mércores, 24 de marzo de 2021

EU quere que o Concello controle as colonias felinas aplicando o protocolo CES

Esquerda Unida elevará a debate, no pleno do mes de marzo, unha moción para instar ao Concello a realizar un control das colonias felinas aplicando o protocolo CES.

O continuo abandono de gatos domésticos, unido á súa capacidade reprodutiva, orixina colonias descontroladas de gatos vagabundos en zonas urbanas que non son aptas para a súa supervivencia, ocasionando molestias aos veciños do municipio.

O control reprodutivo mediante a aplicación de programas de captura, esterilización e solta (CES) supón unha boa política de control da poboación felina dende o punto de vista da saúde pública e do benestar animal e que completa outras medidas de potenciación da tenencia responsable de animais.

Unha colonia de gatos esterilizada xoga un papel importante no control de roedores da zona. Ademais de mellorar as condicións sanitarias da propia colonia, os programas CES favorecen a hixiene do entorno ao reducir as conductas propias dos gatos non esterilizados. Alí onde se extermina traumáticamente unha colonia, esta volve a reproducirse, a poboación recuperarase a través do fenómeno coñecido como “o efecto baleiro”.

Por ese motivo, dende Esquerda Unida instamos ao goberno a levar a cabo un censo municipal de colonias felinas e que, en colaboración coas asociacións animalistas locais e os centros veterinarios do noso concello, se lles realice o protocolo CES. Así mesmo, pedimos que se favoreza e protexa a labor das/dos voluntarias/os que coidan as colonias, se realicen talleres de educación contra o abandono e maltrato animal e campañas que conciencien da necesidade da esterilización de animais domésticos.

MOCIÓN COMPLETA:

MOCIÓN SOBRE O CONTROL DAS COLONIAS FELINAS. PROTOCOLO CES (Captura, Esterilización, Solta)

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O continuo abandono de gatos domésticos, unido á súa capacidade reprodutiva, orixina colonias descontroladas de gatos vagabundos en zonas urbanas que non son aptas para a súa supervivencia, ocasionando molestias aos veciños do municipio.

O control reprodutivo mediante a aplicación de programas de captura, esterilización e solta (CES), é a solución avalada por numerosos traballos de investigación (GEMFE-AVEPA, asociación de veterinarios españois especializados en pequenos animais) e pola OMS (Organización Mundial da Saúde) e supón unha boa política de control da poboación felina dende o punto de vista da saúde pública e do benestar animal e que completa outras medidas de potenciación da tenencia responsable de animais.

Unha colonia de gatos esterilizada xoga un papel importante no control de roedores da zona. Ademais de mellorar as condicións sanitarias da propia colonia, os programas CES favorecen a hixiene do entorno ao reducir as conductas propias dos gatos non esterilizados. Alí onde se extermina traumáticamente unha colonia, esta volve a reproducirse, a poboación recuperarase a través do fenómeno coñecido como “o efecto baleiro”.

As evidencias científicas demostran que o contaxio de gatos a persoas é altamente improbable seguindo unhas condicións básicas de hixiene. Aínda así, o CES é un programa sanitario que permite que os gatos da rúa estean sans, desparasitados, e NON  constitúan ningún perigo para a cidadanía, nin para a saúde pública.

A Declaración Universal dos Dereitos do Animal, Tratados internacionais ratificados por España e os regulamentos e Directivas comunitarias en protección animal contribuíron á necesidade de establecer políticas eficaces de protección animal.

O programa CES é unha alternativa ética e respectuosa que, en colaboración con voluntarios e entidades sen ánimo de lucro, permite unha adecuada protección animal, resolvendo á vez as molestias ocasionadas á veciñanza.

VANTAXES

  • Evita molestias e conflitos.
  • Mellora as condicións de vida dos gatos censados, esterilizados e desparasitados.
  • Evítase a proliferación descontrolada.
  • Impídese a aparición de roedores.
  • Os solares mantéñense en boas condicións hixiénico-sanitarias.
  • Aforro económico comprobado e demostrado fronte ao método de captura continuada.

O manexo das colonias felinas segundo o método CES do GEMFE/AVEPA consistirá en:

  1. Exame físico.
  2. Esterilización e marcaxe.
  3. Identificación mediante microchip no caso de animais que vaian ser adoptados.
  4. Vacinación e desparasitación (no caso de ser posible a vacinación).
  5. Adopción de cachorros e de adultos socializados.
  6. Regreso á colonia 

A proba do FIV/FeLV non será un procedemento estándar, aínda que si recomendable para que entre os propios felinos non se contaxien.

O método de traballo consistirá en:

  • Organizar as colonias realizando labores de concienciación e meditación entre a veciñanza e os posibles alimentadores.
  • Controlar, alimentar e manter limpas as colonias.
  • Capturar, trasladar e devolver ás colonias aos membros de estas que esterilicen.

Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte

PROPOSTA DE ACORDO

Instar ao goberno municipal a:

  1. Que se leve a cabo e documentar, na medida do posible, un censo municipal de colonias felinas identificando os animais que as compoñen.
  2. Que se leve a cabo o método CES nas colonias felinas do noso concello mediante un convenio de colaboración coas asociacións animalistas locais sen ánimo de lucro.
  3. Que se realicen convenios de colaboración con clínicas veterinarias do concello que queiran adherirse.
  4. Favorecer e protexer a labor das/dos voluntarias/os que coidan as colonias estudando acreditalas a través da emisión dun carné ou xustificante da actividade, que se obtería logo de recibir un curso.
  5. Estudar a posibilidade de establecer unha axuda económica para a alimentación estable dos animais xestionada polos voluntarios acreditados.
  6. Que se dote economicamente na partida orzamentaria para que, coa fórmula legal máis xusta para as partes, se poida aplicar o protocolo CES.
  7. Protexer aos gatos da rúa aplicando a lexislación vixente sobre maltrato animal e todo o contemplado nas ordenanzas municipais para a protección de animais ao igual que as demais categorías de animais establecidas na mesma.
  8. Realizar talleres de educación contra o abandono e maltrato animal, así como campañas que conciencien da necesidade de esterilización de animais domésticos.
  9. Que se convoque unha comisión para traballar este tema, concretar todos os aspectos e medidas precisas, así como realizar reunións con ditas asociacións para chegar á mellor solución contando con todas as partes.


Ningún comentario:

Publicar un comentario