Lembran que a actuación en Hortos, comprometida coa súa formación cun orzamento de 280.000, foi licitada por segunda vez no 2025 e continúa sen iniciarse, malia que o goberno asegurou reiteradamente que o atraso se debía ás condicións meteorolóxicas, unha desculpa que xa non consideran válida.
Consideran que esta situación, xunto cos atrasos na obra de humanización da rúa Lepanto, como na das rúas do Peso, Regato, Fontiña, Horta do Río e Camiño Con do Gato, evidencian un modelo de xestión baseado na improvisación, sen planificación nin control da execución. Denuncian a permisividade do goberno con Marconsa, empresa adxudicataria de todas estas obras.
O Grove, 29 de xuño de 2026.- O grupo municipal de Esquerda Unida volve preguntar ao goberno local pola situación das obras de remodelación da rúa dos Hortos, unha actuación comprometida coa súa formación e que continúa sen iniciarse malia ter sido licitada ata en dúas ocasións.
A formación lembra que a remodelación de Hortos, unha actuación incorporada aos investimentos municipais tras o acordo acadado por Esquerda Unida nas negociacións co remanente de 2023, foi licitada inicialmente cun investimento de 100.000 euros, e que posteriormente tivo que volver saír a licitación en 2025, ampliando o seu importe en 180.000 euros. Porén, a día de hoxe, a obra segue sen comezar.
Segundo explica Esquerda Unida, nas diferentes ocasións nas que a formación se interesou por esta actuación, o goberno municipal atribuíu o atraso ás condicións meteorolóxicas do inverno. Unha explicación que consideran xa difícil de soster.
"Levamos tempo escoitando que a obra non se puido executar debido ás condicións meteorolóxicas, pero a realidade é que levamos máis de dous meses de bo tempo e a situación segue exactamente igual. O único que medra na rúa dos Hortos é a maleza arredor das tubaxes depositadas na zona", afirma o voceiro municipal de Esquerda Unida, José Antonio Otero.
Para a formación, a situación da rúa dos Hortos non é un feito illado, senón o reflexo dunha maneira de xestionar os investimentos municipais caracterizada pola improvisación e a ausencia de planificación.
Neste sentido, lembran que a humanización das rúas Peso, Regato, Fontiña, Horta do Río e Camiño Con do Gato foi presentada a mediados de marzo cun prazo de execución de tres meses e dividida en tres fases. Con todo, a principios de abril comezou a actuación na rúa do Peso, a cal a día de hoxe continúa sen rematar, mentres que o resto das actuacións seguen sen iniciarse.
A esta situación súmase tamén a humanización da rúa Batalla de Lepanto, iniciada a principios de febreiro e que continúa sen rematar malia superar amplamente o prazo previsto.
Dende Esquerda Unida consideran que estes atrasos xa non poden explicarse unicamente pola meteoroloxía. "Cando varias obras distintas presentan os mesmos problemas, o que falla non é unha actuación concreta, senón a planificación do goberno", sinala Otero.
A formación lembra ademais que tanto a obra da rúa dos Hortos como as actuacións nas outras rúas mencionadas foron adxudicadas á mesma empresa construtora, Marconsa, que tamén se encarga da execución da obra do entorno de Bizocas, financiada pola Deputación de Pontevedra e sometida a uns prazos de execución moi estritos.
Segundo explican, durante estes meses foi habitual comprobar como nas obras do centro urbano, moitos días apenas traballaban dous ou tres operarios, mentres na actuación de Bizocas, condicionada polos prazos, o número de traballadores chegaba a superar a quincena. Un contraste que, ao xuízo de Esquerda Unida, evidencia que a distribución dos medios responde ás prioridades marcadas polos prazos das subvencións e non ás necesidades da veciñanza.
Para Esquerda Unida, corresponde á Concellería de Obras organizar correctamente a execución dos investimentos e supervisar que as empresas adxudicatarias cumpran cos medios e cos prazos comprometidos.
"Resulta difícil entender que unha mesma empresa acumule atrasos en varias das principais obras municipais sen que o goberno dea explicacións nin adopte medidas. Esa falta de esixencia acaba trasladando á veciñanza unha preocupante sensación de permisividade e do que moitos veciños xa perciben unha auténtica complicidade coa empresa adxudicataria, mentres soportan durante meses as consecuencias das obras", denuncia o voceiro.
Para Esquerda Unida, o executivo local pretende agora recuperar en poucos meses o tempo perdido durante anos de falta de mantemento, limpeza e investimentos reais. Esta acumulación de obras, sen unha planificación adecuada nin unha supervisión efectiva dos contratos, está a provocar incumprimentos dos prazos, importantes molestias para a veciñanza e unha utilización pouco eficiente dos recursos públicos. “O que estamos vendo é unha sucesión de anuncios, escusas e atrasos que demostran unha preocupante incapacidade para xestionar os investimentos municipais”, conclúe José Antonio Otero.
.png)
Ningún comentario:
Publicar un comentario