Prensa:
O Con Negro Paraxe Festival 2008 contará cun amplo programa de actividades
A mañá do venres presentouse no salón de plenos do Concello do Grove o IV Con Negro Paraxe Festival. Para este ano a organización volta a apostar polo formato de tres días con música ao vivo e numerosas actividades complementarias.
Manuel Ángel Dopico, presidente da Asociación Cultural Con Negro, xunto con Francisco Ochoa, secretario da asociación, acompañados de Xan Lamelas, concelleiro de Xuventude, presentaron a edición deste ano do Con Negro Paraxe Festival. Lamelas animou aos organizadores a continuar con esta iniciativa e “facela ir medrando en contidos e interese”. Os organizadores agradeceron o apoio municipal e das empresas colaboradoras, así como dos veciños que fixeron as súas aportacións.
Actividades complementares
Este festival desenvolverase os días 5, 6 e 7 de setembro. As dúas primeiras xornadas xirarán en torno a música, ata un total de dezaseis propostas en directo pasarán polo escenario do Con Negro. O domingo por outra parte durante a tarde celebraranse actividades para nenos e maiores, como obradoiros medio ambientais e a entrega de premios do concurso de debuxo infantil que tamén alcanza a súa cuarta edición. A partir das 19.30 horas o escenario converterase na Pasarela Con Negro, por onde pasarán as propostas de moda outono inverno de Eva Leyba e o estilismo de Lisa Gómez. Para rematar ás 21.30 horas terá lugar unha exhibición de Parkour – Free Running.
Exposicións e cocteleira
Nos días nos que se celebra o IV Con Negro Paraxe Festival, exporanse no recinto as obras participantes no concurso de debuxo infantil, ademais de diversas fotografías da flora e a fauna do paraxe de con Negro.
Nesta edición tamén se poderá degustar o “Con Negro Cóctel”, expresamente formulado polo prestixioso barman José Soto Soengas.
16 grupos
Son 16 as actuacións musicais onde toman especial protagonismo os grupos emerxentes da comarca do Salnés, sexan cales sexan as súas tendencias, ofrecendo un amplo abano de estilos musicais.
O venres a partir das 23.00 horas estarán actuando Ascensión Lírica, Mz, Rambling Rose, Killer Guillotinas, Lúa Cornuda, Renegados del Funk e X-Trume.
Para a noite do sábado a partir das 22.00 horas comezará a música con El Colectivo, G-Project, Analogic, Sky Dancer, Ruido Permanente, Dementis, Bronkitis Crónica, Grove Hustla e como remate unha sesión de Dj. Trini.
Ningún comentario:
Publicar un comentario