mércores, 31 de xaneiro de 2018

O Pleno apoia a moción de EU solicitando a retirada do proxecto de modificación da Lei de Saúde de Galicia


O Pleno do Concello do Grove mostrou o seu rexeitamento ao proxecto de modificación da Lei 8/2008 de Saúde de Galicia e mostrou o apoio ás mobilizacións convocadas por SOS Sanidade Pública para tal fin a raíz da moción presentada polo Grupo Municipal de Esquerda Unida. 

Todos os partidos da corporación municipal (Agás o PP que se abstivo), mostraron o seu voto favorable á moción que pedía a Xunta de Galicia a retirada do Proxecto de modificación da Lei Galega de Saúde e abrir un proceso de debate e negociación participativa para manter e reforzar os hospitais comarcais co propósito de garantir a asistencia de saúde a toda a poboación en condicións de igualdade, para recuperar as Xerencias de Atención Primaria con autonomía e capacidade resolutiva, devolver e potenciar a formación, investigación e innovación con recursos públicos, potenciar a participación social en todas as estruturas do sistema sanitario e garantir a equidade de acceso ao sistema dos mellores profesionais e traballadores en base a criterios de igualdade, mérito e capacidade. Así mesmo, mostraron o seu apoio a mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública do 4 de febreiro en Santiago de Compostela para pedir a retirada do Proxecto de Modificación da Lei 8/2008 de saúde de Galicia


Moción completa 

para solicitar a retirada do proxecto de modificación da Lei 8/2008 de Saúde DE GALICIA E EN apoio ás mobilizacións convocadas por sos sanidade pública para tal fin

 
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Lei de Saúde de Galicia do ano 2008, estableceu as normas polas que se ten que rexer o Sistema Sanitario Público de Galicia. Esta Lei contempla unha  Sanidade Pública, Universal, Gratuíta e de Calidade, tal e como manda o Estatuto de Autonomía de Galicia e a Constitución do Estado Español.

Agora a Xunta pretende cambiar esta Lei mediante un proxecto que:

1.- Reduce a participación social   na xestión e control do sistema.

Cambia a composición dos órganos de participación e súas funcións dos mesmos. Esta modificación faría imposible o control previo e a  aprobación do Plan Galego de Saúde, os contratos de servizos, os concertos co sector privado, subvencións, memorias anuais, orzamentos,  prestacións sanitarias e carteiras de servizos.

Tamén modifica  a composición e funcións do Consello de Saúde de Área e  crea un novo Consello Asesor de Pacientes,  deixando pendente a regulación da súa composición e funcionamento, responsabilidade que traslada as Xerencias de Área. A Consellería de Sanidade elixirá ademais quen poderá participar no mesmo, que deberán facer as  entidades participantes. O Proxecto e suprime o artigo 25 (apartado 5. d) que establecía que “ o Consello e Saúde debería coñecer os contratos de servizos sanitarios, concertos e subvencións na área sanitaria".
 
2.- Reduce as Áreas Sanitarias e mantén as Estruturas de Xestión Integrada (EOXIS).

Reduce á actuais  Áreas Sanitarias de 11 a 7 coa intención de equiparar as mesmas ás Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXIS), creadas para suprimir as Xerencias de Atención Primaria (AP) que foron absorbidas polos hospitais. De este xeito a AP quedou sometida a hospitalaria perdendo orzamento e autonomía, polo que o sistema sanitario volve ao modelo curativo (reparación do dano) en detrimento da promoción e prevención, moito mais racional e eficiente para a saúde da poboación.

3.- Desmantela e recorta os recursos dos hospitais comarcais, que acercan a atención hospitalaria as poboación rural aleixada dos grandes hospitais.

Preténdese eliminar as Áreas Sanitarias de Monforte, A Mariña, Barco de Valdeorras  e o Salnés, polo que os hospitais das mesmas pasarían a depender dos hospitais das  Estruturas de Xestión Integrada (EOXIS) de  Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo. As áreas dos hospitais comarcais se transforman en Distritos Sanitarios que son estruturas territoriais de menor rango, capacidade de xestión, orzamento e recursos.

4.- Mantén e consolida a selección dos traballadores sanitarios por libre designación, en lugar de por coñecemento, mérito e capacidade demostrada  en probas,  examines e concursos.

Esta decisión  perpetúa a arbitrariedade  o enchufismo na contratación do persoal sanitario, en detrimento da calidade da atención, da equidade e da xustiza. 

5.- Consolida a privatización de formación, investigación e innovación dos sistema sanitario público galego.

Mantén a amplía a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, parasitada por laboratorios e empresas tecnolóxicas e fondos de investimento internacional. De esta manara o SERGAS financiará e poñerá os seus centros, profesionais, equipamento e pacientes o servizo da experimentación de laboratorios, multinacionais e fondos de investimento, que farán grandes negocios cos resultados da mesma: O SERGAS pagara a investigación e ás multinacionais comercializaran os resultados.  Preténdese por o Sistema Sanitario Público ao servizo do desenvolvemento empresarial, en lugar de garantir a saúde da poboación.
Debemos ser conscientes de que están en xogo Sanidade Pública que ata agora protexeu o ben máis importante que temos como e a saúde. O sistema Sanitario Público e algo que conseguimos entre tod@s coa democracia. Si deixamos que o privaticen, as xeracións futuras non nolo perdoarán. 

Por todo o exposto, o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do Pleno do Concello do Grove a seguinte,
 
PROPOSTA DE ACORDO

1.- Instar á Xunta á retirada do Proxecto de modificación da Lei Galega de Saúde

2.- Instar á Xunta a apertura de un proceso de debate e negociación participativa para:

-      Manter e reforzar os hospitais comarcais para garantir a asistencia de saúde a toda a poboación en condicións de igualdade.
-      Recuperar as Xerencias de Atención Primaria, que recupere a súa autonomía e capacidade resolutiva, para promover e previr a saúde da poboación.
-      Desenvolver e potenciar a formación, investigación e innovación con recursos públicos.
-      Potenciar a Participación Social, sen exclusións, en todas as estruturas do sistema sanitario.
-      Garantir a equidade de acceso ao sistema dos mellores profesionais e traballadores en base a criterios de igualdade, mérito e capacidade.

3.- Apoiar explicitamente a mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública para o vindeiro 4 de febreiro en Santiago de Compostela pola retirada do Proxecto de Modificación da Lei 8/2008 de saúde de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario