Unha das carpas da Festa do Marisco. Foto: Faro de Vigo. |
Ofrecer maiores facilidades ás persoas con
mobilidade reducida durante o evento gastronómico foi a principal demanda dos
esquerdistas.
Manter a seguridade no acceso ao recinto da
festa, a solicitude de reforzos policiais e a instalación dun punto morado foron
demandados por Esquerda Unida.
O
Grove, 12 de setembro de 2019.- Este mércores tivo lugar a
celebración do Consello Local de Turismo onde, ademais de analizar as contas da
Festa do Marisco do 2018, visualizar o programa da actual edición que comezará
o día 3 de outubro e realizar as propostas para as Centolas de Ouro, Esquerda
Unida trasladou unha serie de propostas para mellorar o evento gastronómico en
canto a accesibilidade e seguridade.
A
agrupación esquerdistas, que estivo representada neste consello sectorial por
Susana Millán e o concelleiro José Antonio Otero, trasladou ao resto de
representantes e ao propio goberno a súa preocupación polas dificultades que as
persoas con mobilidade reducida se atopan no recinto durante a celebración da
festa gastronómica grovense. Unha problemática que, segundo indican, foilles
trasladada durante a pasada campaña electoral por un colectivo local. E é que
para os esquerdistas, “unha persoa con mobilidade reducida atópase coa primeira
pedra nada máis achegarse ás caixas, pois non contan coa accesibilidade
adecuada” e por iso “solicitamos que se habilite unha caixa a nivel do chan
para facilitar que estas persoas poidan adquirir os tickets pola súa propia
conta”. Pero os problemas non rematan aí pois, se son capaces de mercar os
tickets, “teñen que facer números para retirar os produtos, pois a
inaccesibilidade é aínda maior e dificulta a tarefa” sentencia Otero, que pide
que, “ante a imposibilidade de mellorar este aspecto, se dispoña dunha persoa
do concello que realice ese traballo”.
Outro
dos problemas que preocupa a Esquerda Unida é a distancia á que se atopan os
diferentes servizos a disposición das persoas con mobilidade reducida, “pois
dende as caixas ou mesas, existe unha gran distancia ata o posto de socorro,
onde deben solicitar unha cadeira en caso de precisala, ou ata os servizos
adaptados, que se atopan detrás da lonxa”. Por ese motivo José Antonio Otero e
Susana Millán solicitaron que se tentase mellorar este aspecto e procurar
reducir esas distancias.
Ademais
destes aspectos, os esquerdistas solicitaron que se procurase recuperar a carta
de produtos en Braille, que xa estivo dispoñible outros anos, e que se
instalase un microondas e un cambiador na sala de lactación xa que, segundo
indican, tan só conta con dúas cadeiras.
Por
outro lado, a seguridade da Festa foi outro dos aspectos nos que Esquerda Unida
fixo propostas. Otero e Millán reclamaron que se mantivese o peche perimetral
do recinto, ao igual que en edicións pasadas, “para evitar calquera posible
incidente con vehículos que poidan tentar acceder á zona de festa co propósito
de facer dano”. Así mesmo pediron ao goberno que se reclamase a outros
concellos a cesión de axentes de Policía para reforzar durante o evento o
precario servizo co que conta nestes momentos O Grove. Por último, os esquerdistas reclamaron a
instalación dun Punto Morado de atención e información ás vítimas de violencia
de xénero durante os 10 días da festa, ou cando menos nos días de concertos e
maior afluencia de visitantes.
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove
Á ORGANIZACIÓN DA FESTA DO MARISCO
CONSELLO LOCAL DO TURISMO
Dende Esquerda Unida queremos realizar unha serie de
propostas para a presente edición da Festa do Marisco (2019). As mesmas están
divididas en dous bloques.
1.- ACCESIBILIDADE
2.- SEGURIDADE
1.- ACCESIBILIDADE:
Logo de termos mantido unha xuntanza cun colectivo
relacionado coas persoas con mobilidade reducida, este mostrounos unha serie de
problemas de accesibilidade existentes durante a celebración da Festa do
Marisco. Está claro que se ten mellorado moito no aspecto de accesibilidade nas
últimas edicións, pero aínda así existen aspectos que poderían beneficiar aínda
máis a estas persoas, e así nolo fixeron chegar.
Unha das problemáticas que se atopa unha persoa con
mobilidade reducida dentro do recinto da festa é un dos primeiros puntos de
parada: as caixas onde deben recoller os tickets
para obter os produtos. Indícasenos que o acceso ás mesmas é complicada, pois
as ramplas existentes non permite que estas persoas poidan mercar os seus tickets sen depender da axuda doutra
persoa. A segunda dificultade que se atopan é no momento no que queren trocar
eses tickets, mercados con
dificultade, pois os postos de comida son inaccesibles pola súa configuración,
corredoiros estreitos e con numerosos obstáculos.
Outra das cuestións da que nos alertan son as
distancias que teñen que percorrer para acceder aos servizos á súa disposición.
As distancias son excesivas; dende as caixas ao posto socorro, onde terían que
dirixirse para solicitar unha cadeira, ou mesmo se desexan facer uso dos aseos
adaptados, que se atopan detrás da lonxa.
Por último, tamén se nos indica da problemática que
se atopan para visualizar os concertos, pois así como agradecen a iniciativa de
instalar un palco reservado para estas persoas, atópanse con que o mesmo está
sendo usado por persoas sen dificultades sen que ninguén lles impida ese uso,
dificultando que o poidan usar con comodidade ou simplemente renuncien ao seu
uso por non atoparse con problemas.
Por ese motivo, dende Esquerda Unida facemos unha
serie de propostas, en base, tal e como indicamos anteriormente, ás indicacións
e recomendacións dun colectivo relacionado coas persoas de mobilidade reducida.
- Instalación, cando menos, dunha caixa a nivel do chan con preferencia
para as persoas con mobilidade reducida ou mellorar a accesibilidade ás caixas con
ramplas en condicións que faciliten o acceso.
- Dispoñer de persoal de asistencia, non é preciso que de forma
permanente, que realice a tarefa de recollida dos alimentos que merquen estas
persoas, se así o requiren.
- Dispor dunha zona na que existan mesas adaptadas, sen ser preciso que
sexan reservadas pero si preferentes para este colectivo.
- Procurar aproximar os aseos adaptados a unha zona máis próxima ao espazo
dos comensais. Se é posible preto desas mesas preferentes indicadas no punto
anterior.
- Que o lugar no que se soliciten/recollan as cadeiras reservadas para
persoas con mobilidade reducida se aproxime á zona de caixas ou ao espazo das
mesas indicado no punto terceiro.
- Que no palco dos concertos reservado para persoas con mobilidade reducida
se dispoña de persoal que vixíe que o uso sexa exclusivo para estas.
- Recuperar a carta en Braille existente en outras edicións.
Fora da accesibilidade pero como mellora noutros
aspectos propoñemos;
- Que á zona de lactación, ademais das dúas cadeiras, que era o único co
que contaba, se incorpore un microondas e un cambiador.
2.- SEGURIDADE
Co propósito
de mellorar a seguridade da Festa do Marisco en todos os aspectos, propoñemos:
- Tendo en
conta que o Ministerio de Interior mantén o Nivel 4 de Alerta Antiterrorista
(NAA) instamos a manter o peche perimétrico do recinto con obstáculos que
dificulten o acceso de vehículos de forma descontrolada, tal e como se leva
realizando dende hai uns anos tras instancia de Esquerda Unida.
- Dada a
precariedade na que se atopa o servizo da Policía Local instamos a que se
soliciten reforzos a outros concellos (ao igual que ten feito Cambados co
Albariño) e a outras forzas do estado (Garda Civil, Policía Autonómica) para o
control e seguridade do recinto da festa así como do tráfico rodado do
concello, sobre todo nos días de maior afluencia.
- Que se
instale un Punto Morado contra as violencias machistas durante os días da
festa, localizado nunha zona visible e que conte co persoal cualificado.
O Grove, 1 de setembro de 2019.
Agrupación
Local de Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario