venres, 14 de xuño de 2019

Esquerda Unida rexeita o depósito dos lodos do dragado do Lérez nas proximidades de Sálvora


A agrupación local de EU amosa o seu apoio á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa na súa manifestación en contra da decisión de Portos de Galicia.

Instan a Cacabelos a reunir ás concelleiras e concelleiros trala conformación da nova corporación para facer unha declaración institucional opoñéndose ao depósito dos lodos do dragado do Lérez na boca da ría.

O Grove, 12 de xuño de 2019.-  Trala noticia dos últimos días na que se indicaba que Portos de Galicia autorizaba a depositar os lodos, que se retirarán do dragado do río Lérez, nas proximidades da Illa de Sálvora, Esquerda Unida mostra o seu rexeitamento a esta medida que consideran prexudicial para os intereses da ría de Arousa.

Os esquerdistas non entenden que o órgano dependente da Xunta de Galicia tome esta medida logo de que as confrarías de Pontevedra se opuxeran ao depósito dos lodos preto de Tambo, que era a primeira opción. Entenden que si é prexudicial para a ría de Pontevedra, máis o será para a de Arousa que é unha das máis produtivas do estado e instan á Consellería do Mar a valorar, de forma consensual cos sectores implicados, unha alternativa que non prexudique aos sectores produtivos, ao medio ambiente e ás rías galegas.

Esquerda Unida mostra o seu apoio á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa nas súas reivindicacións e insta a Cacabelos a que a primeira medida que tome trala conformación da nova corporación e a toma de posesión como Alcalde, sexa a de convocar a todas as concelleiras e concelleiros para realizar unha declaración institucional apoiando as reivindicacións da PDRA, das confrarías e das asociacións de produtores da Ría de Arousa en contra desta decisión polo risco que este ataque ao noso medio natural supón para os recursos pesqueiros e a economía da zona.

Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario