luns, 28 de agosto de 2017

Esquerda Unida solicita medidas de seguridade para a vindeira Festa do Marisco

A agrupación esquerdista insta ao goberno municipal a imitar a seguridade usada durante a Festa do Albariño e instale obstáculos de formigón para pechar o recinto da festa. Tamén pide que busquen a colaboración doutros concellos para contar con máis efectivos da Policía Local durante o evento gastronómico.

O Grove, 28 de agosto de 2017.- Tralos atentados sucedidos en Cataluña e os diferentes atentados terroristas acontecidos en diferentes países de Europa nos últimos meses, todos eles utilizando o sistema de atropelo, a Agrupación Local de Esquerda Unida considera preciso extremar as medidas de seguridade na vindeira Festa do Marisco, un evento que atrae a máis de 200.000 persoas nos dez días que dura o a festa gastronómica de interese nacional.

O Ministerio de Interior anunciou o pasado 19 de agosto que a mesa extraordinaria da ameaza terrorista decidiu manter o nivel 4 de alerta pero con reforzos en diferentes dispositivos, facendo referencia aos dispositivos de seguridade en lugares de afluencia masiva como zonas turísticas ou eventos masivos. Para Esquerda Unida un deses eventos masivos é a vindeira Festa do Marisco que terá lugar do 5 ao 15 de outubro. Os esquerdistas indican que o recinto utilizado para desenrolar as actividades non é totalmente pechado e conta con numerosas posibilidades de acceso rodado, por ese motivo solicitan que se instalen barreiras de formigón para bloquear toda posibilidade de acceso incontrolado de vehículos. A modo exemplo poñen a vila veciña de Cambados, onde este ano o goberno decidiu facer uso deste sistema co fin de evitar calquera tipo de altercado durante a celebración da Festa do Albariño.


Do mesmo modo, os esquerdistas instan ao goberno a buscar a colaboración con outras administracións e concellos para contar con máis efectivos da Policía Local durante os dez días de duración do evento e facer un plan se seguridade acorde ao nivel de alerta e a un evento gastronómico que opta a ser de interese turístico internacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario