sábado, 28 de novembro de 2020

O Grove mostra o seu apoio e solidarízase co pobo saharauí

O pleno do Grove mostrou por unanimidade o seu apoio e solidariedade co pobo saharauí ante a agresión marroquí que viola as fronteiras e os acordos de paz establecidos en 1991 e que tamén representa unha ruptura do cesamento do fogo. 

Así mesmo, O Grove apoia dereito do pobo saharauí á celebración dun referendo de autodeterminación recoñecido pola ONU en varias resolución dos Consello de Seguridade.

A moción foi presentada polo Grupo Municipal de Esquerda e defendida polo seu voceiro, que asegurou que a pesar de ser unha moción que excede os límites municipais O Grove como pobo solidario e con vínculos co Sáhara -moitos veciñas e veciños teñen acollido durante moitos anos en época estival a nenas e nenos dos campamentos de refuxiados saharauís- non podía pasar por alto esta situación e debía mostrar o seu apoio e defender o dereito a decidir o seu futuro.


MOCIÓN INTEGRA DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA

MOCIÓN ANTE O CONFLITO NA ZONA DESMILITARIZADA DO SUR DO SÁHARA E A AGRESIÓN MILITAR MARROQUINA NO GUERGUERAT

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Neste ano 2020 veñen de cumprise 45 anos do abandono ao pobo saharaui e da ocupación ilegal de Marrocos nos territorios do Sáhara Occidental. 45 anos no que este pobo ten sufrido os rigores do deserto, o espolio dos seus recursos naturais pola potencia ocupante e o desleixo da Comunidade Internacional, incapaz en máis de catro décadas de dar cumprimento aos acordos da ONU para permitir a liberdade e independencia do pobo saharauí no seu territorio.

A noite do 13 ao 14 de novembro, tropas regulares da Forzas Armadas Reais (FAR) de Marrocos penetraron na zona desmilitarizada do extremo sur do Sáhara para reprimir unha mobilización pacífica de mulleres e homes saharauís no Gerguerat. En realidade, Marrocos ven de realizar tres fendas no muro que construíu hai décadas de máis de 2700 km para realizar unha incursión militar en territorio saharauí coa escusa de dar por rematada a concentración que protestaba polos incumprimentos marroquís no tocante ao paso do Guerguerat e o uso fraudulento de milleiros de camións entre a franxa que separa a aduana marroquí e a fronteira con Mauritania, un paso fronteirizo ilegal e que nos últimos meses estaba a ser militarizado polo goberno marroquí, feito que xerou unha protesta pacífica da poboación saharauí ante unha agresión territorial intolerable.

Esta acción militar ilegal e contraria aos acordos da ONU realizada por tropas marroquís foi a causante dun intercambio de disparos por primeira vez en décadas entre as forzas da Fronte Polisaria e das FAR de Marrocos. A estas alturas descoñécese o número de vítimas pero é evidente a gravidade dos feitos que poden dar ao traste cun alto o fogo que persistía, non sen complicacións, dende 1991.

Non obstante, a única solución a este conflito non é a guerra, senón a organización sen máis demora dun referendo de autodeterminación que pregunte ao pobo saharauí se quere a independencia ou a súa integración en Marrocos. Iso é o que se acordou en varias resolucións das Nacións Unidas e debe cumprirse. O pobo saharauí ten dereito a iso, pero este referendo esta vez non pode agardar.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

O Pleno do Concello do Grove:

  1. Expresa o seu apoio e solidariedade co pobo saharauí ante a agresión marroquí que viola as fronteiras e os Acordos de Paz establecidos en 1991 e que tamén representa unha ruptura do cesamento do fogo, ademais de apoiar o seu dereito de autodeterminación a recoñecida pola ONU na resolución 690 do Consello de Seguridade de 29 de abril de 1991.
  2. Instar ao goberno de España, como antiga metrópole colonial e administradora de iure, a establecer un traballo diplomático para evitar a guerra sen que esta signifique a renuncia do pobo saharauí á defensa da integridade do seu territorio e os dereitos humanos da poboación afectada pola ocupación marroquí.
  3. Así mesmo, insta a que esas accións diplomáticas de máis alto nivel vaian encamiñadas a acordar unha data firme de celebración do referendo de autodeterminación do Sáhara Occidental en cumprimento dos acordos internacionais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario