xoves, 19 de marzo de 2020

EU denuncia que as auxiliares do Servizo de Atención no Fogar prestan o servizo coa mínima protección ante o COVID-19


Os concelleiros de EU consideran unha irresponsabilidade non equipar ao persoal do servizo, xa que traballan coa veciñanza máis vulnerable.

Esixen ao goberno municipal e a Atendo a dotación de máscaras, batas e guantes ás auxiliares do SAF ou que o sexa o propio concello quen as dote desa protección.

O Grove, 19 de marzo de 2020.- A agrupación local de Esquerda Unida denuncia que dende o día antes de declararse a Alerta Sanitaria en todo o Estado, o persoal do Servizo de Atención no Fogar (SAF) do Concello do Grove xa tiñan alertado da falta de equipos de protección ante o COVID-19 e a vulnerabilidade tanto das usuarias e usuarios do servizo como do propio persoal auxiliar ante a pandemia do Coronavirus.

José Antonio Otero, voceiro da agrupación esquerdista, indica que a día de hoxe, seis días despois da declaración de Estado de Alerta, o persoal  auxiliar do SAF segue a preguntar polos equipos de protección e advirten da alta probabilidade de contaxio entre a veciñanza máis vulnerable. “Salvo algún persoal auxiliar, que persoalmente se auto equipou ante o que se viña enriba, a gran maioría non dispoñen de máscaras –nin tan sequera ás máis simples–, non contan con batas desbotables e contan con escasos guantes de protección”, sentencia Otero.

O esquerdista indica que “o cabreo é aínda maior entre o persoal do SAF cando ven que os empregados e empregadas municipais, que non teñen contacto directo con ningunha persoa (barredores/as) ou que o contacto é evitable (Policía Local, Emerxencias..) si contan con máscaras e guantes, e dende o propio Concello non se lle equipa nin se lle obriga á empresa a equipar ao persoal deste servizo”.

Para Otero é unha irresponsabilidade do goberno local “permitir que as e os auxiliares traballen sen un equipamento de protección adecuado e no seu lugar vexan como dende a propia empresa adxudicataria se limiten a enviarlles un documento de protocolo no que tenta xustificar a non necesidade de utilización das máscaras nin de batas desbotables”. No documento, a empresa “denomina o uso da máscara pola rúa como unha barbaridade e indícanlle ao seu persoal que pedir o equipamento no seu traballo é produto do medo e finaliza practicamente responsabilizando ás propias traballadoras de posibles contaxios aos usuarios ao indicar que se pode minimizar o risco coidando de non contaxiarse e facendo o traballo correctamente” conclúe Otero que considera que “o que é unha verdadeira barbaridade é tentar xustificar a falta de previsión, non querer gastar en equipamento de protección e poñer en risco ao persoal do Servizo de Atención no Fogar e ás veciñas e veciños máis vulnerables do noso concello.”

É por iso que Esquerda Unida responsabiliza á empresa do que poida suceder, pero tamén ao Alcalde, ao concelleiro de Sanidade e ao concelleiro de Igualdade e Benestar, “pois xa foron alertados ata en tres ocasión desta situación e non fixeron nada”, e pídelles que actúen canto antes e esixa á empresa que presta o servizo de atención no fogar a dotación de material de protección para o persoal, ou que o propio concello sexa quen llo facilite para que presten o servizo sen risco de contaxiarse nin contaxiar ás usuarias e usuarios.

Extracto do documento enviado ao persoal do SAF:

“El hecho de que en TV veamos millones de imágenes de gente caminando con mascarilla es una barbaridad y en vez de ayudar desinforma.

Pedir equipamiento “defensivo” en nuestro trabajo es producto del miedo, cuando somos nosotros los vectores del virus y podemos minimizar el riesgo solamente cuidando de no contagiarnos y haciendo el trabajo correctamente.”

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario