31 xaneiro 2019

Esquerda Unida insta a axilizar a aplicación da ordenanza de terrazas e lamenta o desleixo do goberno ao respecto

A xuntanza para analizar a proposta de modificación presentada por Emgrobes que ía realizarse pasada a época estival continúa pendente

A formación alerta de que o tempo para que os cambios poidan entrar en vigor este ano apremia, e lembra que a moratoria concedida para que os locais se adaptasen á nova norma finalizou en 2018

O Grove, 30 de xaneiro de 2019.- O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao Concello a axilizar os traballos relacionados coa aplicación da Ordenanza de Terrazas. Coa moratoria de cinco anos concedida para que os locais puidesen adaptarse á nova norma xa finalizada, esta debería estar xa plenamente vixente este ano. Porén, debido ao desleixo do goberno local os hostaleiros non poden ter aínda a certeza de cales son as directrices que se aplicarán, pois o Concello non ten convocado a xuntanza anunciada para analizar a proposta de modificación que Emgrobes presentou o verán pasado.

Esquerda Unida insta ao goberno local a asumir a súa responsabilidade e a acometer as tarefas relacionadas coa aplicación da nova Ordenanza de Terrazas. Unha norma aprobada en pleno que este ano debera estar plenamente en vigor, e en relación á cal o PSOE semella estar a incorrer nunha inaceptable deixadez de funcións.

A formación insta ao Concello a procurar solucións que conxuguen os intereses da hostelaría e o axeitado funcionamento dos negocios locais cos dereitos da veciñanza. A formación destaca que o período de excepcionalidade polo que se optou o ano pasado xa ten rematado, polo que anima ao goberno local a pronunciarse o antes posible sobre a proposta de modificación de Emgrobes, a deixar de eludir o seu deber e a velar pola axeitada aplicación dunha ordenanza que foi aprobada pola corporación.

Esquerda Unida lembra que os meses pasan e o tempo apremia, polo que anima ao goberno local a asumir a súa responsabilidade e acometer coa máxima urxencia as tarefas pendentes. E é que, tal e como denuncian dende EU, o Concello non se ten pronunciado aínda nin ten convocado a xuntanza para valorar a proposta de modificación á nomeada ordenanza que Emgrobes presentou en xullo. Proposición que o Concello decidiu analizar con calma unha vez finalizada a época estival e que, sen embargo, o goberno de Cacabelos semella ter deixado aparcada nun caixón. “A día de hoxe non se ten realizado ningunha xuntanza para analizar esa proposta, e o tempo é moi xusto. Se queremos que as posibles modificacións entren en vigor este ano debemos apresurarnos, polo que pedimos unha xuntanza o máis axiña posible para tratar este tema”, apremia Esquerda Unida.

Á espera de que o goberno local se pronuncie, a formación á que representan Xan Lamelas e José Antonio Otero teme que o Concello nada teña feito ata o de agora para propiciar a axeitada aplicación dunha ordenanza que xa está en vigor. EU quere saber que medidas ten adoptado o Concello a ese respecto e insta ao goberno local a actuar con rigor e a facer cumprir a norma conforme á legalidade.

Esquerda Unida insta ao Goberno local a cumprir co seu deber, e lembra as protestas e reclamacións da veciñanza coas que o rexedor se comprometeu de xeito público xa no 2016. Daquela o alcalde prometera aos residentes da rúa Pratería, unha das máis afectadas por esta cuestión debido á cantidade de terrazas que alberga, que se ía delimitar un carril claro de circulación para acceso a garaxes que non puidera ser invadido polo mobiliario dos locais. Un acordo que segue sen realizarse, e sobre o que o responsable do goberno local non deu resposta ás preguntas que EU lle fixo nos plenos de xullo, outubro e novembro. 

Esquerda Unida insta ao Concello a cumprir co seu deber, a facer cumprir a norma e a rematar coa folga de brazos caídos pola que o PSOE semella estar a apostar neste asunto. Nese senso, a formación solicita toda a información relacionada coas denuncias relacionadas coa posible instalación indebida de mobiliario na vía pública, así como a relativa ás sancións ou apercibimentos aplicados. 

EU pregúntase tamén se o Concello ten enviado algún bando ou comunicado á hostelaría para lembrarlles aos responsables de locais que o 31 de xaneiro remata, de acordo ao que recolle a nomeada ordenanza, o prazo para solicitar a instalación de terrazas para a próxima tempada. 

Debido á falta de tempo que evitou que este asunto fose abordado nos Rogos e Preguntas do último pleno, a formación ten presentado as súas solicitudes en relación a este asunto a través do Rexistro.

29 xaneiro 2019

Esquerda Unida reclama un maior control sobre as casas de apostas e anima ao Concello a actuar para previr ludopatías

A formación aposta por formación específica para a Policía Local e accións nos centros de ensino para frear condutas aditivas entre a mocidade 
O Grove, 28 de xaneiro de 2019. - O grupo municipal de Esquerda Unida ve necesario que o Concello se involucre de xeito activo para incrementar o control sobre as casas de apostas e previr condutas aditivas, especialmente entre a poboación máis nova. Os edís de EU animan ao goberno local a dar un paso á fronte e a tomar parte activa para frear o incremento da ludopatía que se ten detectado nos últimos meses, e que resulta especialmente preocupante por afectar en gran medida a mocidade e menores de idade. É por elo que a formación leva ao pleno do Concello do Grove unha moción, a través da que insta ao consistorio a traballar, da man de clubes deportivos, centros de ensino e Policía Local, para combater esta problemática e fomentar hábitos saudables.
Dende hai uns anos proliferan os anuncios de casas de apostas deportivas online. Unha publicidade moi agresiva, que tamén se insire en eventos e retransmisións deportivas; e que ten impulsado de xeito alarmante o incremento do número de usuarios. Segundo o último informe trimestral do Mercado do Xogo Online, neste momento hai en España 613.812 persoas que fan uso das casas de apostas; un 13,44% máis que no mesmo período de 2016. 
O xogo patolóxico é un trastorno que figura entre as adiccións de tipo comportamental nas clasificacións médicas e psicolóxicas. Unha adición que consiste na perda do control do comportamento e que se caracteriza por ter graves consecuencias para as persoas que a padecen, como problemas académicos, laborais, económicos, sociais e mesmo legais. É por elo que Esquerda Unida considera necesario que as distintas administracións, dende o Concello ata o goberno central, pasando polo autonómico, actúen adaptando o marco legal e implementando un maior control sobre a publicidade. “Por un lado entendemos que é necesario prohibir a publicidade destes locais e frear a súa expansión a través das ordenanzas ou as normas urbanísticas. Tamén son importantes as medidas de prevención ante a ludopatía. E, por último, expomos unha serie de propostas a nivel fiscal para gravar a actividade das casas de apostas e do xogo online”, explica o grupo municipal de EU.
A formación anima ao Concello a estudar a revisión das ordenanzas municipais para introducir limitacións urbanísticas á implantación de locais de apostas nas inmediacións de espazos frecuentados pola infancia, a adolescencia e a mocidade, como centros educativos, culturais, deportivos e xuvenís. Así como a regular a eliminación de calquera cartelería do mobiliario urbano ou do espazo público deste tipo de establecementos. Igualmente, EU ve necesario que o goberno local impulse actividades formativas nos centros escolares para afondar no uso que a poboación máis nova fai dos xogos online e previr problemas derivados dos mesmos, e anima ao Concello a impulsar espazos e modelos de lecer e socialización que fomenten un ocio san e potencien o coñecemento, o deporte e as artes entre a mocidade.
Esquerda Unida aposta por involucrar tamén á Policía Local, reforzando a formación dos axentes para mellorar a súa capacidade de resposta ante infraccións relacionadas coas apostas e o xogo, particularmente no que se refire ao acceso de menores. Pero tamén aos clubes e aos equipos de fútbol locais, de xeito que estes colaboren eliminando calquera identificación do deporte coas apostas e pondo en marcha campañas de concienciación. 
EU tamén aposta por crear no Concello unha taxa específica para os establecementos que instalen pantallas ou outro tipo de dispositivos na vía pública. No que se refire á implicación do Estado, o grupo municipal ista ao goberno local a demandar do executivo central a reforma da Lei Xeral da Comunicación Audiovisual e da Lei Xeral de Publicidade e a impulsar o Real Decreto de Comunicacións Comerciais das Actividades de Xogo e de Xogo Responsable co obxectivo de restrinxir a publicidade para xogos e apostas online e incrementar a protección do público infantil e xuvenil. Así como a aumentar o tipo aplicable no Imposto sobre Actividades do Xogo para as casas de apostas e do xogo online. 
Por último, EU anima ao goberno local a reclamar tamén a implicación do goberno da Xunta para que este limite a proliferación de casas de apostas físicas mediante o establecemento dun mínimo de metros de separación entre elas, ou por núcleos de poboación; e para que prohiba as terminais de apostas deportivas en bingos, salóns de xogos e casinos.

24 xaneiro 2019

Esquerda Unida solicita un protocolo específico de prevención das violencias machistas para o Entroido

Denuncia a nula iniciativa do Concello, que a pesar da moción aprobada en maio a instancias do grupo municipal de EU aínda non fixo nada para eliminar puntos negros do casco urbano e incrementar a seguridade das mulleres 

O Grove, 23 de xaneiro de 2019.- O grupo municipal de Esquerda Unida reclama a posta en marcha dun protocolo específico de prevención e intervención ante posibles casos de violencia machista durante o Entroido. A formación denuncia o deficiente funcionamento e os medios practicamente nulos que tiveron os Puntos Morados da Festa do Marisco e a nula iniciativa amosada ata este momento polo goberno local no que a prevención destas condutas se refiere; e insta ao Concello a cumprir coa moción de Esquerda Unida aprobada no pleno de maio e a axilizar as medidas para a eliminación de puntos negros e a creación dun espazo público máis seguro para as mulleres. 

Esquerda Unida solicita a creación dun protocolo específico de actuación ante posibles casos de acoso ou abusos sexuais para as próximas celebración do Entroido. Unhas festas que, polas súas características, poden resultar especialmente propensas a este tipo de situacións, e nas que a formación insta ao Concello a instalar Puntos Morados de información e atención ás posibles vítimas.

EU lamenta a iniciativa practicamente nula que o goberno local tivo ata o de agora no que a posta en marcha de medidas concretas para a prevención das violencias machistas e o fomento da igualdade se refire. Unha inacción incomprensible ante un tema de importancia capital, coa que o PSOE incumpre ademais a súa obriga de impulsar unhas medidas que foron aprobadas en pleno hai xa oito meses.

Esquerda Unida entende que o goberno local debe tomar a iniciativa e anticiparse ás posibles agresións. E é que se ben é certo que ata este momento non existe constancia de abusos ou episodios de violencia sexual relacionados co Entroido, tampouco se tiña dado nunca no Grove un caso de extrema gravidade como a agresión machista con arma de lume acontecida hai algún meses. 

A formación insta ao Concello a actuar con responsabilidade e a tomar a iniciativa poñendo en marcha medidas efectivas que contribúan á creación dunha sociedade libre de machismo. Nesa liña, anima a involucrar ao alumnado dos institutos e aos colectivos relacionados co Entroido, nomeadamente ás comparsas, nese plan de prevención das violencias machistas mediante a realización dunha campaña de fomento da igualdade. É a proposta que a responsable da Área da Muller de Esquerda Unida defenderá hoxe ante o Consello Local de Igualdade. Un foro que Cristina Domínguez aproveitará tamén para denunciar o deficiente funcionamento do protocolo de prevención das violencias machistas da pasada Festa do Marisco. 

EU lamenta que a iniciativa municipal durante esa celebración gastronómica se reducise á instalación dunhas mesas con folletos e carteis, e considera inaceptable que non se dotasen eses Puntos Morados de persoal con coñecementos na materia nin se facilitase ningún tipo de formación nin indicacións específicas aos membros de Emerxencias. E é que segundo puido saber máis tarde a formación, estes non tiña constancia algunha do seu papel en relación a este asunto, nin se lles informou do protocolo a seguir ante posibles casos de acoso ou violencia sexual. 

Esquerda Unida critica ademais a deficitaria participación da Deputación de Pontevedra, que supuestamente ía involucrarse na xestión dos Puntos Morados do Marisco e que se limitou ao envío de cartelería e folletos. Cristina Domínguez denuncia unha carencia de medios e unha falta de implicación incomprensible nun evento da magnitude do Marisco. Máis aínda se se compara coas aportación que o goberno provincial ten feito noutras celebracións de menor afluencia e duración, como o magosto de Cuntis, que contou cun punto atendido por persoal específico.

Axilizar o mapa de zonas oscuras 
A responsable da Área da Muller de Esquerda Unida tamén aproveitará a xuntanza do Consello Local da Igualdade deste xoves para instar ao Concello a axilizar o plan de eliminación de zonas escuras que se contemplaba na moción de EU. Á espera de escoitar o que a Concellería de Igualdade teña que dicir ao respecto, Esquerda Unida lamenta o retraso e denuncia que nada teña feito o goberno local ao respecto nos últimos oito meses. 

Para Esqueda Unida resulta fundamental que o Concello faga todo o que estea ao seu alcance para facer das rúas e espazos públicos zonas seguras para as mulleres en particular e para a veciñanza en xeral, fornecendo unha boa iluminación en todo o casco urbano. Nos últimos meses EU xa ten solicitado puntos de luz para algunhas rúas que non contan con eles; e ante a inacción do goberno local a formación adianta que tomará a iniciativa e porá en marcha a realización do reclamado mapa de zonas escuras se o Concello segue sen facer nada ao respecto.

20 xaneiro 2019

O grupo municipal de EU aposta polas mobilizacións para visibilizar o malestar polas carencias do centro de saúde

Ve necesario impulsar unha resposta contundente e unánime á caótica situación do Monte da Vila, que a formación xa denunciara no 2017 

O Grove, 19 de xaneiro de 2019.- O grupo municipal de Esquerda Unida aposta polas mobilizacións que visibilicen o enorme malestar que a veciñanza do Grove padece por mor das carencias e o colapso do centro de saúde. Máis aló da moción conxunta que os grupos da corporación teñen decidido impulsar para reclamar solucións ao respecto, EU considera necesaria unha resposta contundente e unánime a pé de rúa, que deixe constancia clara do fartazgo da cidadanía e force á administración autonómica a impulsar medidas efectivas.

Para Esquerda Unida as explicacións que o SERGAS ten dado ata o momento sobre a falta de facultativos no centro de saúde do Grove resultan totalmente insuficientes. Máis aló do inapropiado da xuntanza que o xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés mantivo de xeito unilateral co Partido Popular meco, EU entende que non é suficiente que o Servizo Galego de Saúde afirme que as xubilacións de facultativos previstas se cubrirán no momento no que estas se produzan. E é que os problemas estanse a dar xa neste momento, e dende hai demasiados meses.

A realidade é que Sanidade leva tempo sen cubrir vacacións nin baixas, derivando aos pacientes dos médicos que se atopan nesa situación cara a outros doutores do centro de saúde e provocando con elo a saturación das consultas, o aumento do tempo de agarda nas citas e, en último caso, o colapso das urxencias do PAC. 

Os problemas no Monte da Vila non son unha novidade, pois hai xa varios anos que a poboación local ven denunciando o seu fartazgo pola non cobertura de baixas e vacacións. Un asunto que o grupo municipal de EU denunciou no pleno do Concello no 2017. “Xa en abril daquel ano pedimos unha actuación do goberno que derivou nunha moción conxunta solicitando a substitución inmediata da baixa” prolongada dun dos médicos do centro de saúde, lembra o responsable local de Esquera Unida, José Antonio Otero; que ve necesario poñer o foco sobre a sobrecarga de traballo que está a padecer o persoal do Monte da Vila debido á irresponsable xestión do SERGAS. Así como nas consecuencias e a merma da calidade asistencial derivada da falta de médicos que padece a poboación local.

Así as cousas, Esquerda Unida considera que limitar a iniciativa municipal a unha nova moción sería unha resposta totalmente insuficiente para unha problemática que xa ven de lonxe; e para a que O Grove leva xa demasiado agardando solución. O grupo municipal entende que, chegados a este punto, os grupos da corporación deben aproveitar a liña de traballo conxunto e impulsar mobilizacións para esixir medios suficientes que garantan unha atención de calidade, e en defensa dos dereitos do persoal sanitario. 

13 xaneiro 2019

EU denuncia a falta de garantías sobre o PXOM e o escurantismo do PSOE ao respecto

Critica o baile de datas e os constantes cambios cos que, entende, o goberno de Cacabelos busca facer tempo e eludir a aprobación do documento urbanístico

Insta ao alcalde a aportar documentación veraz e definitiva e a facer partícipe á oposición, coa que o rexedor aínda non mantivo a xuntanza comprometida hai meses e á que se lle nega o acceso aos informes requeridos

O Grove, 12 de xaneiro de 2019.- O grupo municipal de Esquerda Unida amosa a súa preocupación sobre o xeito chapuceiro e exento de garantías en que están a desenvolverse os trámites relacionados co PXOM. Un documento sometido a constantes cambios e para o que seguen a anunciarse outros novos, a pesar da pseudo exposición pública á que está a ser sometido. A formación denuncia o escurantismo do PSOE ao respecto, que segue a manter á oposición á marxe e nen sequera facilita os informes que esta lle ten requerido.

“Dende que se anunciou a pseudo-exposición do PXOM existe un escurantismo que xera moitas dúbidas entre a veciñanza e, sobre todo, no noso grupo municipal”. Así o explica o responsable local de Esquerda Unida, que denuncia o baile de datas e as constantes modificacións anunciadas de xeito verbal polo alcalde; pero das que a día de hoxe non existe garantía nin constancia algunha. 

Dende que a planimetría do PXOM se fixo pública o goberno local xa se ten visto na obriga de recoñecer erros nas aliñacións de distintos viais ou camiños, e tamén relacionados con outras cuestións. “Fálase de modificacións dos planos para arranxar eses problemas, pero iso repítese cada vez que Cacabelos fala do PXOM. E a realidade é que logo de dous meses aínda non se modificou nada, ou cando menos ninguén viu eses cambios e/ou modificacións”, indica José Antonio Otero, que denuncia a ausencia de garantías en relación coa tramitación do plan xeral e lembra que as alegacións presentadas tampouco foron respostadas aínda.

Para o grupo municipal de EU resulta preocupante que o tempo pase e que o alcalde continúe deixando á oposición á marxe e sen manter a xuntanza comprometida. “Anunciou en dúas ocasións que se ía reunir coa oposición, pero esa xuntanza non tivo lugar e a día de hoxe non temos constancia de que se vaia producir a curto prazo”, lamenta o responsable de Esquerda Unida, que denuncia que o goberno local nen sequera teña a ben facilitar a documentación requerida polos grupos. Como o informe medioambiental, que o grupo municipal de EU ten solicitado, en vista das informacións contraditorias relacionadas co mesmo.

“No pleno de novembro indícasenos que o informe medioambiental (imprescindible para a aprobación do PXOM) xa fora remitido á Xunta. A mediados de decembro lemos na prensa que se acababa de enviar e esta semana volvemos ver na prensa que ese documento se estaba rematando para ser trasladado á Xunta”, explica Otero, que chegados a este punto ve motivos para dubidar da palabra do alcalde e solicita a documentación que acredite que o trámite se ten realizado. 

Chegados a este punto, para Esquerda Unida o proceder do goberno de Cacabelos supón unha evidencia inequívoca da falta de vontade do PSOE de afrontar a aprobación definitiva do Plan Xeral. A formación ve con preocupación os constantes “paus de cego” e a falla de concreción; así como o preocupante e interminable baile de datas sobre a aprobación do documento. E é que, a pesar de que a planimetría supostamente definitiva pode ser consultada pola veciñanza, o goberno de Cacabelos segue a desdecirse unha e outra vez e a anunciar novas modificacións; en relación ás cales, debido ao modelo chapuceiro e exento de garantías polo que ten optado o grupo socialista, non é posible ter certeza algunha.

“En Esquerda Unida a única conclusión que podemos sacar é que o señor Cacabelos non quere aprobar o PXOM. E como no lado da oposición non ten a quen botarlle a culpa, está alongando o proceso. E se nos equivocamos, que o demostre, entón atoparanos ao seu carón” indica o responsable local de EU.

Esquerda Unida lamenta que o goberno local non tivera a ben crear a Comisión de Urbanismo solicitada por esta formación. Un foro “onde estiveran representados todos os grupos e os sectores e axentes locais relacionados co urbanismo, co propósito de elaborar un documento de consenso e con transparencia. Nunca un alcalde tivo tantas facilidades e tanta liberdade para elaborar o documento urbanístico, pois a pesar de non contar cos grupos da oposición para a súa elaboración, ningún torpedeamos o traballo que se realizou”, destaca EU. Que denuncia o traballo chapuceiro do PSOE en relación ao PXOM, e lamenta que co actual mandato a piques de esgotarse O Grove siga sin contar co necesario documento de ordenación urbanística.

02 decembro 2018

EU esixe garantías sobre o PXOM e amosa a súa preocupación pola taxa anunciada para as edificacións fóra de ordenación

Pide que o goberno explique de onde xurde e como se calculará ese suposto cobro que o Concello quere aplicar aos que queden en situación de disconformidade co planeamento

Denuncia o deseño á carta das ordenanzas, que o goberno está adaptando ás peticións de arquitectos, aparelladores e, o máis preocupante, construtores 

Insta á veciñanza a introducir por Rexistro queixas e suxestións, pois trátase da única canle na que poden deixar constancia formal das mesmas

O Grove, 1 de decembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida volve denunciar a tramitación chapuceira, dubidosa e sometida a constantes cambios que o goberno local está a realizar en relación co PXOM. A formación considera preocupante que, cando apenas pasou un mes desde que o Concello fixo pública a súa proposta planimétrica, xa hai constancia de numerosos erros relacionados coa aliñación de viais, camiños e rúas. Especial preocupación suscita a taxa anunciada polo alcalde para as edificacións que queden en situación de disconformidade co planeamento. Toda unha sopresa da que nada se tiña dito ata este momento, e sobre a que EU esixe información clara e detallada.

A pesar de que no último pleno foron numerosas as dúbidas e preguntas relacionadas co PXOM que Esquerda Unida puxo sobre a mesa, a sesión rematou sen que o alcalde aportase respostas claras ás mesmas. Unha actitude esquiva que EU contempla con preocupación e que, entende, dá mostra da inaceptable falta de concreción da que aínda adoece o Plan Xeral de Ordenación Municipal proposto polo goberno local. 

Esquerda Unida denuncia os constantes cambios de datas, retrasos e rectificacións, e lembra que a oposición leva meses agardando unha suposta xuntanza para falar das ordenanzas de acompañamento que unha e outra vez o alcalde adía e volve adiar. A formación amosa a súa precupación ante o feito de que esas ordenanzas estean a ser adaptadas ás recomendacións e suxestións de arquitectos, aparelladores e construtores, de xeito totalmente opaco e de costas á cidadanía e aos grupos da corporación.

“Non hai datas, non hai información clara de como se tramitan as dúbidas, as queixas, ou as alegacións da veciñanza”, lamenta o responsable local de EU, que considera que o e-mail ou as xuntanzas individuais no despacho do alcalde en absoluto son a canle adecuada para iso. José Antonio Otero lembra ademais a precaria situación da oficina municipal de urbanismo, e insta á veciñanza a introducir por Rexistro calquera aportación en relación co PXOM; pois trátase da única canle a través da que poden deixar constancia oficial, dada a chapuceira e improvisada tramitación que está a levar adiante o goberno local.


Esquerda Unida lembra que, a pesar da súa obriga legal de facelo e do compromiso explícito do alcalde ao respecto, a día de hoxe as alegacións continúan sen contestar. Algo que incide aínda máis na sensación de desinformación, improvisación e na absoluta falta de garantías en relación a este planeamento urbanístico.

A formación ten constancia de que xa se teñen evidenciado diversos erros en relación á nova proposta planimétrica, sobre a que ao parecer están a realizarse novas modificacións, por exemplo relacionadas co novo vial que está previsto abrir entre As Bouzas e Castelao. Cambios en relación aos cales EU reclama información; ao igual que no que se refire ás propostas de aparelladores, arquitectos e construtores a unhas ordenanzas que o goberno local está a deseñar de xeito opaco e de costas á oposición. 

Así as cousas, Esquerda Unida volve criticar a constante improvisación que ven da man desta pseudoexposición pública, e insta a goberno local a actuar con responsabilidade. Nese senso, reclama que a exposición pública do PXOM modificado se realice de xeito formal, e insta ao Concello a habilitar unha oficina técnica a disposición da veciñanza.

01 decembro 2018

Esquerda Unida, Podemos e Anova inician os contactos para a conformación dunha candidatura conxunta para as próximas eleccións municipais

As tres formacións teñen posto en marcha os traballos para dar forma a unha lista unitaria 

Confían en chegar aos comicios de maio cunha proposta única que aglutine sensibilidades e dea maior fortaleza aos posicionamentos da esquerda grovense

O Grove, 30 de novembro de 2018.- Esquerda Unida, Podemos e Anova teñen posto en marcha os contactos co obxectivo de dar forma a unha candidatura de unidade para as próximas eleccións municipais. Tras a primeira xuntanza mantida, as tres formacións confían en seguir avanzando na consecución dunha proposta unitaria que aglutine sensibilidades; e que lles permita chegar aos comicios de maio cunha lista de consenso e unha proposta programática capaz de aglutinar sensibilidades e outorgar maior fortaleza aos posicionamentos da esquerda do Grove.

Responsables e militantes de Esquerda Unida, Podemos e Anova no Grove reuníronse nos últimos días, coa ollada posta na conformación dunha candidatura de consenso para as vindeiras eleccións municipais de 2019. Tratouse dun primeiro encontro pensado para levar a cabo un intercambio inicial de opinións e posicionamentos; e que sen dúbida evidenciou a existencia de numerosos aspectos e obxectivos común entre as tres formacións.

Iníciase así unha senda de traballo conxunto que continuará nos vindeiros meses, durante os que Esquerda Unida, Podemos e Anova confían en seguir avanzando na conformación dunha proposta programática á altura das necesidades e demandas das e dos grovenses, coa ollada posta na consecución dun verdadeiro goberno de esquerdas para o municipio. 

24 novembro 2018

25NOV. Nin Violencia Machista, Nin Xustiza Patriarcal


Dende Esquerda Unida sumámonos ao grito de “Nin Unha Menos” este 25 de novembro do 2018. Non consentimos nin unha asasinada máis, nin unha violada, acosada, discriminada, invisibilizada ou marxinada por etnia, procedencia, idade, diversidade funcional, sexual ou identidade de xénero. Esiximos que as institucións asuman a súa responsabilidade na loita contra a Violencia de Xénero. Unhas institucións que actuaron cunha visión parcial, cunha lexislación sen aplicación efectiva, con diferenzas territoriais e sen os orzamentos, nin o persoal necesario para cumprir as súas obrigas, eludindo á súa responsabilidade de protexer ás vítimas e combater a normalización das violencias.

2018 é, de novo, un ano pragado de novas machistas indignantes como a sentenza ditada contra  Juana Rivas ou, a do caso de La Manada, o alarmante aumento de casos de violación grupal, a descarada e reiterada desidia, cando non aberta hostilidade do poder xudicial, con casos tan vergoñentos como do titular do xulgado de Violencia sobre a Muller número 7 de Madrid —Francisco Javier Martínez Derqui—insultando a unha vítima de violencia de xénero. Fronte a iso, un Pacto de Estado insuficiente e sen aplicación real, e un Informe Sombra ao  GREVIO (Grupo de Expertas na loita contra a violencia contra a muller do Consello de Europa) que suspende rotundamente ao Estado español e a Xunta de Galicia na loita contra a violencia machista.

Afortunadamente, este 2018 tamén vivimos unha contundente resposta social do movemento feminista organizado e plural, subversivo, anticapitalista,  antirracista, ecoloxista e  internacionalista, que mobiliza a millóns de mulleres e que está a redefinir o sentido común da nosa sociedade. Debemos ter presente a enorme importancia do feminismo nun momento no que temos que dar unha dura batalla contra o neoliberalismo, o autoritarismo, a intolerancia e o fascismo, que avanzan internacionalmente. Loitemos dende o feminismo todas xuntas para unha sociedade xusta, libre de violencias e radicalmente democrática.

Por todo iso, dende Esquerda Unida esiximos de xeito urxente:

- O cumprimento da LEI 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Que se inclúa na presente lei como formas de violencia de xénero, os  ventres de alugueiro e a prostitución. Desenvolver políticas encamiñadas á abolición da prostitución, cun incremento de recursos destinados ao desmantelamento das redes e a “industria” da prostitución, a penalización do proxenetismo, campañas de información e  sensibilización nas que se considere aos homes clientes prostituidores como corresponsables,  o desenvolvemento de medidas específicas de integración e inserción laboral para as mulleres prostituídas se así o deciden, e o rexeitamento de medidas simplemente prohibicionistas dirixidas á persecución  e criminalización das vítimas, as mulleres prostituídas. 

-Que aumente o orzamento destinado a políticas de igualdade. Nos últimos tres anos, a Xunta de Galicia só fixo un ruín incremento dos presupostos para igualdade, que só representa o 0,17% do orzamento aprobado polo goberno do PP para o 2019 (17 millóns fronte a un total de 9.850 millóns de €). Limitándose só o 0,14% do orzamento para a protección e apoio ás vítimas de violencia de xénero, un 0,018% para a promoción do emprego da muller e un mísero 0,016% a apoio de Conciliación e Corresponsabilidade.

-Que se poña en marcha o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. É inadmisible que despois dun ano de traballo na  subcomisión do Congreso teñamos un pacto insuficiente, sen calendario nin orzamentos decentes; que só a través do decreto 9/2018 do goberno do PSOE puxéronse en marcha 7 das 213 medidas, onde o orzamento desbloqueado para a xestión local non teña un indicativo de que obxectivos ten nin como debe ser a súa implantación.

-Que as campañas promovidas dende as distintas administracións para a violencia de xénero teñan unha perspectiva feminista. Non consentimos máis campañas orientadas a culpabilización das mulleres, o que teñamos que estar vixiantes ante actitudes e accións violentas machistas ou cosificadas como monumentos que “Hai que protexer”, como a campaña da Xunta do 25 N do pasado ano. Eliminar a publicidade sexista que discrimina e atenta contra a dignidade das mulleres en soportes publicitarios, publicacións ou transportes públicos, así como, non permitir contratos públicos con medios de comunicación nos que manteñan publicidade  relacionada coa prostitución ou pornografía, que deshumaniza e converte as mulleres en mercadorías facilitando a proliferación de mafias e proxenetismo.

-Que se ensine educación afectivo-sexual e contra a discriminación e violencia de xénero. Este ensino ten que vir dende a óptica feminista, dende a diversidade sexual e identidade de xénero en todas as fases educativas.

-Que se desenvolvan plans de formación e sensibilización contra a violencia de xénero de obrigado cumprimento ao persoal ao servicio das administracións. Especialmente no ámbito social, sanitario, educativo, xurídico e ás forzas e violencia machista se erradicará dun xeito transversal, abordando todos os niveis e a todas as escalas, para que dunha vez por todas poidamos recoñecernos nunha sociedade xusta e radicalmente igualitaria. 

-Demandamos unha xestión pública directa da rede de servicios de violencia de xénero, como paso fundamental para garantir a mellora da calidade asistencial e das condicións laborais do persoal que atende ás vítimas rexeitando a constante externalización destes servizos. 

Por todo o anterior, dende Esquerda Unida esiximos unha estratexia estrutural que loite en todos os ámbitos, con recursos económicos, humanos, técnicos e materiais suficientes para que os obxectivos non queden na sinatura de documentos institucionais, mentres temos unha realidade inadmisible de violencias e desprotección para as mulleres.

Dende a nosa organización apoiamos as mobilizacións organizadas en Galicia este 25 de novembro para reivindicar unha sociedade libre de violencia de xénero.

ÁREA DA MULLER DE ESQUERDA UNIDA

EU denuncia os cortes de auga efectuados polo Concello a distintos domicilios sen previo aviso

Considera intolerable que o consistorio non informase aos afectados, deixando a numerosos veciños sen auga durante a pasada fin de semana

Pedirá explicacións ao respecto no vindeiro pleno, pois entende que o goberno local debe actuar con maior respecto cara á veciñanza e asumir os posibles prexuízos causados

O Grove, 23 de novembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida denuncia os cortes de auga que o Concello ten realizado nos últimos días a distintos domicilios sen emitir ningún tipo de aviso previo; deixando a numerosos veciños sen auga por sorpresa, e mesmo en plena fin de semana. 

Esquerda Unida ve necesario que o goberno local dea explicacións sobre un proceder que a formación considera grave e intolerable. E é que se trata de cortes individualizados efectuados en domicilios concretos e producidos sen xustificación aparente, xa que afectaron a veciñas e veciños con todos os pagos dos recibos da auga ao día. 

Segundo a información á que, a falta de explicacións oficiais, puido ter acceso EU, os cortes poden ter relación con problemas nos contadores da auga.  En calquera caso,  a formación entende que o Concello debe actuar con maior respecto nun futuro; dando parte á veciñanza antes de proceder a unha medida tan drástica sen ter remitido ningún tipo de notificación previa.

Esquerda Unida lamenta a falta de consideración amosada polo goberno do PSOE, ao que insta a dar explicacións detalladas e a asumir o os prexuízos que estes cortes poidan ter provocado; así como o custe das posibles avarías de electrodomésticos. 

15 novembro 2018

EU denuncia a falta de procedemento en relación á tramitación do PXOM e insta a habilitar unha oficina técnica para atender con eficacia as dúbidas da veciñanza


Critica que sexa o alcalde o que está a atender á cidadanía; un proceder caciquil e absolutamente inaxeitado para solucionar os posibles problemas técnicos

Destaca os incumprimentos do goberno local, que non respostou ás alegacións a pesar da súa obriga, e do compromiso explícito de facelo

Apunta a incerteza existente, pois a documentación feita pública atópase incompleta, e tampouco se coñecen os prazos de “exposición” nin existe unha canle axeitada para que os afectados reclamen posibles erros ou amosen a súa disconformidade

O Grove, 14 de novembro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida denuncia a falta de procedemento do goberno local en relación coa tramitación do PXOM. Un planeamento que o Concello ten publicado incompleto e sen ter contestado antes ás alegacións presentadas. E respecto ao cal existe unha incerteza absoluta, pois a día de hoxe descoñécense os prazos previstos para a pseudoexposición pública iniciada, así como tampouco existe unha vía axeitada para que a veciñanza poida tramitar posibles erros ou amosar a súa disconformidade con determinados aspectos da proposta.

Esquerda Unida lamenta o procedemento chapuceiro e as maneiras caciquís que o goberno local está a empregar na tramitación do PXOM. E é que a documentación que o goberno local ten subido á web atópase incompleta, xa que faltan as ordenanzas que deben acompañar á proposta planimétrica. Unha carencia que xera unha absoluta incerteza respecto á aplicación práctica do planeamento; e que, ademais, “deixa aos grupos da oposición sen marxe de maniobra no asesoramento ou axuda aos veciños, pois a día de hoxe non sabemos se as ordenanzas que se nos trasladaron hai uns meses co propósito de incluír posibles modificacións son vinculantes ou non”, tal e como destaca o responsable local da formación, José Antonio Otero. 

Esquerda Unida ve absolutamente necesario que o Concello poña a disposición da veciñanza asesoramento técnico axeitado e capaz de solventar con eficacia as dúbidas que os afectados poidan ter respecto á proposta presentada. “Non pode ser que sexa o alcalde o que atende á veciñanza, algo propio dunha administración caciquil. Cuestión esta que pon en entredito a transparencia do procedemento, pois non é o alcalde o que ten que resolver estes asuntos, senón os técnicos”, tal e como destacan os edís José Antonio Otero e Xan Lamelas.  Nesa liña, a formación reclama a posta en marcha dunha oficina técnica á que a cidadanía poida acudir e que aporte garantías respecto do necesario asesoramento. 

A formación destaca a deficiente atención que o gobenro local está a prestar á veciñanza. Algo que evidencia tamén o feito de que a planimetría se expoña fraccionada: unha parte en San Vicente, e outra no Concello, obrigando aos veciños que poidan ter propiedades en ambas parroquias a trasladarse dun a outro emprazamento para poder ver os planos correspondentes.

Para Esquerda Unida resulta igualmente inaceptable que o goberno local teña pasado por alto a súa obriga legal de contestar ás alegacións que se presentaron á primeira proposta de PXOM. Para máis inri aínda, incumprindo tamén a súa promesa explícita de facelo. 

En vista de todo elo, a formación volve insistir na necesidade de que se realice unha segunda exposión pública formal; “o único método legal e realmente efectivo para resolver as posibles reclamacións dos veciños. Neste momento non hai información clara nin garantía algunha sobre o xeito en que a cidadanía pode reclamar ante posibles erros no planeamento ou amosar a súa disconformidade coa situación na que quedan actualmente. Nas poucas semanas que o PXOM leva subido á web xa temos queixas de moitos propietarios que se ven prexudicados en comparación co plan de 2014; sobre todo en relación ás normas subsidiarias, perdendo edificabilidade e mesmo quedando fora de ordenacion (ou o que agora se chama disconforme co planeamento), cando no seu día construíron en base a unhas normas vixentes e de forma legal”. 

29 outubro 2018

EU propón un plan de medidas pola igualdade que acompañe a declaración de O Grove como Municipio Libre de Violencias Machistas


A formación leva ao pleno unha moción que aspira a ampliar os medios, recursos e iniciativas contra as violencias machistas no eido municipal e escolar

Solicita que se controlen posibles contidos sexistas na publicidade e na programación municipal de actividades sociais, culturais, lúdicas, deportivas ou festivas

Anima ao Concello a implicarse de xeito activo impulsando políticas encamiñadas á abolición da prostitución; e pide que únicamente os colectivos deportivos que non realicen descriminación por razón de sexo entre os seus membros poidan acceder a financiamento municipal

O Grove, 28 de outubro de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida anima ao Concello do Grove a implicarse de xeito máis activo coa loita a favor da igualdade e contra as violencias machistas. Ese é o sentido da moción que a formación á que representan Jose Antonio Otero e Xan Lamelas levarán ao pleno deste luns. Un texto a través do cal solicitarán o apoio dos grupos da corporación para que O Grove sexa declarado Municipio libre de Violencias Machistas. Un nomeamento que, moi lonxe de ser unha simple declaración de intencións, EU quere acompañar de medidas activias que impliquen ao movemento feminista e que doten ao consistorio dun papel máis activo nesta causa. 

Moción contra a decision do Tribunal Supremo sobre o imposto das hipotecas
A formación tamén defenderá no mesmo pleno outra moción para que a corporación rexeite “a inaudita e vergoñenta decision do Tribunal Supremo de deixar sen efecto a súa sentenza” relativa ao imposto das hipotecas. O texto insta ademais ao Concello a habilitar mecanismos de orientación para a veciñanza que desexe esixir a devolución das cantidades indebidamente cobradas polas entidades bancarias en relación a este asunto. Ademais de animar ao goberno central a que impulse a creación dun polo de banca pública, paralizando a venda de Bankia e dirixindo a xestión dos aforros depositados nesta banca pública á atención das necesidades sociais, o desenvolvemento duns servizos públicos de calidde e suficientes e a erradicación do desemprego. 

Esquerda Unida quere aproveitar a proximidade do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, para poñer en marcha un paquete de medidas que convirtan ao Concello do Grove nun verdadeiro axente activo na loita contra as violencias machistas. A formación entende que o traballo de prevención, educación e sensibilización da sociedade debe ser o punto de partida no camiño cara á igualdade real, e destaca o papel que as institucións deben xogar no mesmo. 

“Esiximos que este 25 de novembro sexa o comezo real das políticas dos feitos, e non só das palabras, contra as violencias machistas”, indica a formación. Por iso, EU pon sobre a mesa unha batería de iniciativas para que O Grove impulse unha verdadeira política activa pola igualdade. 

A formación ve necesario que o Concello traballe da man do movemento feminista para coordinar e impulsar un Plan pola Igualdade e contra a Violencia de Xénero que inclúa a creación de protocolos de actuación contra as violencias machistas dentro do propio Concello; e que amplíe os recursos humanos, técnicos e materiais destinados ao desenvolvemento de políticas de igualdade integrais e participativas. 

As propostas de EU inclúen tamén un incremento dos recursos destinados á abolición da prostitución e a loita contra o proxenetismo, a través, por exemplo, de campañas de información e sensibilización ou de medidas destinadas á integración e inserción laboral das mulleres prostituídas. Ademais, a moción anima ao Concello a eliminar a publicidade con contidos sexistas dos espazos públicos; e a velar porque que na programación municipal de actividades sociais, culturais, lúdicas, deportivas e festivas de toda índole non se inclúan contidos sexistas que atenten contra a dignidade das mulleres de ningún xeito. 

Esquerda Unida tamén propón que o Concello se implique no desenvolvemento de actividades que fomenten a igualdade dende a infancia no ámbito escolar. E solicita que unicamente os colectivos deportivos que non discriminen por razón de sexo nos seus premios ou recoñecementos poidan acceder a financiamento municipal.