A formación reclama ao Concello que esixa á empresa adxudicataria unha solución ante os importantes danos provocados polas primeiras choivas intensas, que dificultan o tránsito pola ruta.
Lembran que a actuación, financiada con fondos europeos, foi certificada o 15 de xullo e continúa sen inaugurarse. Ademais, denuncian que seguen sen recibir a documentación solicitada para fiscalizar a obra e a situación dos terreos afectados.
O Grove, 17 de outubro de 2026.- Esquerda Unida do Grove alerta do preocupante estado no que se atopa a Ruta do Burro Fariñeiro, unha actuación executada con cargo ao Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) “A Gastromeca”, que presenta importantes danos no firme apenas tres meses despois da súa finalización.
A formación comprobou que, tras as fortes precipitacións rexistradas o pasado 6 de outubro, numerosos tramos da ruta presentan profundos sucos, arrastres de terra e importantes irregularidades no terreo que dificultan o tránsito das persoas que percorren este itinerario.
Dende Esquerda Unida consideran especialmente preocupante que unha obra recentemente executada presente este deterioro tras unha única xornada de choivas intensas. “Se este é o resultado das primeiras choivas fortes, que vai suceder cando chegue o inverno e as precipitacións sexan máis frecuentes?”, cuestiona o seu voceiro municipal, José Antonio Otero.
Lembran que a actuación, cun investimento de 76.260,40 euros, foi rematada e certificada o pasado 15 de xullo, pero continúa sen inaugurarse oficialmente. Precisamente, no pleno do 30 de setembro, Esquerda Unida xa preguntara ao goberno municipal se quedaban traballos pendentes e por que non se aproveitara a tempada estival para poñer en valor turisticamente este itinerario.
Para Otero, “resulta difícil entender que unha actuación destinada a recuperar unha ruta de sendeirismo presente este estado antes mesmo da súa inauguración. Non estamos falando dun camiño abandonado durante anos, senón dunha obra que acaba de ser executada con cartos públicos”.
Por este motivo, Esquerda Unida reclama ao goberno municipal que os servizos técnicos revisen o estado da ruta e determinen as causas do deterioro, especialmente no relativo á evacuación das augas pluviais. Así mesmo, solicita que, de confirmarse deficiencias na execución, se esixa á empresa adxudicataria a súa corrección con cargo ás responsabilidades contractuais que correspondan, adoptando solucións duradeiras que eviten que os danos volvan reproducirse coas próximas choivas.
Falta de documentación e dúbidas sobre os terreos
Por outra banda, Esquerda Unida lembra que continúa agardando polo acceso ao expediente completo desta actuación, solicitado hai máis dun mes e medio, para comprobar tanto a correcta execución dos traballos como a situación administrativa dos terreos privados polos que discorre a ruta.
A formación pretende verificar que o Concello contaba coas autorizacións e cos títulos de dispoñibilidade necesarios para executar a actuación e cumprir os requisitos esixidos para o financiamento europeo.
“Levamos meses fiscalizando a execución dos fondos europeos e atopámonos novamente con dificultades para acceder á documentación. Estamos falando de investimentos públicos e temos dereito a comprobar que as obras se executaron correctamente e que se cumpriron todos os requisitos”, sinala Otero.
Dende Esquerda Unida conclúen reclamando ao goberno municipal que actúe con dilixencia para solucionar as deficiencias detectadas e facilite a documentación pendente. “Non abonda con executar e certificar unha obra para xustificar os fondos europeos. Hai que garantir que o investimento se realizou correctamente, que as actuacións cumpren a súa finalidade e que os cartos públicos se empregaron con responsabilidade”, conclúe o voceiro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario