Os esquerdistas solicitan unha xuntanza urxente da Mesa de Cultura e Patrimonio para abordar a decisión da Xunta de Galicia de eliminar a Torre de Escuredo do rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e procurar accións para que non desapareza o único BIC do Grove.
O
voceiro esquerdista denuncia tamén a inacción municipal nestes anos e volve
preguntar pola documentación relativa á Torre reclamada dende xaneiro.
O
Grove, 8 de xuño de 2021.- O Grove ergueuse no día
de onte coa publicación do número 106 do Diario Oficial de Galicia, onde na súa
páxina 28.127 anunciaba que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural,
dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, na súa resolución
do 25 de maio, excluía do Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia
(BIC) á denominada Torre de Escuredo.
Dende
Esquerda Unida cualifican esta decisión como “unha estocada ao patrimonio do
noso concello” e considera que “hai que actuar dunha vez por todas”. O seu
voceiro, José Antonio Otero, entende que “é o momento de xuntarnos e poñer o
asunto da Torre de Escuredo enriba da mesa, co propósito de traballar de forma
conxunta na procura de accións e/ou solucións a esta decisión de Patrimonio”.
Por ese motivo, os esquerdistas pediron onte por rexistro a convocatoria
urxente da Mesa da Cultura e Patrimonio –aprobada en pleno no mes de febreiro e
que tivo unha escasa xuntanza de toma de contacto– ou no seu defecto, unha
xuntanza de voceiros dos grupos municipais.
“Temos
un mes para presentar alegacións a esta decisión e hai que comezar canto antes
a traballar nelas”, indica Otero, que á vez dubida que o Alcalde estea disposto
a traballar de forma conxunta para solucionar este asunto. “Tennos acostumados
a non querer contar co resto dos grupos para abordar os asuntos municipais
e tememos que neste caso pasará o mesmo”, sentenza Otero.
Se
ben esta decisión de Patrimonio deriva dunha reclamación interesada realizada
polos propietarios da Torre, para o voceiro esquerdista “a parsimonia do
goberno municipal non axudou a evitar este desenlace”. José Antonio Otero
lembra que en novembro de 2017 aprobouse en pleno por unanimidade a creación
dunha comisión para realizar un seguimento da situación da Torre de Escuredo e
tomar medidas ante o deterioro da edificación, entre elas a de considerar o
inicio dun procedemento de expropiación. Así mesmo, nun pleno de marzo de 2019
tamén se aprobou a realización un informe xurídico, outro dun arquitecto
especialista e unha taxación independente do BIC, á vez que se abría a
posibilidade de acudir á Fiscalía para depurar responsabilidades ante o
deterioro do inmoble e a inacción da Xunta. “Ningunha destas cuestións foi
executada polo goberno municipal nestes anos” dando continuas desculpas cando
algún voceiro preguntabamos nos plenos”, indica Otero.
O
esquerdista denuncia tamén que dende o Concello seguen sen facilitarlle a
documentación relativa aos expedientes que figuran nas dependencias municipais
sobre a Torre de Escuredo, a pesar de tela solicitado por rexistro no mes de
xaneiro. “Non sabemos se é intencionado ou non, ou se a decisión de Patrimonio
sobre a Torre de Escuredo está relacionada, pero cando menos da que sospeitar”,
sentenza Otero.
Así
e todo, dende Esquerda Unida cren que aínda é posible salvar a Torre de
Escuredo e que esta continúe no rexistro de Bens de Interese Cultural de
Galicia, e para iso insisten en poñerse a traballar de forma conxunta para que
a Xunta recúe na súa decisión.
Gabinete
de Prensa
Ningún comentario:
Publicar un comentario