13 febreiro 2021
Xa están Instalados os sacos para a recollida de lixo mariño
11 febreiro 2021
EU pide a constitución dunha Mesa Local pola Cultura e o Patrimonio
O Grupo Municipal de Esquerda Unida solicitará no pleno do mes de xaneiro a constitución dunha mesa local pola Cultura e o Patrimonio na que participen os partidos políticos, técnicos, asociacións culturais e demais axentes relacionados co mundo da cultura e o patrimonio.
A meta desta mesa é traballar de forma conxunta para recuperar, salvagardar, promover e divulgar o patrimonio cultural, etnográfico, arquitectónico,... do noso concello. Un foro de debate e deliberación do que saia unha folla de ruta no traballo a curto e longo prazo.
Nestes meses están xurdindo diferentes iniciativas colectivas e individuais relacionadas co noso patrimonio arquitectónico e arqueolóxico e dende Esquerda Unida consideramos que a única maneira de abordar estes e outros asuntos relacionados coa cultura e o patrimonio local pasa por facelo de maneira conxunta, cun traballo organizado e unha meta común, e iso pasa por unha mesa de traballo.
MOCIÓN INTEGRA
MOCIÓN PARA A CONSTITUCIÓN DA MESA LOCAL POLA CULTURA E O PATRIMONIO NO CONCELLO DO GROVE
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Grove sempre
foi unha vila cunha gran inquedanza arredor da cultura e que dende sempre se
empapou do bo saber, tanto de propios como de alleos, que dunha maneira ou
outra deixaron ou están deixando o seu selo de identidade nesta vila, xa sexa
con textos, pinturas, músicas ou a nivel arquitectónico e patrimonial coma
poden ser xacementos arqueolóxicos, casas terreas mariñeiras, casas modernistas
ou castelos que vemos que co paso do tempo estamos deixando morrer, perdendo
así a nosa identidade propia.
Pero dende
Esquerda Unida consideramos que non está todo perdido e que temos moito que
gañar sumando esforzos na dirección correcta e seguir traballando para
deixarlle ós nosos fillos e netos un Grove mellor.
Para iso,
entendemos que o mellor modo é que políticos, técnicos e a sociedade se senten
nun foro de debate e deliberación co propósito de recuperar, salvagardar,
promover e divulgar o patrimonio cultural, etnográfico, arquitectónico,...
Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo
Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da
seguinte
PROPOSTA DE ACORDO
23 xaneiro 2021
EU pide a Xunta que ás traballadoras de axuda a domicilio se inclúan no grupo prioritario de vacinación
O
grupo municipal de Esquerda Unida presentará no pleno do vindeiro luns unha moción, pola
vía de urxencia, na que se insta a Xunta de Galicia a incluír ás traballadoras do
servizo de axuda a domicilio como grupo prioritario no plan de vacinación fronte
á Covid-19.
O
Plan Galego de Vacinación iniciouse a principios do 2021 coa vacinación de
persoas residentes e traballadoras dos centros de maiores, continuando polo
grupo de persoal sanitario considerado de primeira liña.
Esquerda
Unida entende que as traballadoras de axuda a domicilio teñen que ser incluídas
de xeito prioritario e inmediato no plan de vacinación. Estas traballadoras,
que na súa maioría o fan de xeito precario, visitan un elevado número de
domicilios diariamente, expóndose a ser infectadas ou a ser vector da enfermidade,
motivos suficientes para incluílas no grupo prioritario.
Por
ese motivo, Esquerda Unida pedirá no pleno o apoio unánime para pedir a Xunta
de Galicia que as traballadoras de axuda a domicilio sexan vacinadas o máis
axiña posible.
Moción
completa:
PARA INCLUIR COMO GRUPO PRIORITARIO ÁS TRABALLADORAS DE AXUDA A DOMICILIO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Plan Galego de
Vacinación fronte ao Sars-COV2 iniciouse a principios de 2021 coa vacinación
das persoas residentes e traballadoras dos centros de maiores, continuando,
tras a segunda recepción de vacinas, polo grupo de persoal sanitario
considerado de primeira liña. Esquerda Unida entende que a Xunta de Galicia
debera incluír de xeito prioritario ás traballadoras de axuda a domicilio no
plan de vacinación coma obxectivos inmediatos das seguintes vacinas.
A situación de
envellecemento e dependencia está a facer que cada vez máis galegas e galegos
precisen axuda para realizaren actividades básicas nos domicilios. Este papel
está a ser cuberto en moitos casos por traballadoras subcontratadas polos
concellos que visitan diversos domicilios de persoas vulnerables ao día.
É precisamente a
precariedade coa que traballan e a cantidade elevada de domicilios que fan
diariamente o principal motivo polo que deberan ser unha prioridade na vacinación,
tal e como xa se fixo en outras Comunidades como Aragón.
A exposición destas
persoas ten un alto risco de infección ao mesmo tempo que de ser un vector da
enfermidade, con visitas diarias e domicilios, principalmente de persoas
maiores susceptibles de contaxiarse facilmente de Covid-19, motivos suficientes
para incluílas como grupo prioritario.
Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte
PROPOSTA DE ACORDO
O
Pleno do Concello do Grove insta á Xunta de Galicia a:
-
Que inclúa como grupo prioritario
no plan de vacinación, das seguintes vacinas, ás traballadoras de axuda a
domicilio.
22 xaneiro 2021
EU insta a Augas de Galicia a realizar o cambio da tubaxe que subministra a auga a O Grove
![]() |
| Unha das roturas da tubaxe na Lanzada. Captura vídeo Todogrove |
O
grupo municipal de Esquerda Unida someterá ao pleno, deste vindeiro luns 25 de
xaneiro, unha moción na que insta a Augas de Galicia e á Xunta de Galicia a
redactar e presentar, o máis axiña posible, o proxecto de substitución da rede
de abastecemento que subministra a auga potable ao Concello do Grove así como a
que a administración autonómica comece a devandita obra neste 2021, asumindo o
custo total da mesma.
A
actual rede de abastecemento, que foi instalada a finais dos anos 80 ,atópase xa
no fin da súa vida útil, si ben a maior gravidade xurde no tramo que chega ao Concello
do Grove dende Vilalonga, pois a tubaxe atopase somerxida no mar e o deterioro que
sufre e aínda maior debido a corrosión das augas mariñas. Isto provocou numerosas
avarías nos últimos anos, a maioría no tramo da Lanzada, o que provoca que a
súa reparación sexa toda unha odisea, pois hai que agardar a que baixe a marea
para poder darlle solución, o que supón que a veciñanza do Grove poida ver restrinxido
o subministro de auga.
Esta
obra é unha prioridade para o Concello do Grove e a Mancomunidade do Salnés, e
xa no 2016 o daquela presidente do ente supramunicipal ten acadado o compromiso
con Augas de Galicia para a substitución da tubaxe. Pero a pesar dese
compromiso e do anunciado no 2018, no que prometían o proxecto e orzamento para
comezar a obra no 2019, a día de hoxe a obra segue sen proxecto e sen vistas de
que se execute a curto prazo.
Por
ese motivo, dende Esquerda Unida agardan que o Pleno aprobe por unanimidade a
solicitude a Augas de Galicia e á Xunta de Galicia para que o cambio da tubaxe
sexa unha realidade neste ano.
Moción íntegra:
PARA INSTAR A AUGAS
DE GALICIA A AFRONTAR A SUBSTITUCIÓN DA TUBAXE QUE SUBMINISTRA A AUGA POTABLE A
O GROVE
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O
Grove, ao igual que a maior parte da comarca do Salnés, recibe o subministro de
auga potable dos depósitos situados en Treviscoso (Vilanova de Arousa). As tubaxes foron
instaladas a finais dos 80, co que o período de vida útil das mesmas está a
piques de caducar se non o fixo xa. O problema máis grave xurde no tramo que
chega a O Grove dende Vilalonga, pois ven somerxido no mar, co que a vida útil
deste tramo viuse reducido de forma considerable debido a corrosión das augas
mariñas.
As
rupturas que ten sufrido a tubaxe neste tramo son numerosas nos últimos 5-6
anos, sobre todo no seu paso pola Lanzada. Tan só no 2020 contabilizáronse ao
menos 5 avarías no noso límite municipal, algunha das cales se produciron en
época estival. Traballar na súa reparación é toda unha odisea, pois é preciso
agardar á baixamar para realizar as tarefas precisas, o que pode provocar que O
Grove permaneza varias horas con restricións de auga ou mesmamente sen a
totalidade do subministro, dependendo da época do ano.
Cando
menos dende o 2016, o cambio da tubaxe que transcorre por debaixo do mar por
unha nova canalización por terra é unha prioridade para O Grove e a
Mancomunidade do Salnés. Son numerosas as publicacións onde o daquela
presidente do ente supramunicipal, Gonzalo Durán, consideraba esencial esta
obra e solicitaba a Augas de Galicia a súa prioritaria execución.
Tal
e como consta nas publicacións de varios medios de comunicación, en marzo do
2016, unha reunión entre Augas de Galicia e a Mancomunidade do Salnés finalizaba
co compromiso do ente dependente da Xunta de Galicia para mellorar a conexión
de auga co Grove. A obra estimábase naquel entón en preto dos 1,8 millóns de
euros. Dous anos despois, en abril de 2018, Augas de Galicia, que non cumprira
co anunciado no 2016, volvía adquirir un compromiso co noso concello, esta vez
para a redacción do proxecto da obra co propósito de concretar o orzamento real
da execución do cambio da tubaxe. Poucos meses despois, Augas de Galicia
dirixíase novamente á Mancomunidade do Salnés para indicarlle que o proxecto
estaría rematado a finais de ano e que as obras darían comezo no 2019, para
iso, os Orzamentos da Xunta de Galicia para ese 2019 incluirían unha partida
orzamentaria para a instalación da nova tubaxe. Finalmente non houbo proxecto e
os Orzamentos 2019 non incluíron nin un só euro para tal obra.
Van
aló preto de 6 anos dende ese primeiro compromiso de Augas de Galicia coa
Mancomunidade do Salnés para a substitución da tubaxe que subministra a auga
potable as veciñas e veciños do Grove e case 3 anos do compromiso para redactar
o proxecto e incluír nos orzamentos da Xunta a partida precisa para esta obra.
A día de hoxe non está redactado o proxecto e ningún dos orzamentos pasados
(2019 e 2020) nin o actual (2021) contemplaron nin contemplan partida algunha
para afrontar unha obra esencial e primordial para a comarca, pero sobre todo
para O Grove.
Dende
Esquerda Unida arrincamos o compromiso da actual presidenta da Mancomunidade do
Salnés para que a obra da nova canalización de auga potable para O Grove sexa
unha prioridade absoluta para o organismo supramunicipal, ao igual que o foi
para o anterior presidente na súa etapa. E queremos que tamén sexa unha
prioridade para Augas de Galicia e a Xunta de Galicia, pero sobre todo queremos
que sexa unha realidade e para iso é preciso que dunha vez por todas redacten o
proxecto de execución e destinen o orzamento preciso para asumir a obra, que
nos consideramos ten que ser do 100%, xa que é competencia desta
administración.
Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte
PROPOSTA DE ACORDO
O Pleno do Concello do Grove insta a Augas de Galicia e a
Xunta de Galicia a:
1-
Redactar
e presentar o máis axiña posible o proxecto de substitución da rede de
abastecemento que subministra a auga potable ao concello do Grove, derivando
por terra a canalización que se atopa nestes momentos soterrada baixo o mar.
2-
Comezar
neste 2021 a devandita obra e a asumir o 100% do custo da mesma.
23 decembro 2020
EU denuncia o cobro da taxa do lixo o día antes de noiteboa
Os esquerdistas alertan que o cobro do 2º semestre da taxa do lixo, que sempre se realiza en febreiro do ano seguinte, foi adiantado a este mes de decembro, nunha época na que os gastos familiares son moito maiores e a economía local minguo como consecuencia da crise sanitaria pola Covid-19.
Denuncian que o concello incumpre o calendario fiscal e consideran esta decisión errónea e contraproducente á vez que lembran a súa proposta, rexeitada por Cacabelos, para fraccionar mensualmente os pagos das taxas e impostos municipais.
O Grove, 23 de decembro de 2020.- A menos dunha semana para rematar o ano, e cando parecía que este 2020 non podería traer máis sorpresas, o Concello do Grove abráianos novamente. Esta semana a veciñanza viu como nas súas contas se lles aplicaba a taxa de lixo correspondente ao segundo semestre deste ano, indican dende Esquerda Unida. Un cobro que de sempre se aplicou nos primeiros dous meses do ano vencido, isto significa que este recibo se debería cobrar a mediados de febreiro do 2021, pero o goberno municipal decidiu adiantar a este mes de decembro. Os esquerdistas consideran que se xa o 2020 é un ano no que moitos negocios e familias se atopan afogadas economicamente como consecuencia da crise sanitaria producida pola Covid-19, este adianto do cobro da taxa do lixo supón un afogamento maior para a veciñanza, máxime nun mes no que os gastos son moito maiores debido á festividade do Nadal. Unha decisión do goberno socialista que non comparten e rexeitan dende Esquerda Unida.
A agrupación esquerdista denuncia que con este cobro –por primeira vez a veciñanza ten que asumir tres pagos desta taxa nun mesmo ano, pois en febreiro realizouse o cobro do 2º semestre do 2019, en agosto o cobro do 1º semestre do 2020 e agora o do 2º semestre– o goberno dirixido por Jose Cacabelos sáltase o calendario fiscal aprobado e publicado na web do Concello.
Dende Esquerda Unida non entenden esta decisión, e pedirán explicacións, aínda que asumen cal será a resposta do executivo de Cacabelos, botando balóns fora e exculpándose nunha decisión administrativa, como fai sempre que as decisións repercuten negativamente na veciñanza. Pero para os esquerdistas a realidade é ben distinta e esta decisión atende exclusivamente á pésima xestión do goberno socialista, que en lugar de axudar aos negocios e á veciñanza decide afogalos economicamente para salvagardar os sobrecustos das obras e os seus propios soldos.
Así mesmo, en Esquerda Unida lembran que en numerosas ocasións propuxeron un calendario fiscal máis flexible e fraccionado, co que a veciñanza puidera pagar os seus impostos e taxas municipais en cotas mensuais, trimestrais ou semestrais, o que ofrecería maior control nas contas familiares e liquidez no Concello. Unha proposta que dende o goberno socialista se negaron a aplicar, ao igual que non aplicaron ningunha das medidas económicas e sociais propostas polo Grupo Municipal de Esquerda Unida durante a Alerta Sanitaria derivada da Covid-19.
Por último, os esquerdistas pregúntanse se o concello é consciente do sobrecusto e o dano económico que lle acaba de ocasionar á veciñanza ao cobrarlle, a un día da celebración da noiteboa, un recibo que non contaban con pagar ata mediados de febreiro do 2021.
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove
05 decembro 2020
EU acada o compromiso da Presidenta da Mancomunidade para dar prioridade ao cambio da tubaxe de auga do Grove
O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, acadou no día de onte o compromiso de Marta Giraldez para que no 2021 a Mancomunidade do Salnés dea prioridade absoluta ao cambio da tubaxe que subministra a auga potable ao Grove. Solicita que Augas de Galicia presente dunha vez por todas o proxecto e financie o 100% da obra. Presentarán unha moción para iso no vindeiro pleno grovense.
A presidenta
da Mancomunidade tamén se comprometeu co esquerdista a ver as opcións de
devolver ao Grove a Escola de Hostalería e realizar cursos e talleres
mancomunados no concello meco.
O Grove, 5
de decembro de 2020.- O pasado xoves, celebrouse o pleno da
Mancomunidade do Salnés onde se aprobaron os orzamentos para o 2021. Se ben a
opción coa que partía de inicio o representante de Esquerda Unida, José Antonio
Otero, era votar en contra dos orzamentos da mancomunidade, logo de ver que
novamente as contas da Mancomunidade non contemplaban partida algunha para o
cambio da tubaxe que subministra a auga potable para o Concello do Grove,
finalmente decantouse pola abstención, logo de arrincar o compromiso da
Presidenta, Marta Giraldez, a dar prioridade absoluta a esta obra no vindeiro
ano.
Así mesmo, o
compromiso acadado polo esquerdista contempla que no momento en que se teña
coñecemento do proxecto (que está pendente de entregar por Augas de Galicia) e
do custo da obra, a Mancomunidade procurará o financiamento que lle pertenza,
no caso de que o ente autonómico finalmente non se faga cargo do 100% da mesma.
Un financiamento que podería chegar dos fondos FEDER, de subvencións da Deputación ou a
través do orzamento da propia mancomunidade.
Esquerda Unida logra así que se lle dea
prioridade a unha obra de gran importancia para O Grove e arremeten ao mesmo
tempo contra Augas de Galicia, aos que tachan de incompetentes por non ter
presentado aínda un proxecto de execución logo de comprometerse a telo rematado
no 2018. Solicitan tamén que sexa o ente dependente da Xunta de Galicia quen
financie ao 100% o cambio da tubaxe, “cuestión á que tamén se comprometeron hai
uns anos”, indican os esquerdistas.
Para dar
forza a esa petición, José Antonio Otero, anuncia que no vindeiro pleno do
Concello do Grove, presentarán unha moción solicitando a Augas de Galicia a
execución da obra e o seu total financiamento. O voceiro de EU considera que
“xa chegou de burlas e de que a Xunta de Galicia menosprece ao noso concello”.
“A administración Autonómica ten unha débeda histórica co Grove e esta obra é
unha das prioritarias, xa que son preto de 11.000 persoas (máis de 20.000 no
verán) as que poden quedar sen abastecemento de auga se se produce unha nova
ruptura da tubaxe”, sentencia Otero.
Ademais do
compromiso da obra de abastecemento de auga, José Antonio Otero, logrou tamén o
compromiso da Presidenta da Mancomunidade do Salnés a valorar as opcións para
devolver a O Grove a Escola de Hostalería e a achegar ao concello grovense máis
cursos e talleres organizados pola propia mancomunidade.
Sobre a Escola de Hostalería, o esquerdista
recorda que esta escola naceu no Grove e estivo vencellada ao concello meco ata
que, por decisión da mancomunidade durante a época de Durán, se decidiu
trasladar a Sanxenxo. Otero indica que iso foi “unha usurpación en toda regra”
e pide que a escola regrese ao seu lugar de orixe. Máxime cando, segundo o
esquerdista, a mancomunidade está pagando un aluguer polas instalacións onde se
desenrola a Escola e O Grove conta co espazo adaptado e o seu uso é gratuíto.
28 novembro 2020
O Grove mostra o seu apoio e solidarízase co pobo saharauí
O pleno do Grove mostrou por unanimidade o seu apoio e solidariedade co pobo saharauí ante a agresión marroquí que viola as fronteiras e os acordos de paz establecidos en 1991 e que tamén representa unha ruptura do cesamento do fogo.
Así mesmo, O Grove apoia dereito do pobo saharauí á celebración dun referendo de autodeterminación recoñecido pola ONU en varias resolución dos Consello de Seguridade.
A moción foi presentada polo Grupo Municipal de Esquerda e defendida polo seu voceiro, que asegurou que a pesar de ser unha moción que excede os límites municipais O Grove como pobo solidario e con vínculos co Sáhara -moitos veciñas e veciños teñen acollido durante moitos anos en época estival a nenas e nenos dos campamentos de refuxiados saharauís- non podía pasar por alto esta situación e debía mostrar o seu apoio e defender o dereito a decidir o seu futuro.
MOCIÓN INTEGRA DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA
MOCIÓN ANTE O CONFLITO NA ZONA DESMILITARIZADA DO SUR DO SÁHARA E A AGRESIÓN MILITAR MARROQUINA NO GUERGUERAT
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Neste ano 2020
veñen de cumprise 45 anos do abandono ao pobo saharaui e da ocupación ilegal de
Marrocos nos territorios do Sáhara Occidental. 45 anos no que este pobo ten
sufrido os rigores do deserto, o espolio dos seus recursos naturais pola
potencia ocupante e o desleixo da Comunidade Internacional, incapaz en máis de catro
décadas de dar cumprimento aos acordos da ONU para permitir a liberdade e
independencia do pobo saharauí no seu territorio.
A noite do 13 ao 14
de novembro, tropas regulares da Forzas Armadas Reais (FAR) de Marrocos
penetraron na zona desmilitarizada do extremo sur do Sáhara para reprimir unha
mobilización pacífica de mulleres e homes saharauís no Gerguerat. En realidade,
Marrocos ven de realizar tres fendas no muro que construíu hai décadas de máis
de 2700 km para realizar unha incursión militar en territorio saharauí coa
escusa de dar por rematada a concentración que protestaba polos incumprimentos
marroquís no tocante ao paso do Guerguerat e o uso fraudulento de milleiros de
camións entre a franxa que separa a aduana marroquí e a fronteira con Mauritania,
un paso fronteirizo ilegal e que nos últimos meses estaba a ser militarizado
polo goberno marroquí, feito que xerou unha protesta pacífica da poboación
saharauí ante unha agresión territorial intolerable.
Esta acción militar
ilegal e contraria aos acordos da ONU realizada por tropas marroquís foi a
causante dun intercambio de disparos por primeira vez en décadas entre as
forzas da Fronte Polisaria e das FAR de Marrocos. A estas alturas descoñécese o
número de vítimas pero é evidente a gravidade dos feitos que poden dar ao
traste cun alto o fogo que persistía, non sen complicacións, dende 1991.
Non obstante, a única solución a este conflito non é a guerra, senón a organización sen máis demora dun referendo de autodeterminación que pregunte ao pobo saharauí se quere a independencia ou a súa integración en Marrocos. Iso é o que se acordou en varias resolucións das Nacións Unidas e debe cumprirse. O pobo saharauí ten dereito a iso, pero este referendo esta vez non pode agardar.
Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte
PROPOSTA DE ACORDO
O Pleno do Concello do Grove:
- Expresa o seu apoio e solidariedade co pobo saharauí ante a agresión marroquí que viola as fronteiras e os Acordos de Paz establecidos en 1991 e que tamén representa unha ruptura do cesamento do fogo, ademais de apoiar o seu dereito de autodeterminación a recoñecida pola ONU na resolución 690 do Consello de Seguridade de 29 de abril de 1991.
- Instar ao goberno de España, como antiga metrópole colonial e administradora de iure, a establecer un traballo diplomático para evitar a guerra sen que esta signifique a renuncia do pobo saharauí á defensa da integridade do seu territorio e os dereitos humanos da poboación afectada pola ocupación marroquí.
- Así mesmo, insta a que esas accións diplomáticas de máis alto nivel vaian encamiñadas a acordar unha data firme de celebración do referendo de autodeterminación do Sáhara Occidental en cumprimento dos acordos internacionais.
O Concello adherirase á Rede de Entidades Local para desenrolar o ODS da axenda 2030
O Pleno aprobou
por unanimidade a moción de Esquerda Unida que instaba ao Concello do Grove a adherirse
á "REDE DE
ENTIDADES LOCAIS PARA DESENVOLVEMENTO DOS OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO
SOSTIBLE DA AXENDA 2030" da Federación Española de Municipios e Provincias
(FEMP).
Esta adhesión
permitirá:
- Promover o coñecemento, sensibilización e implantación dos ODS da Axenda 2030 nas entidades locais españolas, mediante o fortalecemento institucional e a implicación dos diferentes actores locais.
- Fortalecer e lexitimar o papel estratéxico que xogan as autoridades locais no desenvolvemento da Axenda 2030 en España para conseguir a mellor incidencia política, promovendo o traballo en rede e a procura de alianzas que impulsen políticas de cohesión a nivel local e unha adecuada articulación multinivel (central, autonómica e local) e multi-actor para a construción e implementación da Axenda 2030 en nivel local.
- Actuar como foro de intercambio e experiencias entre os Gobernos Locais que integran a Rede. - Ofrecer servizos de asesoramento e asistencia para os seus membros, formación de técnicos e a mutua cooperación entre as autoridades das entidades locais na localización dos ODS da Axenda 2030 en España.
- Traballar cos Gobernos Locais liñas de actuación concretas tras a crise provocada pola Covid-19 para dar unha resposta ao territorio aliñada coa Axenda 2030.
MOCIÓN COMPLETA:
MOCIÓN PARA ADHERIRSE Á "REDE DE ENTIDADES LOCAIS PARA DESENROLAR OS OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLES DA AXENDA 2030" DA FEMP
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Axenda 2030 dos Obxectivos de
Desenvolvemento Sostible (ODS), aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas
o 25 de setembro de 2015, converteuse na axenda internacional máis ambiciosa da
humanidade. Por primeira vez, unha estratexia destas dimensións asúmese desde
unha perspectiva holística: social, cultural, económica e medio ambiental.
O pasado 25 de setembro cumpríanse 5
anos desde que se adoptase a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento
Sostible (ODS), un fito fundamental no que o noso país comprometíase a afrontar
os grandes retos do noso tempo, poñer fin á pobreza, reducir a desigualdade,
lograr a igualdade de xénero, atallar a emerxencia climática ou garantir o
traballo decente.
Cumprir 5 anos
supón valorar o traballo realizado por moitos dos actores durante todos estes
anos, pero tamén afrontar que só temos unha década por diante e que necesitamos
profundar nas nosas accións se queremos cumprir coa Axenda 2030. É o momento de
pasar das palabras aos feitos e reafirmar o noso compromiso con políticas
decididas que nos leven a alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Detrás da Axenda 2030 e de todos e cada un dos Obxectivos de Desenvolvemento
Sostible está precisamente mellorar a vida da xente do noso país, poñendo os
grandes problemas sobre a mesa e sobre todo a vontade política para poñerlles
fin.
O Concello do
Grove é membro da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
A FEMP foi
incluída polo Goberno español no Plan de Acción de España para a implementación
da Axenda 2030, como institución panca no impulso da Axenda 2030.
O pasado 21 de
setembro de 2019, no XII Pleno da FEMP, renovouse e reforzou politicamente o
liderado e compromiso de aterrar os ODS nas cidades e territorios, a través da
Declaración específica en favor da Axenda 2030 e os Obxectivos de
Desenvolvemento Sostible.
A Xunta de Goberno da FEMP aprobou o
26 de novembro de 2019 a creación da "Rede de Entidades locais para
desenvolver os ODS da Axenda 2030".
Dita Rede -sen personalidade
xurídica propia diferente á FEMP- constituirase cos Gobernos Locais que se
comprometan a implementar os ODS da Axenda 2030 de forma transversal nas
políticas públicas municipais. O seu principal obxectivo será favorecer a
coordinación de actuacións entre os Gobernos Locais permitindo alcanzar
mellores resultados na implementación da Axenda 2030 nos municipios e
provincias, a través da localización e desenvolvemento dos ODS no ámbito local.
A Rede será o instrumento que
ofrecerá ferramentas aos Gobernos Locais para que logren os seus obxectivos, de
acordo coa implementación da Axenda 2030 en España. E, ademais, ofrecerá aos
Gobernos Locais pautas, información e propostas de actuación para facer fronte
á crise provocada pola COVID-19, tendo moi presente unha das principais premisas
da Axenda 2030: non deixar a ninguén atrás.
Pero este camiño só o lograremos
percorrer se contamos co traballo fundamental dos Concellos, cuxa labor é clave
para a localización da Axenda 2030 e o seu traballo diario é o que maior
impacto ten sobre o día a día da xente. Temos a misión de levar a Axenda a cada
rúa, a cada barrio e a cada praza porque os ODS son o mellor instrumento para
mellorar o noso país. Significa apostar por uns servizos públicos de calidade,
por unha educación e sanidade debidamente financiadas, por cidades e vilas sostibles que teñan todos os
servizos que necesitan, pola mobilidade sostible e pola protección da nosa contorna
natural. E supón tamén promover o consumo local, apoiar aos produtores das
nosas rexións, traballar por uns servizos sociais sólidos en cada lugar e
garantir, en definitiva, que avanzamos cara un país máis xusto e sostible.
Os Obxectivos da Rede son os
seguintes:
· Promover o coñecemento, sensibilización e implantación dos
ODS da Axenda 2030 nas entidades locais españolas, mediante o fortalecemento
institucional e a implicación dos diferentes actores locais.
· Fortalecer e lexitimar o papel estratéxico que xogan as
autoridades locais no desenvolvemento da Axenda 2030 en España para conseguir a
mellor incidencia política, promovendo o traballo en rede e a procura de
alianzas que impulsen políticas de cohesión a nivel local e unha adecuada
articulación multinivel (central, autonómica e local) e multi-actor para a
construción e implementación da Axenda 2030 en nivel local.
· Actuar como foro de intercambio e experiencias entre os
Gobernos Locais que integran a Rede. - Ofrecer servizos de asesoramento e
asistencia para os seus membros, formación de técnicos e a mutua cooperación
entre as autoridades das entidades locais na localización dos ODS da Axenda
2030 en España.
· Traballar cos Gobernos Locais liñas de actuación concretas
tras a crise provocada pola Covid-19 para dar unha resposta ao territorio
aliñada coa Axenda 2030.
Entendemos que o noso Concello debe ser parte activa desta rede dentro da FEMP.
Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte
PROPOSTA DE ACORDO
PRIMEIRO.- Que o Concello do Grove se adhira á "REDE
DE ENTIDADES LOCAIS PARA DESENVOLVEMENTO DOS OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO
SOSTIBLE DA AXENDA 2030" da Federación Española de Municipios e Provincias
(FEMP).
SEGUNDO.- Instar á Alcaldía para realizar os trámites oportunos
para a devandita adhesión.
TERCEIRO.- Instar ó goberno local a iniciar os traballos para aprobar un Plan de Actuación ou Estratexia Local, no que se elabore unha análise de situación e un plan de localización e implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
27 outubro 2020
O Pleno aproba por unanimidade a moción de EU do 25N-Día Contra a Violencia de Xénero
O Pleno aprobou no día de onte por unanimidade a moción presentada pola concelleira de Esquerda Unida, Cristina Domínguez, relativa ao 25 de novembro -Día Internacional Contra a Violencia de Xénero-.
A moción contemplaba un total de 11 propostas de acordo entre as que destacan a de instar ao goberno do estado a modificar a Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para incluír as violencias contra as mulleres fóra do ámbito da parella ou exparella, incorporar a violencia sexual, laboral, institucional, os ventres de aluguer e a prostitución; instar ao goberno do estado a desenvolver unha Lei Integral para a loita de trata de seres humanos; impulsar plans de igualdade con suficientes recursos humanos e materiais; implementar a educación afectivo-sexual e contra a discriminación e violencia de xénero dende a óptica feminista e a diversidade en todas as fases educativas; desenvolver plans de formación e sensibilización ao persoal sanitario, xurídico e as forzas e corpos de seguridade; fortalecer a rede pública de atención a vítimas; e profundar nas campañas de concienciación.
Moción completa:
25 DE NOVEMBRO 2020
DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Este 2020 está marcado pola pandemia da Covid-19 e a crise social e económica. Esta situación, volve evidenciar as desigualdades de xénero que sosteñen a un sistema que non protexe, nin ofrece vidas dignas e seguras ás mulleres. A situación de confinamento, as limitacións á mobilidade e as consecuencias das medidas tomadas para facer fronte ao coronavirus, intensificaron as violencias machistas.
Moitas
mulleres atopáronse encerradas cos seus maltratadores nunha especial situación
de vulnerabilidade e incerteza. Durante o primeiras seis semanas de corentena
realizáronse máis de 4.000 detencións por violencia machista, ademais vemos un
aumento de máis do 50% do uso servizo telefónico do 016 e de máis dun 100% do
seu uso online. Segundo os datos do
Ministerio de Igualdade, as chamadas ao 016 incrementáronse no mes de abril un
60% con respecto a abril de 2019, e as consultas online incrementáronse ese mesmo mes case un
600% comparado con abril do ano anterior.
Así
mesmo, a pandemia do COVID-19 resaltou as diferentes fendas de xénero que
seguen existindo en todos os ámbitos da nosa sociedade. Durante este período,
as mulleres foron as protagonistas, tanto no ámbito sanitario —sendo elas a
inmensa maioría de persoas traballadoras— como no ámbito dos coidados, vivindo
situacións de precariedade e risco para a saúde para as empregadas do fogar e
atención domiciliaria.
Segundo
os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), as mulleres son maioritarias nos
postos de primeira liña de combate da epidemia. Elas representan o 51% do
persoal médico, o 84% de enfermería, o 72% en farmacia, o 82% en psicoloxía e
un 85% do persoal que traballa nas residencias de maiores e persoas dependentes
onde se deron as peores cifras de falecementos. Tamén son maioritarias noutros
servizos esenciais como son o comercio e a alimentación, a limpeza de hospitais
e representan a práctica totalidade das empregadas do fogar, dos coidados.
A
isto súmase a maior carga das mulleres nas tarefas de coidados. O 70% destas
tarefas son realizadas polas mulleres e neste contexto de coronavirus sufriron
unha maior sobrecarga tanto polas condicións laborais do teletraballo, como
polo coidado do fogar, menores e persoas dependentes. Esta sobrecarga de
traballo non se viu respondida con mecanismos de corresponsabilidade desde
todos os ámbitos: administracións, empresas e fogares. Especialmente afectadas
están as familias monoparentais, das que oito de cada dez teñen a unha muller á
fronte.
Doutra
banda, estímase que a nova crise económica vai afectar máis ás mulleres máis
vulnerables que, en moitos casos, dependen economicamente das súas parellas.
Fronte a esta situación, elaboráronse pactos pola recuperación económica en
todos os niveis da administración para incidir e compensar os efectos da
pandemia. Pero diversos expertos, expertas e organismos nacionais e
internacionais (Ministerio de Igualdade, ONU,
PNUD, etc.) están a alertar de que en épocas de crise o enfoque de
xénero é un dos puntos que as administracións tachan da súa axenda, mentres que
precisamente é nestas crises cando debemos reforzar a nosa mirada cara ás
mulleres e as nenas, para poder paliar o dano real causado a todos os niveis
das súas vidas.
E é
neste sentido onde é imprescindible aplicar a perspectiva de xénero como
ferramenta de análise que nos permite introducir cambios reais e concretos cara
á construción dunha sociedade igualitaria. Algo que debería estar presente en
calquera plan de reconstrución para evitar un retroceso nos dereitos
adquiridos.
A Comisión Europea recoñece que se non se
avanza en políticas de xénero costaranos 70 anos alcanzar unha igualdade de
salario entre homes e mulleres, 40 anos a correponsabilidade do traballo
doméstico e 20 anos alcanzar políticas de xénero.
As
crises anteriores incrementaron as desigualdades e discriminacións. A maioría
de mulleres atópanse nas posicións máis precarias e vulnerables tanto no
aspecto laboral coma no social. Esta crise non a imos a pagar nós, necesitamos
políticas que poñan a protección das persoas no centro, especialmente as máis
vulnerables e as que van sufrir as peores consecuencias.
Por
todo iso, é urxente a posta en marcha e profundización das actuacións do Pacto
de Estado contra a Violencia de Xénero para despregar xa medidas e políticas
igualitarias nesta situación de crise
multidimensional. E á súa vez, para iso é fundamental unha
reconsideración dos nosos servizos públicos que estando feridos de morte, non
poden atendernos nin garantir os nosos dereitos e protexer as nosas vidas. Necesitamos
unha aposta clara pola ampliación de recursos e reestruturación do público e o
común.
Pero
a esta situación de crise, súmanse outras que describen unha realidade
preocupante, como é a situación das e dos menores ante as violencias machistas.
Segundo os datos do Informe de Menores e Violencia de Xénero o 24% da mocidade
no noso país entre 14 e 18 anos foi testemuña de episodios de violencia
machista cara á súa nai e, deles, o 77% confesa que foi maltratado/a
directamente polo mesmo agresor, dos cales o 70% era o seu pai.
Estamos
a vivir un colapso duns servizos xurídicos, sociais e sanitarios precarizados e
recortados xa antes da crise do Coronavirus, que non poden pagar as vítimas de
violencias machistas. Debemos resolver de forma urxente o acceso, a ampliación
de tempo, dereitos e medidas de protección ás mulleres que conseguen a
acreditación de vítima de Violencia de Xénero. A vixencia de dous anos para
todas as actuacións (sen estimar tempos diferentes para diferentes actuacións)
non é suficiente para que unha muller refaga a súa vida e poida acceder aos
diferentes recursos que expón a lei, en canto a cuestións laborais, de
formación (como as oposicións) e outras medidas de apoio sociolaboral.
E
por último, consideramos urxente o recoñecemento de todas as violencias
machistas que afectan de forma incisiva na vida das mulleres e fomentan a
cultura da violación e a violencia.
Por todo o anteriormente exposto,
é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno
a aprobación da seguinte,
Proposta de acordo:
● PRIMEIRO: Instar ao Goberno de España a
que se modifique a Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra
a Violencia de Xénero ampliando a propia definición de violencia de xénero,
cumprindo co ratificado dentro o Convenio de Istambul en 2014. É dicir, que se
inclúan as violencias contra as mulleres fóra do ámbito da parella ou exparella, que se incorpore a violencia
sexual, laboral, institucional e tamén que se incorporen os ventres de aluguer
e a prostitución como violencia de xénero.
● SEGUNDO: Instar ao Goberno de España a que se desenvolva
unha Lei Integral para loitar contra Trata de Seres humanos, que ademais de
previr e perseguir esta secuela e ás redes de delincuentes que se lucran con esta «escravitude moderna»,
conteña un plan de integración para as miles de vítimas, a maior parte mulleres
e nenas, aínda sen cuantificar no Estado español, que é un dos principais
destinos europeos das migrantes captadas
polas redes para exercer a prostitución.
● TERCEIRO: Instar a que na comisión
sectorial de igualdade se amplíe o tempo de acreditación de vítima de violencia
de xénero para posibilitar a súa inclusión en procesos de incorporación
sociolaboral.
● CUARTO: Realizar un informe de impacto de xénero das propostas
recollidas nos plans de reconstrución para incluír os factores de corrección
necesarios para evitar aumentar os desequilibrios de xénero existentes.
● QUINTO: Impulsar plans de igualdade con
suficientes recursos humanos e materiais. Así como mellorar os datos para a
sensibilización social e a planificación e avaliación das políticas de
igualdade.
● SEXTO: Avaliar a posta en marcha do
Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero nas entidades locais e autonómicas
para garantir que se está utilizando de maneira adecuada e os obxectivos que se
están traballando.
● SÉTIMO: Implementar a educación
afectivo-sexual e contra a discriminación e violencia de xénero desde a óptica
feminista e desde a diversidade en todas as fases educativas.
● OITAVO: Reforzar as actuacións con
menores en contexto de violencia de xénero e as actuacións dos puntos de
encontro para adecuarse ao contexto.
● NOVENO: Desenvolver plans de formación
e sensibilización contra a violencia de xénero de obrigado cumprimento ao
persoal sanitario, educativo, xurídico e ás Forzas e Corpos de Seguridade, con
cursos mantidos no tempo, actualizados e avaliables.
● DÉCIMO: Fortalecer a rede pública de
atención ás vítimas internalizando os
servizos de atención directa, de acollida e a atención do teléfono de atención
á violencia para posibilitar empregos dignos como primeiro paso para a boa
atención, información e asistencia das vítimas de VX.
● UNDÉCIMO: Desenvolver e profundar nas
campañas de concienciación e información específicas para o contexto actual,
implicando ás contornas próximas ás mulleres que sofren a violencia para que as
apoien e comuniquen a situación ás administracións correspondentes.
23 outubro 2020
EU súmase á concentración do domingo en defensa dunha sanidade de calidade no Grove e animan á veciñanza a acudir
Os esquerdistas indican que, a pesar de estar convocada por un grupo político concreto, secundan a concentración porque a demanda é compartida tanto polo seu grupo como pola sociedade grovense.
Animan a toda a veciñanza a acudir á concentración, coas medidas de seguridade e sanitarias pertinentes, para lograr unha atención primaria presencial e a construción dun novo Centro de Saúde que garanta unha sanidade pública de calidade no noso concello.
O Grove, 22 de outubro de 2020.- A agrupación local de Esquerda Unida secunda a Concentración convocada para o vindeiro domingo 25 de outubro diante da Casa do Concello e súmanse así ás reivindicacións que o BNG fai na mesma: Unha atención primaria presencial e a construción dun novo Centro de Saúde. Unhas reclamacións que, indican os esquerdistas, son unánimes non só nos grupos políticos senón na totalidade da veciñanza grovense.
Recordan que hai máis dun ano xa saíron a rúa, daquela convocada por todos os grupos municipais, reclamando unha atención primaria de calidade logo da situación que se estaba a vivir no Centro de Saúde do Grove. A situación non mudou no último ano, e son notorias as continuas queixas que a veciñanza ven realizando debido a ausencia continuada de médicos. Queixas que veñen en aumento nos últimos seis meses xa que, á ausencia de facultativos, hai que engadir as restricións que a Xunta impuxo coa Covid-19, que limita a atención presencial en prol dunha atención telefónica que está a prexudicar aínda máis á veciñanza con doenzas. Por iso, dende Esquerda Unida reclaman a volta á atención presencial, coas medidas de seguridade pertinentes, e que se cubran as baixas de todos os facultativos do Centro de Saúde.
Sobre este, o Centro de Saúde, os esquerdistas
tamén comparten a demanda da construción dun novo edificio, pois entenden que é
unha das débedas históricas que a Xunta de Galicia ten co Grove. Si ben afirman
que parte da culpa de que non se conte con esa importante infraestrutura “tamén
a ten o goberno local, pois non é quen de poñer uns terreos a disposición da
administración autonómica”. Entre outras cuestións, recordan que o terreo
proposto para a construción deste edificio, na zona das Touzas, precisa da
aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, “documento que o executivo
dirixido por Cacabelos non quere aprobar a pesar de contar cunha maioría máis
que suficiente para elo”.
Así mesmo, dende Esquerda Unida non entenden a pasividade do goberno municipal no tema sanitario e recordan que no mes de agosto, cando afloraron as maiores críticas pola ausencia de facultativos no Centro de Saúde, o grupo municipal esquerdista solicitou unha reunión de voceiros para traballar de forma conxunta en accións de presión e protesta ante esa grave situación. “Xuntanza que nunca tivo lugar e pola que aínda agardamos a día de hoxe”, sentencian dende as filas esquerdistas.
É por todo iso, polo que dende Esquerda Unida secundan a Concentración e animan a toda a veciñanza a acudir este domingo ás portas da Casa do Concello, iso si, contando coas medidas de seguridade e sanitarias pertinentes; o uso de máscara e mantendo o distanciamento recomendado.
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove














