venres, 5 de marzo de 2021

EU lamenta a situación que están vivindo os nosos maiores e reclama solucións ao Concello

 

Denuncian o continuo baile de datas incumpridas que se lles está dando ás usuarias e usuarios do programa Vellos Tempos. Considérano unha falta de respecto e de tacto coas familias dependentes.

Os esquerdistas, que xa teñen interpelado en varias ocasións no pleno, piden celeridade en todas as actuacións relacionadas cos asuntos sociais, para ofrecer un servizo de calidade á veciñanza.

O Grove, 5 de marzo de 2021.- A agrupación local de Esquerda Unida mostra a súa preocupación coa problemática que se está dar en torno ao programa de Vellos Tempos e á situación que “están a vivir as e os nosos maiores así como as súas respectivas familias”.

Os esquerdistas lamentan que dende a administración local se estea dilatando continuamente o regreso do programa Vellos Tempos, que dunha forma ou outra alivia a carga que os familiares das persoas dependentes están a sufrir, máxime dende o inicio da pandemia.

Segundo o voceiro do grupo municipal de EU, José Antonio Otero, estes entenden que “retomar este servizo municipal non é nada sinxelo, pois trátase de usuarias e usuarios con alto risco ante a Covid”, pero tamén indican que “vai alá un ano dende o inicio da pandemia e houbo tempo suficiente para programar un regreso seguro neste servizo”. Así mesmo, Otero cree que “o máis grave non é que non se poida poñer en marcha o servizo, iso solucionase explicándoo e, en todo caso, procurando alternativas. O máis grave é que se estivo xogando con estes usuarios, dando continuas datas do inicio do servizo que finalmente non se cumpriron”.

Deste modo, os esquerdistas critican que dende que se levantou o estado de alarma en xuño do 2020, o concelleiro de servizos sociais anuncioulles ás usuarias e usuarios de Vellos Tempos numerosas datas para o comezo do servizo. “Primeiro indicóuselles que comezaría na primeira semana de agosto, logo que se retrasaba ata mediados de mes para finalmente comunicarlles que se iniciaría o primeiro de setembro. Finalmente estas datas non se cumpriron e tras ir dando escusas ás familias, comezaron a dar horas domiciliarias para paliar as queixas. Unha solución que se supoñía provisional pero que xa se está prolongando demasiado no tempo. Neste 2021, a previsión era comezar o día 1 de marzo, pero estamos a día 5 as usuarias e usuarios do servizo Vellos Tempos seguen sen poder facer uso do mesmo”, indica José Antonio Otero.

Dende Esquerda Unida consideran unha falta de respecto e de tacto este baile de datas, que “antes atribuíamos tan só ao Alcalde, pero parece que o resto dos concelleiros e concelleiras do goberno xa se contaxiaron dese mal”, afirma Otero. “Non se dan conta que esta forma de actuar está a provocar malestar entre unhas familias con dependentes, que o único que precisan é un pequeno alivio no seu día a día”, sentenza o voceiro esquerdista.

Así mesmo, Esquerda Unida tamén denuncia o que está a suceder coa antiga Escola Infantil do Monte da Vila, pois logo de estar na axenda do goberno o derrube da mesma para habilitar aparcadoiros, o pleno aprobou que isto non sucedera e se destinara á Casa de Xuventude, a instancias do grupo esquerdista, pero finalmente habilitaron o edificio para acoller unicamente o programa de Vellos Tempos, “saltándose así un novo acordo plenario”, tal e como afirma o voceiro de EU. Otero indica que “non nos opoñemos a este novo uso, de feito xa dixemos que como Casa da Xuventude podería albergar outros usos, entre eles o de Vellos Tempos. O que denunciamos é que saltándose un acordo plenario, o goberno decidira cambiarlle o uso ao edificio e non se contemple habilitalo como Casa da Xuventude, independentemente de que o usen para Vellos Tempos”.

E é que este edificio –a antiga Escola Infantil do Monte da Vila– leva máis dun ano en reformas continuas, e está a ser a “desculpa” do goberno para retrasar o regreso do programa Vellos Tempos. Para Esquerda Unida iso non é desculpa, “pois afirmaron en varias ocasións que usarían o local de Virxe das Mareas”, un local que xa albergaba Vellos Tempos ata o inicio da Pandemia.

Por último, dende a agrupación esquerdista tamén se preguntan que sucede co local social que se ía construír nun solar de Reboredo, que uns veciños doaron ao concello para albergar esta edificación coa condición de que se iniciase a obra antes de rematar o 2018. Segundo Otero, “Xa incumpriron o acordo, pero é que van alá 2 anos e nin se puxo a primeira pedra. Tendo en conta que este edifico era para albergar tamén o programa de Vellos Tempos coa veciñanza da parroquia de San Vicente, queda claro que o toman con moita calma”.

Non é a primeira vez que Esquerda Unida pregunta por todos estes asuntos no pleno, “recibindo excusas e datas que finalmente nunca se cumpren“, indica José Antonio Otero. “É por iso que pedimos celeridade a hora de actuar en todo o relacionados cos asuntos sociais, pois é imprescindible para ofrecer un servizo de calidade a toda a veciñanza”, finaliza o voceiro esquerdista.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario