martes, 19 de abril de 2022

EU alerta que o goberno non fai nada para combater a soidade non desexada

  

Os esquerdistas lamentan que dez meses despois de aprobarse unha moción presentada polo seu grupo municipal relativa á soidade non desexada, o goberno non executara ningún dos puntos de acordo.

Instan ao goberno a elaborar o censo de persoas que viven soas e o Plan de Envellecemento Activo así como a adherirse á rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores e ao proxecto Cidades que Coidan. 

O Grove, 19 de abril de 2022.- A agrupación local de Esquerda Unida lamenta que a día de hoxe, o goberno municipal non teña feito nada do aprobado na moción que o seu grupo municipal presentou en xuño de 2021 co propósito de combater a soidade non desexada. 

E é que nesa moción, que foi aprobada por unanimidade, os esquerdistas instaban ao goberno a crear un censo local de persoas maiores que viven soas, a elaborar un plan de envellecemento activo e a adherirse á rede de “Cidades Amigables coas Persoas Maiores” e ao proxecto “Cidades que Coidan”. 

Segundo indican dende Esquerda Unida, dez meses despois dese pleno a concellería delegada non ten feito nada e así llo confirmaron no pleno do pasado 28 de marzo cando preguntaron polo cumprimento do aprobado. “Pero é que nin tan sequera, dúas semanas despois de quedar en evidencia no pleno, se deron pasos para, cando menos, iniciar os trámites de algún dos puntos de acordo”, denuncia o voceiro esquerdista José Antonio Otero. 

Otero lembra que a moción “pretendía que dende a administración local se traballase para combater a soidade non desexada, que a pesares de incidir en todas as etapas da vida, agudízase en persoas maiores de 65 anos, ocasionando un impacto directo e negativo sobre a saúde e o benestar de quen a padece”. Para iso, dende Esquerda Unida solicitaban a elaboración dun censo de persoas maiores que viven soas no Concello do Grove e con iso elaborar un Plan de Envellecemento Activo que tivese como obxectivos coñecer as necesidades das persoas que viven soas, ofrecer información de actividades lúdicas que puidesen ser do seu interese, ofrecer alternativas de ocio, informar e solicitar o servizo de teleasistencia de forma gratuíta, fomentar as relacións persoais e crear unha rede de axuda e acompañamento na que puidese colaborar a propia veciñanza. 

Así mesmo, tamén se instaba a que o Concello do Grove se adherise á rede de Cidades Amigables coas Persoas Maiores, da que forman parte outros 219 concellos do Estado, 5 deles galegos, así como ao proxecto Cidades que Coidan “co único fin de cumprir os seus obxectivos e promover un envellecemento activo e saudable e combater a soidade non desexada”, indica o voceiro esquerdista.  

É por iso que dende Esquerda Unida piden que “se comece a traballar axiña na posta en marcha dos puntos do acordo, e camiñar canto antes para lograr un maior coidado dos e das nosas maiores, sobre todo das que viven soas”. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario