mércores, 18 de setembro de 2019

Esquerda Unida pregunta se o Concello se suma á “emerxencia feminista” e convocará concentración o 20S no Grove





Para este venres están convocadas manifestacións e concentracións nocturnas en todo o estado como repulsa ás violencias machistas sufridas durante todo o ano e dende Esquerda Unida queren saber se no Grove se vai realizar algo.

Ana Cristina Domínguez recorda tamén que para este mércores están convocadas concentracións de repulsa ao asasinato das tres mulleres de Valga e que o concello grovense non figura entre os convocantes.

O Grove, 17 de setembro de 2019.  O pasado 8 de agosto a plataforma feminista de Alacante declarou a "Emerxencia Feminista" e convocou unha manifestación nocturna para este venres 20 de setembro, na que piden que as asistentes porten luces moradas en memoria das vítimas de todo o ano.
Segundo indica a concelleira de Esquerda Unida, Ana Cristina Domínguez, “numerosos colectivos feministas, diferentes partidos políticos e outras tantas corporacións municipais decidiron secundar a declaración de Alacante” e para o vindeiro venres 20 de setembro están convocadas manifestacións e concentracións nun gran número de concellos de todo o estado co propósito de “mostrar a repulsa ás violencias machistas vividas no que vai de ano, pero sobre todo nos meses de verán que se poden considerar os máis negros dos últimos anos”, sentencia Domínguez.
Ante esta situación, e vendo que se achega a data sinalada sen que dende o goberno municipal publicitase ningunha convocatoria, a concelleira de Esquerda Unida decidiu preguntar por rexistro se a concellería de Igualdade grovense ten pensado sumarse a “Alerta Feminista” e convocar no Grove, en colaboración co Consello Local da Igualdade e o CIM, algún acto na noite do día 20 ao igual que o van facer outros concellos.
Así mesmo, Domínguez recorda que “no día de onte vivimos un novo episodio de violencia machista co asasinato das tres mulleres de Valga” e que están convocadas para este mércores un gran número de concentracións de repulsa a “este novo episodio de feminicidio e por ese motivo tamén preguntamos se no Grove se vai facer algún tipo de acto de repulsa coincidindo coas convocatorias do pais”.

E é que segundo a concelleira esquerdista, “non temos coñecemento de unha ou outra convocatoria a través do Consello Local de Igualdade, pero é que tampouco nos diferentes carteis para o mércores ou venres que circulan polas redes sociais consta o nome do noso Concello”. 

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario