O Grove, 18 de xullo de 2015.- O venres, a agrupación local de Esquerda Unida
introduciu a través do rexistro municipal unha serie de rogos nos que instamos
ao goberno municipal a dar solución a diferentes problemas detectados e trasladados
polos veciños.
Os esquerdistas solicitan a
limpeza regular dos diferentes areais grovenses, tanto os de Bandeira Azul como
os que non contan co prestixioso distintivo, pois foron moitos os usuarios que
mostraron as súas queixas pola sucidade na que se atopan as praia nestas
últimas semanas, chegando a acumularse durante días os restos de algas e outros
elementos que as mareas depositan en terra.
Xan Lamelas e José A. Otero pídenlle
ao executivo local que tamén arranxen o acceso de madeira da praia da
Lavaxeira, que conta con un chanzo roto e varios en estado de deterioro, o que
provocou algún incidente entre os usuarios ao areal de Porto Meloxo. Tamén o
parque infantil de Rons centra as queixas dos concelleiros esquerdistas, que
solicitan o arranxo do valado exterior do mesmo ao atoparse roto por varias
zonas, o que implica un perigo para os nenos que o frecuentan, maioritariamente
os do centro educativo próximo.
O barrio da Gandariña, en Rons,
é outro dos puntos conflitivos, pois varios veciños trasladaron as súas queixas
aos esquerdistas indicando que nos últimos días se apreciaban ruídos estraños e
malos cheiros procedentes da canalización que traslada as augas residuais cara a
EDAR.
Esquerda Unida tamén trasladou
a súa preocupación co “Portal Cidadá” da web municipal, pois os usuarios que
acceden ao mesmo para realizar os seus trámites co Concello atópanse cunha
mensaxe na que se advirte de que non é unha páxina segura.
Por último, os concelleiros
esquerdistas solicitaron unha xuntanza formal co Alcalde, e á vez responsable
da área de Seguridade Cidadá, para abordar o tema dos semáforos radar pois,
segundo indican, a única información da
que dispoñen, relativa aos problemas xurdidos estes últimos días e as reunións
mantidas coa empresa responsable, é a
que se publicou nos diferentes medios de comunicación.
Asemblea de Esquerda Unida O Grove
Ver documentos:
Ningún comentario:
Publicar un comentario