02 xuño 2025

PLENO MAIO 2025

 ROGOS E PREGUNTAS

📅 2 de xuño de 2025

▶ Intervención: minuto 39:33


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Subida a Meloxo

Preguntamos polo estado do proxecto de execución desta obra.

🔻 Local do CR Mecos

Preguntamos polo estado do expediente de denuncia á empresa executora pola paralización das obras.

🔻 Estación de carga da rúa Castelao

Preguntamos polo motivo polo que se instalaba nun lugar diferente ao aprobado.

🔻 Estación de carga nas proximidades da Confraría

Preguntamos cando se procedería á súa instalación.

🔻 Local social de Reboredo

Preguntamos polo estado da reclamación da garantía da obra.

🔻 Gretas na rúa Alexandre Bóveda

Preguntamos polo estado da reclamación para a súa reparación.

🔻 Ordenanza de Bo Goberno

Preguntamos cando se modificaría para incluír as dúas horas sen música nas atraccións de feira.

🔻 Baños públicos detrás da Lonxa

Preguntamos polo motivo polo que permaneceron pechados durante a Media Maratón.

🔻 Mercado Municipal

Preguntamos cando se licitarían os locais e bancadas.

🔻 Sancións aos postos do mercado

Preguntamos polos motivos polos que se alertaba con sancións a uns postos mentres outros permanecían pechados durante máis tempo.

🔻 Estacionamento nas Pipas

Preguntamos se se habilitaría unha bolsa de estacionamento nesta zona.

🔻 Centro de Información á Muller

Preguntamos pola situación do servizo tras o traslado da traballadora responsable.

🔻 Museo da Salazón

Preguntamos se abriría durante a tempada estival e cal sería o seu funcionamento.

Rogos e solicitudes

🔻 Recollida de colectores de pilas

Solicitamos que o concello xestionase a súa recollida e reciclaxe.

🔻 Fonte pública de Estonllo

Solicitamos a limpeza e adecuación da zona.

🔻 Reloxo da fachada do Concello

Solicitamos o seu arranxo.

🔻 Cambio de sentido da rúa Conchases

Solicitamos executar esta modificación para facilitar a mobilidade.

🔻 Fonte da rúa Concepción Arenal

Solicitamos a súa reinstalación.

🔻 Camiño do alto de Pardiños

Solicitamos incluílo no plan de asfaltados.

🔻 Mercado Municipal

Solicitamos solucións ante o abandono de postos e os malos cheiros.

🔻 Documentación do mercado

Solicitamos que se nos trasladase a documentación solicitada por rexistro.

🔻 Sinalización viaria

Solicitamos o pintado de pasos de peóns e sinalizacións horizontais.

🔻 Parque do Sineiro

Solicitamos unha solución á proliferación de pulgas.

27 maio 2025

EU presenta propostas para executar con un remanente que evidencia un goberno esgotado e incapaz

A formación reclama actuacións realistas, executables neste mesmo exercicio, que melloren a mobilidade, os servizos públicos, a xestión ambiental e o benestar da veciñanza.

As propostas inclúen a adquisición de terreos, reformas en equipamentos públicos, melloras na rede de auga, instalación de zonas de sombra, espazos para animais e novo equipamento municipal.

O Grove, 27 de maio de 2025.- Esquerda Unida vén de trasladar ao goberno unha batería de propostas concretas para seren financiadas con cargo ao remanente de tesourería do exercicio 2024, que ascende a máis de 6 millóns de euros. A formación volve criticar con contundencia que, malia dispor deses 6 millóns de euros de remanente e tamén dun superávit de 2,5 millóns, se siga traballando cuns orzamentos prorrogados dende o 2022.

Dende Esquerda Unida sinalan que “isto evidencia que contar con un orzamento non era nin é cuestión de falta de cartos, senón dunha nefasta xestión. É a mostra dun goberno esgotado e incapaz de executar nin sequera os seus propios orzamentos”. A formación cualifica a situación de preocupante, “chegamos ao punto de que son incapaces ata de mandar pintar un paso de peóns”.

A pesar deste panorama, Esquerda Unida mantén a súa vontade construtiva e achegou ao executivo local, tal e como anunciaran, un conxunto de actuacións pensadas para seren realistas e executables dentro do presente ano, tal e como esixe a normativa. As propostas céntranse na mellora de infraestruturas, servizos públicos e espazos comúns, con impacto directo na calidade de vida da veciñanza.

Entre as actuacións propostas, destaca a compra do terreo de Entrehortas, unha operación comprometida nas negociacións do ano pasado que finalmente non se chegou a pechar. A formación considera esencial esta adquisición para ampliar o aparcadoiro da zona e habilitar un acceso dende Conricado. Así mesmo, Esquerda Unida propón valorar a posibilidade de crear un aparcadoiro a dúas alturas nese espazo e, "no caso de resultar viable, encargar xa a redacción dun proxecto técnico que permita acometer a obra nun futuro próximo".

Outra proposta é a compra dun terreo situado na parte traseira do pavillón do CEIP Conmeniño, co obxectivo de habilitalo como zona de estacionamento. "Tendo en conta que se está abrindo unha porta cara o exterior, esta actuación melloraría o estacionamento e facilitaría o acceso ás actividades deportivas non lectivas sen ter que entrar no recinto escolar", indican.

No ámbito da protección animal, Esquerda Unida pide que se habilite unha aula no edificio do Monte das Flores para a asociación O Jato Meco. O obxectivo é crear un espazo axeitado para a atención dos gatos das colonias, especialmente aqueles aos que se lles aplica o protocolo CES ou que precisan coidados veterinarios. Lembran que "este é un servizo de competencia municipal que actualmente realiza a asociación e son as propias voluntarias as que acollen aos animais nas súas casas, cos conseguintes problemas que lles supón".

A formación tamén propón unha obra de reforma no Punto de Atención á Infancia, para conectar a sala de usos múltiples, onde se traballa cos nenos de maior idade, co cuarto de baño. Actualmente, a separación entre ambas zonas obriga a atravesar un corredor, dificultando o control dos menores por parte do persoal.

En materia de xestión da auga, Esquerda Unida solicita que se avance na execución das recomendacións incluídas na auditoría hidráulica realizada o pasado ano. En concreto, propoñen instalar os caudalímetros que non requiran permisos doutras administracións, iniciando así un proceso que no seu conxunto está valorado en 63.000 euros.

A reposición dos valados e da sinalización no Monte Central Xaquín Álvarez Corbacho, así como a instalación de bancos e mesas na parcela municipal ao carón do Redondo para crear unha área de descanso, son tamén propostas incluídas no documento.

En base a dúas mocións de Esquerda Unida aprobadas por unanimidade no 2024, a formación reclama a creación de zonas de espallamento canino en Confín, Porto Meloxo e San Vicente, e a instalación de zonas de sombra nos parques infantís. Neste último caso, propoñen comezar pola creación de sombra nas áreas de bancos mediante estruturas de madeira con enredadeiras.

Tamén se solicita ampliar o valado entre o campo de fútbol 5 e o parque infantil da zona recreativa de Terra de Porto, para evitar que os balóns impacten nos menores que xogan no parque.

Finalmente, Esquerda Unida propón a compra dun novo guindastre municipal, despois de que hai uns anos se dese de baixa o único vehículo dispoñible, co obxectivo de recuperar un servizo público esencial.

Desde a formación expresan o seu desexo de que todas estas propostas sexan recollidas no documento definitivo que se leve a pleno. “Son actuacións realistas, necesarias e viables. Esperamos que o goberno as teña en conta e comece a traballar nelas”, afirman.

Así mesmo, consideran positivas moitas das propostas formuladas polo propio goberno, “xa que responden a demandas que Esquerda Unida leva anos formulando tanto no pleno como na prensa”.

14 maio 2025

Esquerda Unida critica a inacción do goberno ao non poñer en funcionamento a app “Meu Concello”

A ferramenta tecnolóxica permitiría unha mellor xestión de incidencias e unha comunicación máis eficaz coa cidadanía, pero segue sen estar operativa dende que a Deputación a lanzou hai case un ano.

Outros concellos da provincia xa a empregan con éxito, mentres que no Grove segue sen ofrecerse este servizo gratuíto proporcionado pola Deputación de Pontevedra. Esquerda Unida pide que se active xa.

O Grove, 14 de maio de 2025.- Esquerda Unida vén de denunciar a falta de vontade do goberno municipal para poñer en marcha a aplicación "Meu Concello", unha ferramenta dixital proporcionada pola Deputación de Pontevedra para xestionar incidencias, alertas e comunicacións coa veciñanza a través do móbil.

Segundo sinala o seu concelleiro, Anxo Meis, o Concello do Grove conta con esta ferramenta dende xuño de 2024, pero segue sen estar operativa. “En setembro dese mesmo ano, preguntamos en pleno cando se ía activar, e a resposta foi que estaban estudando como xestionala por falta de persoal. En marzo deste ano, ao volver preguntar, indicóusenos que procurarían poñela en funcionamento. Con todo, a día de hoxe nada mudou”, afirma Meis.

Para Esquerda Unida, esta ferramenta é "importante e imprescindible" para modernizar a administración local e mellorar a resposta ás necesidades cidadás. Tal e como indica Meis, “a app permite que a veciñanza poida comunicar incidencias como losetas levantadas, papeleiras cheas, farois sen luz, problemas de limpeza, bancos rotos,... e ofrece ademais un seguimento da resolución da incidencia, o que axiliza a resposta municipal e mellora a percepción do servizo”.

A aplicación conta ademais cun apartado para noticias, bandos e avisos, tales como de cortes de auga ou de tráfico, e mesmo un mapa con puntos de interese local, o que para Meis supón “a posibilidade de ter unha comunicación directa e inmediata con todas as persoas usuarias, e especialmente útil en situacións de urxencia ou de información sobre servizos municipais”.

Concellos como Sanxenxo, Cambados, Soutomaior, Bueu, Tomiño, Vilaboa, Mos ou Covelo xa activaron esta ferramenta e resolven mediante a mesma numerosas incidencias cada semana. Mentres tanto, no Grove continúa sen ofrecerse este servizo, a pesar da súa utilidade e de ser totalmente gratuíto para o Concello. “Quizais o problema sexa que, tal como está a vila, poñer a funcionar a app suporía unha saturación de incidencias e obrigaría ao goberno local a asumir a realidade na que se atopa o municipio", afirma Meis.

Esquerda Unida insta ao goberno municipal a activar de inmediato esta ferramenta dixital, aproveitar o seu potencial e atender todas as comunicacións cidadás que se reciban por esta vía, sen deixar de empregar as canles tradicionais de contacto co Concello.

08 maio 2025

Esquerda Unida carga contra a falta de xestión do goberno municipal trala liquidación do orzamento 2024

Denuncian que o Concello pecha o 2024 cun superávit de 2,5 millóns de euros e, por segundo ano consecutivo, cun remanente de tesourería que supera os 6 millóns, cando ten os orzamentos prorrogados dende 2022.

Esquerda Unida presentará unha proposta para investir a maior parte do remanente en medidas que beneficien á veciñanza. Pídenlle ao Alcalde que faga presión no seu partido para que a Ministra de Facenda permita o uso do remanente ou, pola contra, prepare un Plan Económico Financeiro.

O Grove, 8 de maio de 2025.-Esquerda Unida denuncia que, por segundo ano consecutivo, o Concello do Grove pecha o exercicio cun remanente de tesourería millonario que, nesta ocasión, a liquidación do 2024 sitúa en 6.312.143,80 €. Ademais, as contas arroxan un superávit de 2.485.900,20 €, mentres mantén os orzamentos prorrogados dende 2022.

O seu voceiro, José Antonio Otero, acusa ao Alcalde de escudarse ano tras ano na imposibilidade de sacar adiante uns orzamentos ao non ser quen de cadrar os números debido ao incremento do gasto anual, facendo fincapé especialmente no incremento de servizos como a Axuda no Fogar ou o Punto de Atención á Infancia. "Unha escusa inxustificable á vista das cifras", afirma Otero, que considera que “a liquidación evidencia que non se trata dun problema de cartos, senón de falta de capacidade, de planificación e de xestión por parte do goberno municipal”.

Para Otero o exemplo está en que “o ano pasado aprobouse un paquete de 2 millóns de euros en investimentos con cargo ao remanente e só se executou a metade, deixando sen facer moitas das actuacións pactadas, incluídas varias das propostas presentadas polo noso grupo”.

Aínda así, o voceiro esquerdista anuncia que, ante un remanente tan elevado, volverán presentar unha proposta ampla de accións e investimentos concretos para executar, que serán trasladadas ao goberno nos vindeiros días. “Sabemos que este ano o Ministerio de Facenda impón máis limitacións ao uso do remanente, pero hai ferramentas para tentar sortear esa situación, polo que queremos que o goberno municipal se poña a traballar canto antes”, indica Otero.

Desde Esquerda Unida sinalan que o seu partido a nivel estatal leva tempo presionando para que o Goberno central emita un decreto que permita, como en 2024, o uso do remanente en beneficio da veciñanza. Por iso piden ao Alcalde que faga o propio e “inste ao seu partido a presionar á súa ministra de Facenda para desbloquear a situación e poña os intereses do Grove por diante dos intereses partidistas”.

Mentres tanto, dende Esquerda Unida agardan que o goberno municipal comece a traballar e estude todas a vías para poder utilizar o remanente. “Queremos que se valoren todas as nosas propostas e se non se emite o decreto, haberá que explorar outras vías, como un posible plan económico-financeiro, se é que se rompe a regra de gasto ou a estabilidade orzamentaria", afirma Otero.

Finalmente, José Antonio Otero insta ao Alcalde a “cumprir coa lei e presentar un novo orzamento”, lembrándolle que “hai marxe para cadrar os números, e xa o demostramos”. “O que non se pode permitir é que un Concello que pecha liquidacións con superávit millonario continúe funcionando con orzamentos caducados e sen executar as accións acordadas”, remata Otero.

30 abril 2025

PLENO ABRIL 2025

 ROGOS E PREGUNTAS

📅 30 de abril de 2025

▶ Intervención: minuto 1:28:29


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Escola de Música Pepe Silva

Preguntamos polas bases do proceso de licitación da Escola de Música municipal para un contrato de catro anos.

🔻 Campamentos municipais de verán

Preguntamos cando se anunciarían os diferentes campamentos municipais.

🔻 Ordenanza de Bo Goberno

Preguntamos cando se traería a pleno a modificación da ordenanza para incluír dúas horas sen música nas atraccións de feira.

🔻 Museo da Salazón

Preguntamos se o museo permanecería pechado durante a tempada estival, como xa sucedera en Semana Santa.

🔻 Oferta Pública de Emprego para o Museo da Salazón

Preguntamos pola situación deste proceso para dotar de persoal ao museo.

🔻 Subvencións deportivas

Preguntamos cando se publicarían as bases destas subvencións.

Rogos e solicitudes

🔻 Zona de carga e descarga de Vellos Tempos

Solicitamos a sinalización vertical desta zona para que se empregue correctamente.

🔻 Paso de peóns na rúa Escalinatas

Solicitamos unha solución á situación dos viandantes tras eliminarse o paso de peóns diante da parada de bus.

🔻 Escola de Música Pepe Silva

Solicitamos instalar na nova localización da Escola de Música a placa co seu nome oficial e empregar esa denominación nas publicacións oficiais.

🔻 Monte Central Xaquín Álvarez Corbacho

Solicitamos a reparación e adecuación dos bancos, balaustradas e outros elementos deste espazo.

🔻 Proliferación de cucarachas na rúa Corgo

Solicitamos actuar para solucionar esta problemática.

🔻 Proliferación de ratas en diferentes rúas

Solicitamos actuar especialmente na rúa Pratería.

🔻 Paso de peóns en Terra de Porto

Solicitamos pintar un novo paso de peóns entre a lavandería e a saída da rúa Alexandre Bóveda.

🔻 Limpeza de fincas en Alexandre Bóveda

Solicitamos obrigar aos propietarios a limpar a maleza ante a proliferación de ratas.

🔻 Auditorio municipal

Solicitamos esixir a reparación das deficiencias do edificio e do ascensor a través da garantía da obra.

🔻 Rúa Alexandre Bóveda

Solicitamos reparar as gretas do primeiro tramo mediante a garantía da obra.

🔻 Local social de Reboredo

Solicitamos esixir a reparación das deficiencias detectadas na obra.

22 abril 2025

Esquerda Unida esixe a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade ante a vaga de roubos no Grove

Lamentan que o alcalde non convocara antes este órgano pese á crecente inseguridade que vive o municipio e solicita participar como membro.

O seu voceiro, José Antonio Otero, alerta de que a resposta institucional está a chegar tarde, mentres a veciñanza vive con medo e sen garantías de protección fronte aos continuos delitos.

O Grove, 22 de abril de 2025.- Esquerda Unida vén de solicitar a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade para abordar a grave situación de inseguridade cidadá que está a sufrir O Grove nas últimas semanas, con roubos en establecementos, entradas en vivendas e tiróns de bolsos que están convertéronse nun feito habitual que afecta directamente ao benestar e á tranquilidade da veciñanza. Nos últimos días a situación agravouse ata niveis alarmantes, con un, dous e incluso tres roubos por noite, o que está xerando unha fonda preocupación na veciñanza.

O seu voceiro, José Antonio Otero, lamenta que o alcalde, José Cacabelos, "non tivera convocado antes este órgano de coordinación en materia de seguridade, cando os episodios delituosos levan tempo producíndose no noso municipio". Otero lembra que "ao comezo do mandato se nos solicitou desde o Concello un representante para formar parte da Xunta Local de Seguridade, mais nunca se nos convocou a ningunha xuntanza", polo que esixe que Esquerda Unida poida participar con voz e voto neste órgano como forza con representación municipal.

A formación recoñece que, segundo manifestou recentemente o alcalde, xa se solicitou reforzo de axentes da Garda Civil á Subdelegación do Goberno e que se está traballando para incorporar novos efectivos á Policía Local. Con todo, Otero subliña que "estas medidas chegan tarde, pois a vaga de roubos non é nova, e a resposta do goberno municipal foi ata agora absolutamente insuficiente".

Desde Esquerda Unida insisten en que a plantilla da Policía Local leva anos reducíndose sen que se cubriran as prazas dos axentes pasados a segunda actividade, e denuncian que segue sen haber patrullas nocturnas, precisamente cando se producen a maioría dos roubos. “O alcalde leva anos escudándose nas dificultades legais para contratar novo persoal, pero mentres tanto os efectivos minguan e a delincuencia aumenta”, denuncia o voceiro.

A situación agrávase, segundo Esquerda Unida, porque a Garda Civil tampouco pode dar resposta suficiente, ao ter que cubrir unha ampla área da comarca con recursos moi limitados. “Mentres noutros concellos limítrofes se reforzan os corpos de seguridade e se poñen en marcha medidas preventivas, no Grove reina a pasividade”, engade Otero.

Desde Esquerda Unida reiteran que a convocatoria da Xunta Local de Seguridade é indispensable para poñer enriba da mesa a situación real do municipio e adoptar medidas conxuntas e coordinadas. “Non se trata só de reforzar efectivos —que é imprescindible—, senón de mostrar empatía coas persoas afectadas e de poñer en marcha un verdadeiro plan de seguridade cidadá”, conclúe Otero.

21 abril 2025

EU esixe a recuperación do nome de José Silva Torres para a Escola de Música municipal

Dende o traslado ao Auditorio Municipal, a Escola de Música deixou de empregar o nome oficial outorgado en 2013 en homenaxe a “Pepe Silva”. Esquerda Unida reclama que se restitúa o nome e se repoña a placa conmemorativa no emprazamento actual.

O nome da Escola honra a un grovense cuxa zapataría foi berce de xeracións de músicos locais. A día de hoxe, o goberno local segue sen cumprir o compromiso de restaurar esta denominación histórica.

O Grove, 21 de abril de 2025.- Esquerda Unida vén de reclamar ao goberno municipal que restitúa o nome oficial da Escola de Música Municipal, que dende xuño de 2013 leva o nome de José Silva Torres, “Pepe Silva”, en homenaxe a quen fixo da súa zapataría na Rúa da Praza un espazo de aprendizaxe musical para moitas xeracións de grovenses.

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, lembrou no pleno do mes de xaneiro que dende que se realizou o traslado da Escola de Música ao Auditorio Municipal, deixouse de empregar a denominación oficial, pasando a referirse a ela simplemente como Escola de Música do Grove. A placa que daba nome á escola no antigo edificio do Monte das Flores segue no mesmo sitio e non foi trasladada ao Auditorio.

“Queremos deixar claro que o nome de José Silva Torres non se lle puxo ao edificio anterior, senón á propia escola, e por tanto debe seguir presente sexa cal sexa o seu emprazamento”, declarou Otero. No mesmo pleno, a concelleira de Educación recoñeceu esta omisión e comprometeuse a resolvela, pero tres meses despois non se ten producido ningún cambio.

Desde Esquerda Unida denuncian que a omisión de utilizar o nome de José Silva Torres cando se fala da escola de música estase producindo en todas as publicacións e actos oficiais do Concello, como se puido comprobar hai dous venres durante a audición que os alumnos da escola ofreceron no propio Auditorio, o que consideran unha falta de respecto á memoria dunha figura fundamental na historia musical do Grove. “É unha cuestión de xustiza e de coherencia co acordo aprobado no seu día. Non se pode borrar do mapa unha homenaxe tan merecida”, concluíu Otero.

A formación esixe que se repare esta situación de maneira inmediata, trasladando a placa ao actual edificio do Auditorio e restituíndo o nome oficial da Escola en todos os soportes institucionais e comunicativos.

16 abril 2025

Esquerda Unida rexeita a expropiación do solar da “Casa de Beni”

A formación critica as formas e a falta de proxecto claro do goberno municipal, e alerta de que esta operación supón prexudicar a unha familia que adquiriu legalmente a propiedade para fixar nela o seu fogar.

Piden ao goberno que, en vista de que xa se fixo efectiva a venda, desista da expropiación e suspenda o expediente.

O Grove, 16 de abril de 2025.- Esquerda Unida vén de manifestar o seu rexeitamento á expropiación impulsada polo goberno municipal sobre a coñecida como “Casa de Beni”, ata este martes propiedade de Benito Maneiro. A formación asegura que son conscientes de que o executivo local perdeu unha oportunidade de ouro para adquirir o solar por vías de negociación e considera inxusto recorrer agora á expropiación cando a vivenda xa foi adquirida por unha familia para convertela no seu fogar.

“Non compartimos as maneiras nas que se desenvolveron os feitos, pero a expropiación non é a solución neste caso”, sinalan desde Esquerda Unida. Lembran que o motivo esgrimido polo goberno municipal para iniciar este proceso de expropiación, despois de non fraguarse a compra, foi a suposta necesidade de mellorar a accesibilidade ao edificio das monxas, pero aseguran que non existe ningún proxecto concreto que avale esa finalidade.

Desde Esquerda Unida denuncian que dende a compra do edificio das monxas, este carece de planificación e o uso que se lle dá aos espazos responde máis a unha xestión improvisada que a un proxecto consolidado. “Cédense aulas a distintos colectivos, incluso compartindo os mesmos espazos para diferentes actividades sen adaptar o inmoble ás súas necesidades reais. Non se executou nin existe proxecto para unha reforma interior nin teñen certeza dos usos que se van implantar. Todo é improvisado”, afirman.

Tamén sinalan que nos últimos meses o goberno local fixo anuncios contraditorios sobre o uso deste espazo, como a implantación do servizo Vellos Tempos, o cal levan anos indicando que se ía desenvolver nese edificio, cando non será así, ou a creación dunha aula de estudo, que tampouco pode realizarse porque as aulas non están adaptadas para tal fin. “Prometen servizos sen capacidade para exercelos, xa que as aulas da primeira planta comunícanse entre si, o que impide unha verdadeira compartimentación”, explican.

En canto ao argumento da accesibilidade, Esquerda Unida pon en dúbida a súa viabilidade a curto prazo. “Mesmo recoñeceron na última xuntanza que non dispoñen de orzamento para tirar a vivenda e adaptar o solar. Iso significa que poderían pasar anos antes de que se materialice esa suposta mellora, cando a impresión que daban na prensa é que sería inmediata. Mentres tanto a familia propietaria quedaría prexudicada sen necesidade”, denuncian.

Advirten de que, mesmo chegando a executar a demolición e urbanización do terreo, os problemas de acceso ao edificio das monxas persistirían, xa que a rúa pola que se entra é de paso único, o que seguirá a dificultar a circulación e pode provocar colapsos na vía principal.

En definitiva, dende Esquerda Unida, non comparten a necesidade de abrir un proceso de expropiación nestas circunstancias e lembran “que non é a primeira vez que este goberno municipal non chega a acordos cos veciños para cesións ou compra de terreos, como foi o caso da rúa das Bouzas, dos terreos de Alexandre Bóveda ou, no último caso, co terreo de Entrehortas, e nestes casos non se procedeu a abrir ningún expediente de expropiación”, sinalan.

“Non estamos diante dun proxecto planificado, senón dunha decisión precipitada, mal xustificada e con consecuencias directas sobre unha familia do Grove. Por iso, desde Esquerda Unida rexeitamos esta expropiación e esiximos que se suspenda o expediente”, conclúen.

31 marzo 2025

PLENO MARZO 2025

 ROGOS E PREGUNTAS

📅 31 de marzo de 2025

▶ Intervención: minuto 1:15:22


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Escola de Música Pepe Silva

Preguntamos se estaban listas as bases de licitación para sacar a concurso este servizo por catro anos.

🔻 Subida a Meloxo

Preguntamos polo estado das cesións dos terreos necesarias para executar a obra de mellora.

🔻 Ordenanza de Patinetes

Preguntamos se se realizaran charlas informativas nos centros educativos e outros espazos.

🔻 Sancións por uso de patinetes eléctricos

Preguntamos se se executara algunha sanción en base á nova ordenanza.

🔻 Paso de peóns en Beiramar

Preguntamos polo motivo da eliminación do paso de peóns que conectaba a fonte dos cabaliños co parque de Confín.

🔻 Merendeiro do Monte Central Xaquín Álvarez Corbacho

Preguntamos pola localización do merendeiro instalado neste espazo.

🔻 Aplicación “O Meu Concello”

Preguntamos polo motivo polo que esta aplicación seguía sen estar activa.

🔻 Orzamentos municipais

Preguntamos se o goberno tiña intención de presentar un borrador de orzamentos para negociar coa oposición.

Rogos e solicitudes

🔻 Limpeza do exterior do Auditorio

Solicitamos a limpeza da contorna do edificio debido á imaxe de suciedade que presentaba.

🔻 Control de acceso a rúas peonís

Solicitamos reforzar o control de vehículos e patinetes na rúa Castelao e noutras rúas peonís.

🔻 Paso de peóns de Beiramar

Solicitamos o informe municipal que xustificou a súa eliminación.

🔻 Monte Central Xaquín Álvarez Corbacho

Solicitamos reparar bancos, balaustradas e outros elementos deteriorados.

🔻 Mercado Municipal

Solicitamos a documentación relativa aos postos, locais e bancadas do mercado.

19 marzo 2025

EU insta ao goberno municipal a solicitar as axudas para modernizar e dinamizar o mercado municipal

A convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración permite aos concellos acceder a ata 320.000 € para obras de mellora, rehabilitación ou accións de dinamización e pode cubrir ata o 80% do investimento.

Anxo Meis reclama ao executivo local que solicite estas achegas para modernizar e dinamizar a praza de abastos, evitando así perder unha oportunidade clave para o comercio local.

O Grove, 19 de marzo de 2025 – O grupo municipal de Esquerda Unida pide ao goberno local, e en concreto ao concelleiro de Mercados, que non deixe pasar a oportunidade de acollerse ás axudas que ofrece a Xunta de Galicia para a dinamización e rehabilitación das prazas e mercados municipais. Estas achegas, dotadas cun orzamento de 3,3 millóns de euros, buscan fortalecer a rede de Mercados Excelentes e mellorar as infraestruturas comerciais da comunidade.

O concelleiro de Esquerda Unida, Anxo Meis, indicou que “o mercado municipal é un espazo clave para a economía local e o comercio de proximidade, polo que resulta fundamental aproveitar este tipo de investimentos para modernizalo, facelo máis atractivo e mellorar os servizos tanto para vendedores como para clientes”.

A nova convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración permite aos concellos acceder a ata 320.000 euros para obras de mellora, rehabilitación ou accións de dinamización. Segundo indica Meis, “a liña de subvencións pode cubrir ata o 80% do investimento, polo que o Concello debe presentar un proxecto ambicioso para modernizar un espazo esencial para o comercio local”. Así mesmo, a liña de axudas inclúe un período de execución bianual, o que, para Esquerda Unida, supón “unha oportunidade única para planificar actuacións de maior calado sen presións de prazos excesivamente curtos”.

Desde Esquerda Unida consideran que a solicitude destas axudas sería un paso decisivo para revitalizar o mercado municipal, fomentando a súa competitividade e fortalecendo a súa función como motor económico e social da vila. “Non podemos quedar atrás mentres outras localidades avanzan na modernización dos seus mercados. O goberno municipal debe actuar con dilixencia e presentar un proxecto sólido antes do prazo límite do 14 de abril”, subliñou Meis que insiste en que “hai financiamento dispoñible, polo que só falta vontade política para non perder esta oportunidade”.

O grupo municipal presentará un escrito solicitando información ao goberno local sobre as súas intencións respecto a esta convocatoria. “Se a resposta é que non teñen previsto solicitar estas axudas, estaremos ante outro exemplo de desinterese pola dinamización económica do noso concello. O noso compromiso está claro: esixiremos que se aproveiten todos os recursos dispoñibles para mellorar o Mercado Municipal”, concluíu Meis.

03 marzo 2025

PLENO FEBREIRO 2025

ROGOS E PREGUNTAS

📅 3 de marzo de 2025

▶ Intervención: minuto 1:21:28


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey

Preguntamos cando se executaría o cambio do tellado desta instalación.

🔻 Reforma da rúa Hortos

Preguntamos cando se iniciaría esta obra financiada co remanente.

🔻 Plan de asfaltados

Preguntamos cando se executaría o plan aprobado co remanente de 2023.

🔻 Museo da Salazón

Preguntamos cando se cambiaría o tellado ante as filtracións existentes.

Rogos e solicitudes

🔻 Auditorio municipal

Solicitamos esixir o arranxo do ascensor e das deficiencias do edificio a través da garantía da obra.

🔻 Rúa Alexandre Bóveda

Solicitamos reparar as gretas do primeiro tramo mediante a garantía da obra.

🔻 Local social de Reboredo

Solicitamos esixir a reparación das deficiencias detectadas na obra.

🔻 Procesos xudiciais do Concello

Solicitamos que se nos trasladase o listado de procesos xudiciais nos que estivese implicado o Concello.

🔻 Documentación solicitada por rexistro

Solicitamos que se nos trasladase toda a documentación solicitada polo noso grupo municipal.

🔻 Estacionamento nas Monxas

Solicitamos unha solución á falta de estacionamento para os usuarios do Punto de Atención á Infancia e de Afasal.

🔻 Fonte pública de Estonllo

Solicitamos a limpeza e adecuación da zona.

🔻 Panel informativo de Estonllo

Solicitamos mellorar a súa cobertura para evitar que se desprendan os anuncios coa choiva.

🔻 Festival de comparsas

Solicitamos evitar que se repita a situación na que comparsas quedaron sen diplomas.

31 xaneiro 2025

Esquerda Unida denuncia que O Grove segue sen estratexia turística mentres o alcalde só fala da taxa

 

Para a concelleira Susana Millán, a presenza do Grove en FITUR 2025 volveu depender da iniciativa privada e do liderado doutros concellos ou administracións, evidenciando a falta dunha estratexia turística propia.

Critican que o goberno municipal siga sen impulsar proxectos reais mentres centra todos os seus esforzos en reclamar unha taxa turística.

O Grove, 31 de xaneiro de 2025. Un ano máis, o Grove careceu dunha presenza propia e diferenciada en FITUR, a maior feira de turismo do Estado. A participación da vila limitouse a unha iniciativa externa, a que supuxo a promoción da Festa da Centola levada a cabo pola asociación empresarial Emgrobes, e a unha compartida, como foi á presentación da media maratón "Entre Rías" que transcorre entre o Grove e o Concello de Sanxenxo.

Sobre este evento, a concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, denuncia que o goberno municipal non foi capaz de reclamar para O Grove o protagonismo que lle corresponde na organización desta proba deportiva. "O compromiso inicial era que cada ano a carreira alternase o inicio e final entre os dous concellos, pero nin sequera isto foi quen de defender con forza o noso alcalde”, lamenta Millán, que á vez afirma que “acoller a chegada suporía un impulso importante para a hostalería local, pero teremos que conformarnos con ser saída por segundo ano consecutivo, o que demostra o pouco peso político de Cacabelos ante o seu homólogo e Sanxenxo”.

Desde Esquerda Unida tamén critican que a única prioridade do Alcalde, que á vez é o concelleiro de Turismo, sexa a implantación dunha taxa turística. "En agosto do pasado ano, Cacabelos declaraba que o turismo supón un gasto de máis de medio millón de euros para o Concello. O que nos preguntamos é de onde vén este afán recadatorio, sobre todo cando ten dende 2023 dous millóns de euros da Unión Europea para a Gastromeca e aínda non foi capaz de executar máis que o 32%. Nin tan sequera sacou a concurso a contratación da consultora necesaria para desenvolver todo o proxecto", denuncia Millán.

A edil de EU tamén lembra que o goberno municipal segue sen aprobar normativas esenciais para a xestión turística da vila, como a ordenanza de caravanas ou a de terrazas, ou crear unha mesa de traballo para procurar unha solución á proliferación das vivendas turísticas, tal e como acordaron ao inicio do mandato. Ademais, están pendentes compromisos como as bases para as Centolas de Ouro, a actualización do material promocional ou a recuperación dunha páxina web turística propia.

Por último, Esquerda Unida considera que os fondos europeos Next Generation deberían destinarse a crear un produto turístico sólido, que beneficie ao empresariado local e que poida ser levado a FITUR como unha aposta propia do Concello. "Hai oito anos coincidiamos en que o modelo de promoción en FITUR non era o axeitado, pero Cacabelos prometera buscar unha nova fórmula adaptada ás demandas actuais do sector. O problema é que, desde entón, nada se fixo", conclúe Millán.

27 xaneiro 2025

PLENO XANEIRO 2025

 ROGOS E PREGUNTAS

📅 27 de xaneiro de 2025

▶ Intervención: minuto 46:17


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Estación de carga de vehículos eléctricos da rúa Alexandre Bóveda

Preguntamos ata cando continuaría sendo gratuíto o seu uso e cal era o custo para o concello.

🔻 Consellos sectoriais municipais

Preguntamos cando se convocarían os consellos sectoriais acordados co noso grupo municipal.

🔻 Local do CR Mecos

Preguntamos polo estado da obra de adaptación do local.

🔻 Obra da rúa Oscura

Preguntamos cando se remataría esta obra.

🔻 Muro de Entrehortas

Preguntamos polos motivos do retraso no retranqueo do muro.

🔻 Pavillón de Conmeniño

Preguntamos cando comezarían as obras de reforma.

🔻 Ordenanza de Bo Goberno

Preguntamos cando se modificaría para incluír as dúas horas sen música nas atraccións de feira.

🔻 Escola de Música Pepe Silva

Preguntamos polo estado das bases de licitación.

🔻 Aula de estudo nas Monxas

Preguntamos polo motivo polo que non se habilitou durante o Nadal.

🔻 Mercado Municipal

Preguntamos cando se licitarían os locais e bancadas.

🔻 Subida a Meloxo

Preguntamos polo estado das cesións dos terreos necesarios para executar a obra.

🔻 Camiño da praia de Con Roibo

Preguntamos polo estado do expediente de recuperación deste camiño público.

🔻 Baldosas nas rúas peonís

Preguntamos pola situación das numerosas baldosas levantadas.

🔻 Ordenanza de Ruídos

Preguntamos pola situación desta ordenanza paralizada dende 2016.

🔻 Empresa redactora da Ordenanza de Ruídos

Preguntamos se se seguían pagando as medicións e traballos de redacción.

Rogos e solicitudes

🔻 Escola de Música Pepe Silva

Solicitamos instalar a placa co nome oficial na nova localización da escola.

🔻 Sinalización viaria

Solicitamos o pintado de pasos de peóns e sinalizacións horizontais.

🔻 Alumeado público

Solicitamos solucionar a falta de iluminación en diferentes rúas, especialmente na Aguieira.

🔻 Barrio de Campos

Solicitamos instalar máis puntos de luz pública.

🔻 Marquesiñas de Ardia e Balea

Solicitamos a reposición das marquesiñas retiradas tras accidentes de tráfico.

🔻 Rúa Conchases

Solicitamos unha solución á problemática do tránsito de vehículos pesados.