mércores, 20 de agosto de 2008

A Escola de Verán dá a coñecer o Acuario e o CIPES aos 130 nenos participantes

Prensa:
A Escola de Verán dá a coñecer o Acuario e o CIPES aos 130 nenos participantes
A Escola de Verán, na que participan uns 130 nenos grovenses, realiza hoxe unha nova excursión e actividade cultural ata Punta Moreiras, segundo indicaron onte desde as concellarías de Medio Ambiente e Xuventude, dirixidas pola socialista Noemí Outeda e o comunista Xan Lamelas, respectivamente.

Os pequenos partirán en Turitren ás 9:30 da mañá, desde o colexio Rosalía de Castro, e posteriormente dividiranse en dous grupos para realizar simultaneamente visitas guiadas ao Acuario e ao Centro de Interpretación da Pesca e da Salga (Cipes).
Os nenos poderán así coñecer a relación da localidade e das persoas co mar, a diversidade natural das costas galegas e o seu valor ambiental, e a tradición da salazón, ademais do rico patrimonio inmaterial ligado á cultura marítima de Galicia.
A Escola de Verán é unha iniciativa do Concello do Grove que pretende ofertar lecer alternativo para os nenos grovenses fóra do curso escolar; ademais tamén axuda a favorecer a conciliación da vida laboral coa familiar, nunha época na que a actividade é moi intensa para a maioría das persoas traballadoras do Grove, que se ocupan en sectores ligados ao turismo como a hostalería e outros servizos.
Este acampamento urbano tivo unha boa acollida entre os pais, que superaron as expectativas iniciais nas reservas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario