Tras o anuncio do traslado do servizo de Vellos Tempos ás Monxas, piden converter o edificio nunha Casa da Mocidade, destinada ao ocio, formación e creatividade da xente nova. Destacan a necesidade de adaptar o espazo para actividades socio-culturais e formativas, involucrando á mocidade na transformación e asegurando que as súas necesidades sexan atendidas.
Lembran que existe un acordo plenario de 2017 e advirten que a esixencia non é simplemente unha petición, senón un requisito para futuras negociacións co goberno local, sinalando a importancia do compromiso activo co futuro da mocidade no concello.
O Grove, 8 de marzo de 2024.- O grupo municipal de Esquerda Unida demanda ao goberno municipal un cambio significativo nos plans para a antiga Escola Infantil do Monte da Vila, logo de que este edificio deixe de acoller o servizo de Vellos Tempos. Tras o anuncio do Alcalde, no último pleno, de que o servizo será trasladado ao “edificio das Monxas” no mes de abril, Esquerda Unida ve unha oportunidade de ouro para converter o edificio vacante nunha Casa da Mocidade.
O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, considera que “é preciso crear un espazo destinado ao ocio da xente nova, á súa formación e creatividade, así como á realización de actividades de índole socio-cultural ou formativo, que repercutan positivamente na integración social da mocidade”. Propoñen así, que a Casa da Mocidade poida integrar a oficina de Información Xuvenil, a través da cal, ademais de ofrecer toda a información e asesoramento, se encargaría da dinamización do espazo.
Dende Esquerda Unida cren que o edificio debería adaptarse minimamente para crear un espazo multifuncional coa posibilidade de crear sala de actividades e xogo, espazo dedicado á informática, sala multimedia, espazo de audiovisuais, sala de consulta, sala de obradoiro… “De todos modos, entendemos que debe adaptarse sempre buscando o consenso e as necesidades da propia mocidade”, afirma Otero.
Esquerda Unida lembra que existe un acordo plenario de novembro de 2017, tras unha moción do seu propio grupo municipal na que se instaba a destinar este edificio a unha Casa da Mocidade. A moción saíra aprobada por maioría absoluta coa abstención do grupo do PSOE que, ao igual que agora, gobernaba o concello. Finalmente, o executivo local decidiu destinar o edificio a outras actividades, entre elas a do programa Vellos Tempos.
Así, co anuncio de que en breve as persoas participantes deste servizo se desprazarán ao edificio da Monxas, onde convivirán co Punto de Atención á Infancia (PAI) e o servizo de persoas con Alzheimer, Esquerda Unida considera que o edificio da antiga Escola Infantil quedará baleiro e sen practicamente uso. É por iso que Esquerda Unida recupera esta vella demanda que consideran que é máis que necesaria no Grove pois, segundo Otero, “a mocidade local urxe dun lugar onde poder reunirse, realizar actividades, cursos, que conte con información, asesoramento e cos servizos acordes ás súas necesidades”.
A agrupación fai fincapé na importancia de involucrar á mocidade na transformación do edificio, asegurando que as súas voces sexan escoitadas e que os servizos proporcionados se axusten ás súas necesidades reais. “Procuramos non só un espazo físico, senón un compromiso activo do goberno municipal co futuro da mocidade do Grove”, asevera o voceiro de Esquerda Unida.
Por último, Otero advirte que “esta non é unha simple petición, senón unha esixencia do noso grupo municipal”, a cal ten que ser unha realidade, “pois realizala ou non condicionará futuras negociacións co Goberno local”, especialmente nas que precise o voto de Esquerda Unida para sacar adiante cuestións de crucial importancia no Concello, como orzamentos ou proxectos.
Todo hi
ResponderEliminar