e redeseño do mapa do tráfico grovense, o rexedor sorprende agora anunciando o encargo dunha nova diagnose á Universidade de Vigo. E faino exactamente ao mesmo tempo que comezan as obras para extender a humanización da Catorse ata os Conchases. Unha vez máis, política de feitos consumados e a salto de mata.

Os cambios en Alexandre Bóveda moi probablemente implicarán un aumento da densidade do tráfico en rúas como Sol, Raposeira, Hortos ou Rejo; así como no cruce da Avenida de Portugal coas da Igrexa e Rosalía de Castro. Unha operación que, efectuada sen a necesaria análise previa, podería resultar totalmente contraproducente. Ademais de perigosa, habida conta da proximidade do colexio de primaria Rosalía de Castro, e dos Camiños Escolares Seguros.

Prensa:
EU lamenta las peatonalizaciones sin disponer de un plan de movilidad [noticia web]

Advierten de los perjuicios para los "Camiños Escolares" y calles como Sol, Raposeira y Hortos [noticia web]

EU critica que se humanice Alexandre Bóveda sin un plan de movilidad del casco urbano [noticia web]

O Grove inicia la humanización de la calle Alexandre Bóveda. EU alerta del colapso de tráfico que causará en viales cercanos [noticia web]
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario