sábado, 25 de xullo de 2015

Esquerda Unida mostra o seu malestar pola ausencia de Policía Local durante a noite e reclaman que se reactive o servizo no mes de agosto.

A agrupación de esquerdas non entende como en pleno verán, O Grove non conte cunha patrulla da Policía Local durante as noites e reclaman que se reactive o servizo de garda, cando menos durante a fin de semana.

foto Todogrove.es
O Grove, 25 de xullo de 2015.- Esquerda Unida faise eco das críticas que neste último mes veñen realizando veciños e visitantes do Grove ante a ausencia de patrulla de garda nocturna da Policía Local, sobre todo na fin de semana, onde a se intensifica a actividade debido á movida nocturna. Precisamente son os locais de copas os que reclaman con máis tesón a presenza policial durante as noites de verán, especialmente nas dos venres e sábados, que é cando hai máis ambiente e as xornadas nocturnas poden ser máis conflitivas.

Os concelleiros esquerdistas, Juan Lamelas e José Antonio Otero, reclámanlle ao Alcalde e á vez responsable de Seguridade Cidadá que reactive o servizo nocturno da Policía Local durante o mes de agosto co fin de ofrecer un servizo básico e esencial nun concello turístico como O Grove, que nestes meses estivais aumenta considerablemente a súa poboación. Así mesmo, co fin de evitar estragos no mobiliario público, como sucedeu nas últimas semanas en rúas como Cándido Acuña Blanco, Luís Seoane, Paseo de Lordelo ou o parque de Terra de Porto, onde árbores, papeleiras e outros mobiliarios urbanos sufriron actos vandálicos.

É por iso que na vindeira semana os concelleiros de Esquerda Unida realizarán esta solicitude de forma oficial a través do rexistro municipal. Ademais, os edís preguntarán polo motivo que levou á non prestación deste servizo durante o mes de xullo, situación que se dá por primeira vez, xa que nos meses de verán sempre existiu patrulla de garda, ao menos, durante a fin de semana.
  

Asemblea de Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario