A formación lembra que o campamento que se celebraba no CEIP Rosalía de Castro acollía a preto dun centenar de nenos e nenas, dos que arredor da metade utilizaban o comedor, un servizo que de por si xa debería contemplar o concello.
Denuncian a falta de planificación do goberno, coñecedor da situación, e consideran que debería ofrecer unha solución xa que moitas familias quedarán sen unha alternativa clave para a conciliación durante o verán.
O Grove, 25 de maio de 2026.- Esquerda Unida vén de reclamar ao Concello do Grove que amplíe os recursos destinados á conciliación familiar e laboral durante o verán, tras coñecerse a apertura do proceso de inscrición do Plan Concilia 2026 e a confirmación de que este ano non se celebrará o campamento organizado pola ANPA do CEIP Rosalía de Castro, suspendido debido ás obras que se están a desenvolver no centro educativo.
O programa municipal inclúe a Ludoteca, destinada, igual que o ano pasado, a un centenar de nenos e nenas nados entre 2018 e 2022, e o Campamento Deportivo, que mantén as mesmas 200 prazas do pasado ano, dirixido a persoas nadas entre 2012 e 2019. Porén, desde Esquerda Unida consideran que a oferta pode resultar insuficiente para cubrir as necesidades reais das familias do Grove ao non celebrarse o campamento da ANPA Conchases, que acollía a outro centenar de nenos e nenas.
A situación complícase máis tendo en conta que o campamento que se celebraba no CEIP Rosalía de Castro ofertaba tamén servizo de comedor, do que facían uso preto de 50 familias. “O problema non é só a perda de prazas, senón tamén a desaparición dun servizo fundamental para moitas familias como era o comedor”, sinala concelleiro de Esquerda Unida, Anxo Meis. “Estamos falando de pais e nais que durante o verán teñen máis carga laboral precisamente polo incremento da actividade turística e que agora van atoparse con menos ferramentas para poder conciliar”.
Dende a formación lembran que a necesidade de conciliación xa é importante ao longo de todo o ano, pero intensifícase especialmente durante os meses de verán nun concello como O Grove, onde moitas persoas traballan na hostalaría, no comercio ou en actividades vinculadas ao turismo.
Esquerda Unida considera que o Concello debería actuar con previsión ante unha situación que xa coñecía, procurando alternativas que permitan ampliar o número de prazas e estudar fórmulas para ofrecer tamén servizo de comedor. Neste sentido, a formación lembra que leva anos defendendo medidas de conciliación máis ambiciosas e sostidas no tempo.
“Sempre estivemos comprometidos coa conciliación familiar. Por iso levamos anos propoñendo campamentos municipais tamén noutras épocas non lectivas, como Nadal ou Semana Santa, e mesmo con servizo de comedor, especialmente dirixido ás familias máis vulnerables”, explica Meis.
Neste sentido, consideran incoherente que o Concello sufrague durante o curso escolar o comedor de determinadas familias a través dos Servizos Sociais e que, pola contra, non contemple alternativas similares nos períodos non lectivos. “Non estamos pedindo nada novo nin imposible. Estamos falando de medidas que xa funcionan noutros concellos e que forman parte do modelo de conciliación e apoio social que defendemos desde hai anos”, engaden.
Ademais, Esquerda Unida entende que a cancelación do campamento do Rosalía non debería asumirse como inevitable simplemente polas obras no centro. “Seguramente, se existise unha colaboración municipal estable, un convenio co comedor ou unha implicación real do Concello, tanto a ANPA como a administración local poderían traballar da man para procurar alternativas, como sucede noutros concellos da contorna”, sinala Meis.
Por último, advirten de que moitas familias veranse obrigadas a pedir reducións de xornada, reorganizar horarios ou incluso buscar empregos compatibles co coidado dos seus fillos e fillas, o que pode derivar en consecuencias económicas importantes. “Un concello comprometido coa conciliación e coas familias vulnerables non pode mirar para outro lado ante unha situación como esta”, conclúen.

Ningún comentario:
Publicar un comentario