25 marzo 2024

PLENO MARZO 2024

ROGOS E PREGUNTAS

📅 25 de marzo de 2024

▶ Intervención: minuto 1:14:18


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Arquetas da estrada de Beiramar

Preguntamos polos motivos polos que foran levantadas e quen asumiría o custo, tendo en conta que o arranxo da rúa tiña 3 anos.

🔻 Peonalización da rúa Funil

Preguntamos cando se executaría esta actuación comprometida para dar prioridade aos peóns e crear un camiño escolar seguro.

🔻 Museo da Salazón

Preguntamos polo motivo polo que non abriría en Semana Santa.

🔻 Servizos municipais de limpeza e axuda no fogar

Preguntamos pola situación destes contratos caducados no 2021 e 2019 respectivamente.

🔻 Web turismogrove

Preguntamos pola situación desta plataforma turística e o seu traslado a un novo dominio.

🔻 Web municipal

Preguntamos polo motivo polo que levaba días sen funcionar.

🔻 Local do CR Mecos

Preguntamos pola situación da obra que levaba paralizada 5 anos coa conseguinte problemática para os deportistas.

🔻 Subvencións deportivas

Preguntamos cando se publicarían as bases e cando se pagarían as subvencións pendentes do 2023.

🔻 Quioscos de praia

Preguntamos cando se publicarían as bases da licitación.

🔻 Media Maratón O Grove-Sanxenxo

Preguntamos se esta proba tería continuidade anual e se no seguinte ano finalizaría no noso concello.

🔻 Consultora do PSTD

Preguntamos pola situación da contratación, precisa para executar os dous millóns de euros do plan.

Rogos e solicitudes

🔻 Municipalización de servizos municipais

Solicitamos estudar a municipalización da limpeza de edificios públicos e do servizo de axuda no fogar.

🔻 Pasos de peóns do concello

Solicitamos o repintado da maioría dos pasos de peóns.

🔻 Limpeza de colectores e contornas

Solicitamos mellorar a limpeza dos colectores de lixo e selectivos de todo o concello e as zonas onde se atopan.

🔻 Marquesiña do Con

Solicitamos reparar o cristal desta marquesiña.

🔻 Portas do Concello

Solicitamos substituír os cristais rotos.

🔻 Marquesiña na entrada á Lavaxeira

Solicitamos instalar unha marquesiña nesta zona para dar abrigo á veciñanza que se reúne no banco existente.

🔻 Praia da Lavaxeira

Solicitamos limpar maleza e lixo na contorna.

🔻 Baldosas nas rúas peonís

Solicitamos reparar as baldosas deterioradas na rúa Pratería, Montiño, Corgo, Horta do Río,.. e que se valorase substituílas por formigón.

🔻 Camiño dos Carrascos (San Vicente)

Solicitamos unha solución definitiva para este camiño.

🔻 Pavillón para o IESP Monte da Vila

Solicitamos a intervención do Alcalde para pedir esta infraestrutura á Xunta.

22 marzo 2024

EU critica o elevado gasto en terminais móbiles por parte do goberno local

A Xunta de Goberno Local aprobou un gasto de 12.149,92 € para a compra de 15 teléfonos móbiles. Esquerda Unida pediu o contrato e información sobre o tipo e custo dos terminais mercados e a quen vai destinado cada un, pois considera esta operación un gasto excesivo. 

O Grove, 22 de marzo de2024.-Esquerda Unida O Grove manifestou a súa preocupación polo que consideran un excesivo gasto na compra de teléfonos móbiles. Segundo indican, a última acta que recibiron da Xunta de Goberno Local, correspondente ao 4 marzo, recolle unha proposta de Alcaldía na que se destinan 12.149,92 € para a compra de 15 dispositivos móbiles co propósito de renovar os que se atopan obsoletos ou danados.

O grupo municipal indicou que solicitou o contrato e toda a documentación correspondente a esta adquisición co propósito de determinar o prezo exacto de cada terminal e os seus destinatarios, xa que o gasto total supón un custo medio de 810 € por dispositivo, aínda que se figuran que 8 destes terminais serán para os concelleiros e concelleiras do executivo local, co que calculan que estes terán un prezo estimado de 1.200€ cada un, o que consideran un gasto disparatado.

Dun xeito ou outro, dende Esquerda Unida consideran excesiva e prepotente a adquisición de dispositivos de alta gama e critican o gasto xeral como desproporcionado, especialmente tras as recentes intencións do goberno de incrementar o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e o imposto sobre vehículos, xustificando un desequilibrio no orzamento municipal.

Esquerda Unida argumenta que, en tempos de axuste orzamentario, debería ser o propio goberno quen lidere co exemplo e aplique medidas de austeridade nos seus gastos, no canto de incorrer en gastos que consideran innecesarios.

20 marzo 2024

EU presenta unha moción para aprobar as bases do Concurso de Carteis da Festa do Marisco 2024

O evento gastronómico deste ano non conta, a día de hoxe, co correspondente cartel promocional, polo que Esquerda Unida, que leva dende outubro pedindo a publicación das bases, decidiu tomar a iniciativa ante a pasividade do goberno municipal e presentan as mesmas en forma de moción.

Piden tamén un cambio nas bases e na asignación económica de cara ao cartel do 2025, polo que instan a convocar o Consello Local de Turismo para valorar as modificacións pertinentes co propósito de que se publiquen en tempo e forma.

O Grove, 20 de marzo de 2024.- No pleno da Corporación municipal do Grove, que terá lugar o vindeiro luns 25, o Grupo Municipal de Esquerda Unida levará a consideración unha moción que busca a aprobación das bases do Concurso de Carteis para a LXI Festa do Marisco, a celebrarse este ano.A agrupación de esquerdas destaca a importancia da Festa do Marisco non só a nivel local, senón tamén comarcal, provincial e autonómico, pola súa capacidade para atraer visitantes e dinamizar a economía local. O cartel da festa é un elemento crucial para a promoción do evento e atraer as miradas tanto de habitantes locais como de visitantes nacionais e internacionais. No entanto, no ano 2023 non se publicaron as bases para o concurso do cartel, o que resultou nunha ausencia do mesmo durante a celebración da festa, algo inédito ata o momento.

Esquerda Unida considera esta situación como prexudicial para a promoción da festa e ante a falta de acción por parte do goberno municipal para corrixir esta omisión, urxe á toma de medidas, pois quedan menos de sete meses para a celebración do evento que este ano celebra a súa 61 edición. Lembran que dende outubro do 2023, insistiron en varias ocasións para que se publicasen as bases co propósito de que a Festa deste ano contase cun cartel, polo que ante a pasividade municipal, decidiron tomar a iniciativa e levar as mesmas a pleno. A moción propón non só a aprobación inmediata das bases para o concurso deste ano, seguindo os termos dos anos anteriores, senón tamén instar ao goberno municipal a publicar as bases antes do 5 de abril para dar comezo ao concurso, que remataría o 30 do mesmo mes, asegurando unha ampla difusión das mesmas para fomentar a participación.

Ademais, a moción tamén pide convocar o Consello Local de Turismo co propósito de redactar unhas novas bases para o concurso da LXII Festa do Marisco, aumentando a contía económica do premio e asegurando a súa publicación en tempo e forma para que o cartel da seguinte edición poida ser presentado durante a celebración deste ano.

En resumo, Esquerda Unida busca garantir que a LXI Festa do Marisco conte cun cartel representativo e que se poñan en marcha medidas para mellorar o concurso de carteis de cara ás futuras edicións, todo co obxectivo de preservar e promover este evento tan emblemático para O Grove.

 [Ver/descargar Moción]

08 marzo 2024

EU demanda a conversión da antiga Escola Infantil do Monte da Vila nunha Casa da Mocidade

  

Tras o anuncio do traslado do servizo de Vellos Tempos ás Monxas, piden converter o edificio nunha Casa da Mocidade, destinada ao ocio, formación e creatividade da xente nova. Destacan a necesidade de adaptar o espazo para actividades socio-culturais e formativas, involucrando á mocidade na transformación e asegurando que as súas necesidades sexan atendidas.

Lembran que existe un acordo plenario de 2017 e advirten que a esixencia non é simplemente unha petición, senón un requisito para futuras negociacións co goberno local, sinalando a importancia do compromiso activo co futuro da mocidade no concello.

O Grove, 8 de marzo de 2024.- O grupo municipal de Esquerda Unida demanda ao goberno municipal un cambio significativo nos plans para a antiga Escola Infantil do Monte da Vila, logo de que este edificio deixe de acoller o servizo de Vellos Tempos. Tras o anuncio do Alcalde, no último pleno, de que o servizo será trasladado ao “edificio das Monxas” no mes de abril, Esquerda Unida ve unha oportunidade de ouro para converter o edificio vacante nunha Casa da Mocidade.

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, considera que “é preciso crear un espazo destinado ao ocio da xente nova, á súa formación e creatividade, así como á realización de actividades de índole socio-cultural ou formativo, que repercutan positivamente na integración social da mocidade”. Propoñen así, que a Casa da Mocidade poida integrar a oficina de Información Xuvenil, a través da cal, ademais de ofrecer toda a información e asesoramento, se encargaría da dinamización do espazo.

Dende Esquerda Unida cren que o edificio debería adaptarse minimamente para crear un espazo multifuncional coa posibilidade de crear sala de actividades e xogo, espazo dedicado á informática, sala multimedia, espazo de audiovisuais, sala de consulta, sala de obradoiro… “De todos modos, entendemos que  debe adaptarse sempre buscando o consenso e as necesidades da propia mocidade”, afirma Otero.

Esquerda Unida lembra que existe un acordo plenario de novembro de 2017, tras unha moción do seu propio grupo municipal na que se instaba a destinar este edificio a unha Casa da Mocidade. A moción saíra aprobada por maioría absoluta coa abstención do grupo do PSOE que, ao igual que agora, gobernaba o concello. Finalmente, o executivo local decidiu destinar o edificio a outras actividades, entre elas a do programa Vellos Tempos.

Así, co anuncio de que en breve as persoas participantes deste servizo se desprazarán ao edificio da Monxas, onde convivirán co Punto de Atención á Infancia (PAI) e o servizo de persoas con Alzheimer, Esquerda Unida considera que o edificio da antiga Escola Infantil quedará baleiro e sen practicamente uso. É por iso que Esquerda Unida recupera esta vella demanda que consideran que é máis que necesaria no Grove pois, segundo Otero, “a mocidade local urxe dun lugar onde poder reunirse, realizar actividades, cursos, que conte con información, asesoramento e cos servizos acordes ás súas necesidades”.

A agrupación fai fincapé na importancia de involucrar á mocidade na transformación do edificio, asegurando que as súas voces sexan escoitadas e que os servizos proporcionados se axusten ás súas necesidades reais. “Procuramos non só un espazo físico, senón un compromiso activo do goberno municipal co futuro da mocidade do Grove”, asevera o voceiro de Esquerda Unida.

Por último, Otero advirte que “esta non é unha simple petición, senón unha esixencia do noso grupo municipal”, a cal ten que ser unha realidade, “pois realizala ou non condicionará futuras negociacións co Goberno local”, especialmente nas que precise o voto de Esquerda Unida para sacar adiante cuestións de crucial importancia no Concello, como orzamentos ou proxectos.

26 febreiro 2024

PLENO FEBREIRO 2024

ROGOS E PREGUNTAS

📅 26 de febreiro de 2024

▶ Intervención: minuto 1:17:15


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Subida a Meloxo

Preguntamos polo estado da obra de substitución da tubaxe e reforma integral.

🔻 Quioscos de praia

Preguntamos polo retraso na publicación das bases da licitación a pesar de que o BOE do 14 de decembro xa anunciaba a concesión ao concello.

🔻 Seguridade na rúa Entrehortas

Preguntamos cando se melloraría a seguridade para os peóns logo de telo reiterado en numerosas ocasións.

🔻 Muro de Entrehortas

Preguntamos cando se derrubaría o muro para ampliar a entrada ao aparcadoiro.

🔻 Edificios en estado ruinoso

Preguntamos que medidas se estaban adoptando ante os desprendementos de edificios como o da antiga discoteca Scorpio, do antigo Pub Áncora, dunha vivenda na Fonte do Galo, en fronte ao Bar Marquesina e en Tenente Domínguez.

🔻 Estación de carga de vehículos eléctricos

Preguntamos se o servizo xa estaba sendo xestionado e se continuaba sendo gratuíto.

🔻 Subvención APROL

Preguntamos polo decreto do 28 de novembro do 2023 relativo á devolución dunha subvención do ano 2018.

🔻 Sistema de son dos plenos

Preguntamos cando se arranxaría o sistema de son da sala.

Rogos e solicitudes

🔻 Campamento de Semana Santa

Solicitamos poñer en marcha un campamento para facilitar a conciliación familiar.

🔻 Camiño do alto de Pardiños

Solicitamos solucionar o estado deste camiño, reiterado en diferentes plenos dende 2019.

🔻 Varanda da Casa da Cultura

Solicitamos reparar a varanda por motivos de seguridade.

24 febreiro 2024

Esquerda Unida esixe celeridade na substitución da tubaxe de auga da estrada de Meloxo

 

A formación política preocúpase pola falta de avances dende o anuncio do anteproxecto en marzo do ano pasado, apuntando á necesidade de substituír canto antes a tubaxe ante as constantes roturas que provoca o desabastecemento de auga á veciñanza de Meloxo.

Esquerda Unida solicita información ao ente provincial e ao goberno municipal para esclarecer quen está demorando a execución da obra.  

O Grove, 24 de febreiro de 2024.- Esquerda Unida manifestou a súa preocupación pola demora nas obras de mellora da estrada de Meloxo, unha actuación vital para a veciñanza que leva sufrindo problemas de subministro de auga dende hai tres anos debido a frecuentes roturas na tubaxe. A última incidencia rexistrouse hai apenas unha semanas e, trala reparación, a zona atópase valada, o que supón un enorme risco para os condutores, máxime cando é utilizada por numeroso tráfico pesado. 

Segundo o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, dende o primeiro incidente, en xaneiro do 2021, o seu grupo municipal ten insistido en innumerables ocasións na necesidade de substituír a tubaxe para previr futuras avarías. Otero indica que en marzo do 2023, o goberno local anunciou un anteproxecto para, ademais da substitución completa da tubaxe de subministro de auga, realizar unha actuación integral que incluía a ampliación da beirarrúa, a creación dunha cuneta transitable, a renovación do firme e luminaria. Como propietaria da estrada, a obra ía ser executada pola Deputación de Pontevedra que en xuño do pasado ano anunciou a licitación do proxecto. Non obstante, a realización destas obras requiría a cesión de terreos por parte dos propietarios das fincas afectadas e este traballo correspondíalle ao goberno municipal, lembra Otero.

Co cambio de goberno na Deputación, agora en mans do PP, Esquerda Unida preocúpase pola falta de información sobre a obra. Á incerteza sobre o peche das cesións de terreos, súmase a ausencia de información clara en relación á disposición do actual goberno provincial a realizar a obra, o que preocupa aínda máis á formación política, que non ven avances case un ano despois de ter anunciado  obra.  

Así, Esquerda Unida quere saber a que é debido o retraso, e por iso xa realizou a consulta pertinente á Deputación de Pontevedra a través do rexistro. “Queremos saber se o retraso na execución da obra é debido a un rexeite do ente provincial a investir nesta estrada, ou é por culpa do goberno municipal, xa que a día de hoxe temos constancia de que non se puxeran en contacto cos propietarios para pechar as cesións dos terreos, logo de comprometerse a realizar ese traballo”, asevera Otero.

O voceiro esquerdista indica que “a situación resulta frustrante, sobre todo para as veciñas e veciños de Meloxo, que continúan a experimentar roturas na tubaxe e, en consecuencia, cortes no subministro de auga, nalgúns casos durante horas e, en ocasións, ata un día completo”.

É por iso que, á espera de resposta por parte da Deputación, Esquerda Unida urxe ao goberno municipal a esclarecer a situación, e se é preciso pechar canto as cesións dos terreos, co fin de resolver un problema que xa se prolonga por demasiado tempo. Así mesmo, solicitan que namentres siga valada a zona afectada, se mellore o balizamento para evitar o risco para o tráfico rodado, sobre todo pola noite.

22 febreiro 2024

EU insta ao Concello do Grove a aproveitar as axudas para o Embelecemento Turístico do Litoral

 

Cun investimento global que supera os 2,7 millóns de euros, a concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, realiza propostas concretas en cada unha das tres liñas subvencionables; Transición Verde Ecolóxica, Transición Dixital e Transición Accesible e Inclusiva.

Esquerda Unida busca mellorar infraestruturas e promover a sustentabilidade para fortalecer o turismo local no Grove e pide que convoque o Consello Local de Turismo para valorar as propostas e crear os correspondentes proxectos antes de que remate o prazo o vindeiro 5 de marzo.

O Grove, 22 de febreiro de 2024 - O grupo municipal de Esquerda Unida, insta ao Goberno local a aproveitar as oportunidades proporcionadas pola segunda convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para o embelecemento turístico do litoral, cun investimento global de máis de 2,7 millóns de euros.

A Xunta de Galicia, a través do Diario Oficial de Galicia, publicou a convocatoria destas subvencións que se poden solicitar ata o 5 de marzo. Así, Esquerda Unida, a través da súa concelleira, Susana Millán, presenta unha serie de propostas concretas para cada unha das liñas subvencionables.

Na Liña 1, correspondente á Transición Verde e Ecolóxica, Esquerda Unida considera que se pode utilizar para mellorar e musealizar o Museo de Salga, potenciar as rutas “Xacobea Mar de Arousa” e a do “Padre Sarmiento”, recuperar e poñer en valor a ruta do litoral “As Xentes e o Mar” e mellorar os elementos e sinaléticas da zona de especial protección de aves do litoral grovense.

En canto á Transición Dixital (liña 2) Susana Millán entende que o concello pode aproveitala para crear códigos QR, guías turísticas interactivas e folletos dixitais, así como deseñar aplicacións para promover o destino e eventos, tales como a Festa do Marisco.

Por último, na liña 3, que inclúe a Transición Accesible e Inclusiva, dende Esquerda Unida propoñen mellorar a accesibilidade a espazos do litoral, como praias, paseos e miradoiros e adaptar a sinalética turística para que poida chegar ás persoas invidentes.

Millán exhorta ao Goberno local a valorar as propostas e, en todo caso, a convocar o Consello Local de Turismo pa consensuar e preparar proxectos sólidos para acollerse estas axudas antes de que finalice o prazo. Destacan a relevancia de investir nestas áreas para fomentar o turismo local e contribuír ao desenvolvemento sustentable do concello.

29 xaneiro 2024

PLENO XANEIRO 2024

ROGOS E PREGUNTAS

📅 29 de xaneiro de 2024

▶ Intervención: minuto 1:39:08


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Árbore caída no CEIP Conmeniño

Preguntamos cando se retiraría a árbore que levaba tirado dous meses no patio do centro.

🔻 Fitur

Preguntamos polo papel do Concello nesta feira turística.

🔻 Cartel da Festa do Marisco 2024

Preguntamos cando se publicarían as bases do concurso.

🔻 Festival de comparsas

Preguntamos se o escenario contaría con telón durante o concurso.

🔻 Entroido meco

Preguntamos polo estado do expediente, iniciado no 2018, para declaralo Festa de Interese Turístico Nacional.

🔻 Casa da Cultura Lueiro Rey

Preguntamos pola situación do precinto do edificio debido ao desprendemento do tellado.

🔻 Edificios municipais deteriorados

Preguntamos se se actuaría nos edificios precintados e valados que tiveron desprendementos.

🔻 Paso de peóns Campos-Meloxo

Preguntamos polos trámites para instalar este paso de peóns reclamado en anteriores plenos.

Rogos e solicitudes

🔻 Quioscos de praia

Solicitamos realizar a licitación con tempo suficiente.

🔻 Fianzas dos quioscos de praia

Solicitamos a devolución das fianzas aos concesionarios do ano anterior.

🔻 Interseccións na rúa Alexandre Bóveda

Solicitamos arranxar diferentes accesos as rúas do Sol, Terra de Porto, Carballeira, Brañal,... que presentaban un deterioro importante e contrastaban co arranxo da rúa principal.

🔻 Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey

Solicitamos executar un plan urxente de reparación interior e da cuberta.

🔻 Praia de Con Roibo

Solicitamos retirar bolsas de uña de gato acumuladas nesta praia durante máis de seis meses.

Esquerda Unida urxe ao Goberno Local a axilizar a renovación das concesións dos Quioscos de Praia

 

Consideran importante iniciar o proceso sen demora para permitir a planificación dos novos concesionarios, especialmente de cara a unha Semana Santa, que este ano coincide a finais de marzo.

Preguntan polo retraso na devolución das fianzas aos concesionarios saíntes e piden o seu pago inmediato.

O Grove, 29 de xaneiro de 2024.- O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao goberno a iniciar de inmediato o proceso de renovación das concesións dos Quioscos de praia, as cales remataron no pasado verán despois de catro anos de vixencia.

Considerando que a primeira das épocas turísticas do ano, a Semana Santa, este ano sitúase a finais de marzo, dende Esquerda Unida subliñan a necesidade de realizar as adxudicacións sen demora, co propósito de que se os novos concesionarios desen abrir nestas datas, poidan planificar as súas tarefas de preparación e procura de persoal coa debida antelación. O partido solicita ao goberno local que emita as bases do proceso de renovación sen dilación

Así mesmo, dende Esquerda Unida aproveitan para preguntar os motivos polos que os adxudicatarios, que finalizaron a concesión a finais da pasada tempada estival, aínda non recibiron o reembolso das fianzas depositadas no seu momento, logo de catro meses do remate das mesmas. Esixen ao goberno que procedan a realizar os reintegros pois entenden que son esenciais, non só como un dereito que lles pertence, senón tamén como un recurso necesario para afrontar o novo proceso de adxudicación.

Esquerda Unida comprométese a velar por que o proceso de adxudicación se realice con totais garantías e transparencia. Agardan unha pronta acción por parte do executivo local para asegurar unha xestión eficaz no servizo de Quioscos de praias.

27 decembro 2023

PLENO DECEMBRO 2023

ROGOS E PREGUNTAS

📅 27 de decembro de 2023

▶ Intervención: minuto 2:01:54


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Local do CR Mecos

Preguntamos pola situación do expediente da obra paralizada durante os últimos catro anos.

🔻 Camiño de acceso á praia de Con Roibo

Preguntamos pola situación deste camiño ocupado por unha empresa privada e os trámites municipais para a súa recuperación.

Preguntamos os motivos polos que non se nos facilitou a documentación solicitada por rexistro relativa a este asunto.

🔻 Ordenanzas municipais

Preguntamos polo estado das ordenanzas de patinetes e autocaravanas.

🔻 Oferta Pública de Emprego

Preguntamos polos tramites de contratación ante o risco de perder as prazas para o Auditorio e o edificio das Monxas.

🔻 Estación de carga de vehículos eléctricos

Preguntamos se seguía sendo gratuíta ou se xa estaba xestionando o cobro polo seu uso.

🔻 Subida a Meloxo

Preguntamos polo estado da obra de reforma integral e a cesións de terreos e o motivo polo que non se procedera a asfaltar e retirar o valado da zona que sufrira unha rotura da tubaxe de auga.  

🔻 Policía local en fin de ano

Preguntamos se o servizo ía funcionar na noite do 31 de decembro.

🔻 Servizo de Emerxencias municipal

Preguntamos polos trámites do traspaso a SubGES.

🔻 Local Social de Reboredo.

Preguntamos cando a empresa, responsable da obra deste edificio, executaría a reparación das deficiencias existentes.

🔻 Árbore do CEIP Conmeniño

Preguntamos cando retirarían a árbore que se atopaba tirada no patio deste colexio tras de caer co temporal no mes de novembro.

🔻 Problemas no CEIP Rosalía de Castro

Preguntamos que medidas adoptaría o goberno para solucionar os problemas para a circulación de autobuses por diante do colexio tralo cambio de sentido da rúa, e a xestión dos residuos trala eliminación dos colectores próximos.

🔻 Alumeado público

Preguntamos os motivos que provocaban que diferentes barrios quedasen a escuras de forma aleatoria.

🔻 PXOM

Preguntamos se xa se tramitaran os documentos esixidos polos departamentos autonómicos pertinentes para continuar coa tramitación do plan.

🔻 Colector marrón

Preguntamos se tiñan intención de realizar charlas informativas á veciñanza para dar a coñecer o uso do novo sistema.

🔻 Cartel da Festa do Marisco

Preguntamos cando se ían publicar as bases do concurso para contar con cartel da festa do 2024.

🔻 Centolas de Ouro

Preguntamos cando se ía convocar o Consello Local de Turismo para traballar na elaboración dunhas bases para os premios.

🔻 Auditorio municipal

Preguntamos polas responsabilidades ante as numerosas deficiencias que  detectamos na visita realizada ao edificio inaugurado en xuño do 2022. Baño das mulleres inundado e inutilizado dende o primeiro día, ventás agretadas, filtracións de auga por todos lados, protección do teito desprendéndose no patio de butacas, focos de iluminación escénica avariados dende o primeiro día, material do escenario acumulado e deteriorándose, arqueta de conexións de son e corrente inundada, cables de conexión deteriorados, instalación superficiais de cables de son por non existir canalización, porta de acceso ao escenario para atenzo inutilizada, sistema de alarma inutilizada,...

Preguntamos quen se faría responsable de solucionar todas esas deficiencias e se se tramitou algún expediente por esas circunstancias.

🔻 Acordos co noso grupo municipal

Preguntamos que grao de execución dos acordos asinados en xullo do 2023 consideraba o goberno cumpridos. A nosa consideración era un incumprimento do 100%.

Rogos e solicitudes

🔻 Planos do edificio das Monxas

Solicitamos que se nos facilitasen estes planos que foron solicitado por rexistro no anterior mandato.

🔻 Expedientes de denuncias a locais de ocio

Solicitamos acceder a estes expedientes logo de telos pedido reiteradamente por rexistro.

🔻 Sinalización en Alexandre Bóveda

Volvemos solicitar a instalación dunha sinal de prohibido xirar á esquerda na intersección coa rúa Rosalía de Castro.

🔻 Rúa Pratería e Montiño

Solicitamos revisar o estado do firme destas rúas ante as numerosa baldosas levantadas.

🔻 Rotonda de Terra de Porto

Solicitamos actuar para solucionar o mal estado do firme e as numerosas fochancas.

🔻 Situación laboral en empresas locais

Solicitamos convocar unha xuntanza cos comités de empresa de Atunlo e Gran Hotel da Toxa para coñecer a súa situación laboral ante os despidos anunciados.