“Esperamos que o Concello do
Grove non teña a desgraza de ter que devolver millón e medio de euros. Se chega
a producirse, será pola terquedade do goberno municipal: por embarcarse nun
proxecto sen ter claros os terreos”
Critica a manipulación do alcalde
para facerse cun millón e medio de euros de libre disposición co beneplácito do
Partido Galeguista Demócrata
O Grove, 27 de xuño de 2018.- O grupo
municipal de Esquerda Unida lamenta a manipulación que o alcalde ven facendo
respecto da postura desta formación en relación ao auditorio que o Concello
proxecta para o Monte da Vila. Unha infraestrutura cultural que a formación
esquerdista ve pertinente; pero que, sen embargo, adoece dende o momento no que
foi anunciada, hai xa máis dun ano, dunha moi deficiente xestión. Así llo fixo
saber o concelleiro Juan Lamelas ao grupo de goberno municipal no último pleno.
Unha sesión na que EU optou por absterse na votación deste proxecto, coa
finalidade de facer notar a mala praxe municipal a este respecto.
“Esperamos que non aconteza, pero se finalmente O
Grove ten a desgraza de ter que devolver millón e medio de euros por non poder
cumprir cos prazos da subvención da Deputación será por culpa da terquedade do
alcalde”. Son palabras de Juan Lamelas, que lembra que esas presas do rexedor
local teñen obrigado a reformular o proxecto do auditorio, que no seu día foi
deseñado e presentado ao público sen ter en conta as características e a
delimitación real dos terreos.
Foi precisamente esa inxustificada presa do grupo de
goberno a que levou á paralización da construción do auditorio durante máis dun
ano. Tamén a que obrigou a reformular o proxecto e a mermar o número de
butacas. E a que, en último caso, ten deixado ao Concello do Grove entre a
espada e a parede ante a necesidade de cumprir cuns axustadísimos prazos de
execución se quere evitar verse na tesitura de ter que devolver a subvención
que o goberno provincial aporta a esta obra.
O voceiro do grupo municipal de EU quixo destacar a demagoxia
e a actitude manipuladora con que o alcalde actuou dende o minuto cero. “Hai aproximadamente un ano o
goberno municipal contrataba un vehículo con megafonía para anunciar a
celebración dunha sesión plenaria e puña a funcionar a cámara web para retransmitir
esa sesión. Convocaba a asociacións culturais para intervir nunha sesión
plenaria na que dicía que se ía aprobar o auditorio. Algo que era mentira. Unha
sesión plenaria na que se nos quixo botar aos leóns aos grupos que mantiñamos
un criterio distinto ao do goberno municipal respecto ao endebedamento do
Concello. Hoxe, cando si se vai votar o proxecto de construción do auditorio,
vemos dúas persoas no público”, indicaba Lamelas durante a sesión desta semana.
O voceiro de EU destaca o feito de que “o tempo veu
dar a razón” ao plantexamento desta formación. E é que o alcalde “mentiu” hai
un ano cando quixo forzar á oposición a aprobar un crédito bancario de 4,5
millóns, asegurando que se trataba dunha operación indispensable para sacar
adiante a infraestrutura cultural. “O que defendíamos daquela era a necesidade
de buscar financiamento alternativo doutras administración para que o Concello
non asumise en solitario o custe do auditorio. Un financiamento que daquela o
alcalde vía imposible e que, finalmente, si chegou.
“Tamén se mentiu no pleno
no que se solicitou a subvención de 1,5 millóns, dicindo que era necesario ter
o crédito antes para poder optar a ela. É vostede un mentireiro, señor
Cacabelos, e non teño apuro en dicilo porque os feitos constátano”, indica
Lamelas. “Daquela dixémoslle ao alcalde que non pedise 4,5 millóns, facendo que
o Concello cargase co custe da obra, que buscase financiamento alternativo. E o
Concello endebedouse en 4,5 millóns cando podían ter sido 2. Pero, grazas a
aquel crédito, aprobado co beneplácito do Partido Galeguista Demócrata, agora o
goberno local dispón dun millón e medio de euros de libre disposición”, indica
o voceiro de EU.
Ningún comentario:
Publicar un comentario