martes, 27 de outubro de 2020

O Pleno aproba por unanimidade a moción de EU do 25N-Día Contra a Violencia de Xénero

O Pleno aprobou no día de onte por unanimidade a moción presentada pola concelleira de Esquerda Unida, Cristina Domínguez, relativa ao 25 de novembro -Día Internacional Contra a Violencia de Xénero-. 

A moción contemplaba un total de 11 propostas de acordo entre as que destacan a de instar ao goberno do estado a modificar a Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para incluír as violencias contra as mulleres fóra do ámbito da parella ou exparella, incorporar a violencia sexual, laboral, institucional, os ventres de aluguer e a prostitución; instar ao goberno do estado a desenvolver unha Lei Integral para a loita de trata de seres humanos; impulsar plans de igualdade con suficientes recursos humanos e materiais; implementar a educación afectivo-sexual e contra a discriminación e violencia de xénero dende a óptica feminista e a diversidade en todas as fases educativas; desenvolver plans de formación e sensibilización ao persoal sanitario, xurídico e as forzas e corpos de seguridade; fortalecer a rede pública de atención a vítimas; e profundar nas campañas de concienciación.

Moción completa: 

25 DE NOVEMBRO 2020

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Este 2020 está marcado pola pandemia da Covid-19 e a crise social e económica. Esta situación, volve evidenciar as desigualdades de xénero que sosteñen a un sistema que non protexe, nin ofrece vidas dignas e seguras ás mulleres. A situación de confinamento, as limitacións á mobilidade e as consecuencias das medidas tomadas para facer fronte ao coronavirus, intensificaron as violencias machistas.

Moitas mulleres atopáronse encerradas cos seus maltratadores nunha especial situación de vulnerabilidade e incerteza. Durante o primeiras seis semanas de corentena realizáronse máis de 4.000 detencións por violencia machista, ademais vemos un aumento de máis do 50% do uso servizo telefónico do 016 e de máis dun 100% do seu uso  online. Segundo os datos do Ministerio de Igualdade, as chamadas ao 016 incrementáronse no mes de abril un 60% con respecto a abril de 2019, e as consultas  online incrementáronse ese mesmo mes case un 600% comparado con abril do ano anterior.

Así mesmo, a pandemia do COVID-19 resaltou as diferentes fendas de xénero que seguen existindo en todos os ámbitos da nosa sociedade. Durante este período, as mulleres foron as protagonistas, tanto no ámbito sanitario —sendo elas a inmensa maioría de persoas traballadoras— como no ámbito dos coidados, vivindo situacións de precariedade e risco para a saúde para as empregadas do fogar e atención domiciliaria.

Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), as mulleres son maioritarias nos postos de primeira liña de combate da epidemia. Elas representan o 51% do persoal médico, o 84% de enfermería, o 72% en farmacia, o 82% en psicoloxía e un 85% do persoal que traballa nas residencias de maiores e persoas dependentes onde se deron as peores cifras de falecementos. Tamén son maioritarias noutros servizos esenciais como son o comercio e a alimentación, a limpeza de hospitais e representan a práctica totalidade das empregadas do fogar, dos coidados.

A isto súmase a maior carga das mulleres nas tarefas de coidados. O 70% destas tarefas son realizadas polas mulleres e neste contexto de coronavirus sufriron unha maior sobrecarga tanto polas condicións laborais do teletraballo, como polo coidado do fogar, menores e persoas dependentes. Esta sobrecarga de traballo non se viu respondida con mecanismos de corresponsabilidade desde todos os ámbitos: administracións, empresas e fogares. Especialmente afectadas están as familias monoparentais, das que oito de cada dez teñen a unha muller á fronte.

Doutra banda, estímase que a nova crise económica vai afectar máis ás mulleres máis vulnerables que, en moitos casos, dependen economicamente das súas parellas. Fronte a esta situación, elaboráronse pactos pola recuperación económica en todos os niveis da administración para incidir e compensar os efectos da pandemia. Pero diversos expertos, expertas e organismos nacionais e internacionais (Ministerio de Igualdade, ONU,  PNUD, etc.) están a alertar de que en épocas de crise o enfoque de xénero é un dos puntos que as administracións tachan da súa axenda, mentres que precisamente é nestas crises cando debemos reforzar a nosa mirada cara ás mulleres e as nenas, para poder paliar o dano real causado a todos os niveis das súas vidas.

E é neste sentido onde é imprescindible aplicar a perspectiva de xénero como ferramenta de análise que nos permite introducir cambios reais e concretos cara á construción dunha sociedade igualitaria. Algo que debería estar presente en calquera plan de reconstrución para evitar un retroceso nos dereitos adquiridos.

A Comisión Europea recoñece que se non se avanza en políticas de xénero costaranos 70 anos alcanzar unha igualdade de salario entre homes e mulleres, 40 anos a correponsabilidade do traballo doméstico e 20 anos alcanzar políticas de xénero.

As crises anteriores incrementaron as desigualdades e discriminacións. A maioría de mulleres atópanse nas posicións máis precarias e vulnerables tanto no aspecto laboral coma no social. Esta crise non a imos a pagar nós, necesitamos políticas que poñan a protección das persoas no centro, especialmente as máis vulnerables e as que van sufrir as peores consecuencias.

Por todo iso, é urxente a posta en marcha e profundización das actuacións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para despregar xa medidas e políticas igualitarias nesta situación de crise  multidimensional. E á súa vez, para iso é fundamental unha reconsideración dos nosos servizos públicos que estando feridos de morte, non poden atendernos nin garantir os nosos dereitos e protexer as nosas vidas. Necesitamos unha aposta clara pola ampliación de recursos e reestruturación do público e o común.

Pero a esta situación de crise, súmanse outras que describen unha realidade preocupante, como é a situación das e dos menores ante as violencias machistas. Segundo os datos do Informe de Menores e Violencia de Xénero o 24% da mocidade no noso país entre 14 e 18 anos foi testemuña de episodios de violencia machista cara á súa nai e, deles, o 77% confesa que foi maltratado/a directamente polo mesmo agresor, dos cales o 70% era o seu pai.

Estamos a vivir un colapso duns servizos xurídicos, sociais e sanitarios precarizados e recortados xa antes da crise do Coronavirus, que non poden pagar as vítimas de violencias machistas. Debemos resolver de forma urxente o acceso, a ampliación de tempo, dereitos e medidas de protección ás mulleres que conseguen a acreditación de vítima de Violencia de Xénero. A vixencia de dous anos para todas as actuacións (sen estimar tempos diferentes para diferentes actuacións) non é suficiente para que unha muller refaga a súa vida e poida acceder aos diferentes recursos que expón a lei, en canto a cuestións laborais, de formación (como as oposicións) e outras medidas de apoio sociolaboral.

E por último, consideramos urxente o recoñecemento de todas as violencias machistas que afectan de forma incisiva na vida das mulleres e fomentan a cultura da violación e a violencia.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte,

Proposta de acordo:

PRIMEIRO: Instar ao Goberno de España a que se modifique a Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero ampliando a propia definición de violencia de xénero, cumprindo co ratificado dentro o Convenio de Istambul en 2014. É dicir, que se inclúan as violencias contra as mulleres fóra do ámbito da parella ou  exparella, que se incorpore a violencia sexual, laboral, institucional e tamén que se incorporen os ventres de aluguer e a prostitución como violencia de xénero.

●  SEGUNDO: Instar ao Goberno de España a que se desenvolva unha Lei Integral para loitar contra Trata de Seres humanos, que ademais de previr e perseguir esta secuela e ás redes de delincuentes que se  lucran con esta «escravitude moderna», conteña un plan de integración para as miles de vítimas, a maior parte mulleres e nenas, aínda sen cuantificar no Estado español, que é un dos principais destinos europeos das  migrantes captadas polas redes para exercer a prostitución.

TERCEIRO: Instar a que na comisión sectorial de igualdade se amplíe o tempo de acreditación de vítima de violencia de xénero para posibilitar a súa inclusión en procesos de incorporación sociolaboral.

CUARTO:       Realizar un informe de impacto de xénero das propostas recollidas nos plans de reconstrución para incluír os factores de corrección necesarios para evitar aumentar os desequilibrios de xénero existentes.

QUINTO: Impulsar plans de igualdade con suficientes recursos humanos e materiais. Así como mellorar os datos para a sensibilización social e a planificación e avaliación das políticas de igualdade.

SEXTO: Avaliar a posta en marcha do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero nas entidades locais e autonómicas para garantir que se está utilizando de maneira adecuada e os obxectivos que se están traballando.

SÉTIMO: Implementar a educación afectivo-sexual e contra a discriminación e violencia de xénero desde a óptica feminista e desde a diversidade en todas as fases educativas.

OITAVO: Reforzar as actuacións con menores en contexto de violencia de xénero e as actuacións dos puntos de encontro para adecuarse ao contexto.

NOVENO: Desenvolver plans de formación e sensibilización contra a violencia de xénero de obrigado cumprimento ao persoal sanitario, educativo, xurídico e ás Forzas e Corpos de Seguridade, con cursos mantidos no tempo, actualizados e avaliables.

DÉCIMO: Fortalecer a rede pública de atención ás vítimas  internalizando os servizos de atención directa, de acollida e a atención do teléfono de atención á violencia para posibilitar empregos dignos como primeiro paso para a boa atención, información e asistencia das vítimas de  VX.

UNDÉCIMO: Desenvolver e profundar nas campañas de concienciación e información específicas para o contexto actual, implicando ás contornas próximas ás mulleres que sofren a violencia para que as apoien e comuniquen a situación ás administracións correspondentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario