xoves, 10 de xuño de 2021

Seguimos agardando pola documentación relativa ao Protocolo CES

 

📣📣Logo de dous meses e medio, seguimos agardando pola documentación relativa ao Protocolo CES🐾 que supostamente está aplicando o Concello do Grove.
➡O 29 de marzo, Esquerda Unida presentou a pleno unha moción para solicitar a aplicación do Protocolo CES no noso concello. O goberno tumbou a nosa proposta aludindo que estaban traballando nese aspecto e ofreceunos unha documentación onde se constataba todo o que, dende o concello, levan feito en relación ás colonias felinas e á aplicación do protocolo CES. Non só aceptamos a documentación, senón que oito días despois (6 de abril) solicitamos✍ a mesma a través do rexistro municipal.
Ante a tardanza⌛ na entrega da citada documentación, no pleno do 26 de abril, o noso voceiro, José Antonio Otero, preguntou pola mesma, obtendo unha desculpa por parte da concelleira responsable, que textualmente (como se pode ver no vídeo) indicou: “pensei que o Técnico de Medio Ambiente xa lle remitira a documentación, pero bueno, quedou de facelo, non o fixo. Mañá a primeira hora xa llo recordo para que así o faga”.
📅Un mes despois, no pleno do 31 de maio, o noso voceiro volveu preguntar novamente o motivo polo que seguiamos sen recibir a documentación por parte do concello. Esta vez, en base á resposta do pleno anterior, o noso voceiro fixo alusión a que no pleno anterior a concelleira dixera que fora culpa do Técnico de Medio Ambiente que non o mandara. A concelleira volveu reiterar as desculpas e indicar que llo recordaría ao día seguinte ao técnico. Tamén se mostrou enfadada porque dixemos que ela lle botara as culpas ao técnico, afirmando que non era verdade e que ela nunca lle botara as culpas a ningún traballador dependente do seu cargo.
Curioso, pois así o fixo no pleno de abril, indicando que o técnico quedara en enviar a documentación, e así o reiterou no pleno de maio, cando dixo que llo volvería recordar.
🙄 Dunha maneira ou outra, a día de hoxe, seguimos sen contar coa documentación relativa ao asunto referido, e estamos por asegurar que esa documentación non existe, e cando menos, non existía o día do pleno no que se tratou a moción sobre o Protocolo CES, pero serviulle de desculpa para votar en contra da proposta e seguir sen facer nada, como ata o de agora.
Grupo Municipal Esquerda Unida

Ningún comentario:

Publicar un comentario