01 xullo 2024

PLENO XUÑO 2024

 ROGOS E PREGUNTAS

📅 1 de xullo de 2024

Intervención: minuto 2:02:48


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Escola de Música Pepe Silva

Preguntamos polo estado das bases para a súa licitación.

🔻 Audicións da Escola de Música

Preguntamos polo motivo polo que non se convidara á corporación municipal.

🔻 Mercado Municipal

Preguntamos cando se licitarían os locais e bancadas.

🔻 Oferta Pública de Emprego

Preguntamos polo estado das bases para novos postos laborais.

🔻 Quiosco da Toxa

Preguntamos se se contemplaba algunha compensación polo retraso na licitación.

🔻 Quioscos de praia

Preguntamos como se xestionaría o uso de altofalantes.

🔻 Cartel da Festa do Marisco

Preguntamos polo número de obras presentadas ao concurso.

🔻 Bases do concurso de carteis

Preguntamos polos motivos de rexeitar a proposta do noso grupo para mellorar o concurso.

🔻 APP municipal “O Meu Concello”

Preguntamos se se poñería en funcionamento esta aplicación.

🔻 Consultora do PSTD

Preguntamos polo estado da licitación.

🔻 Ordenanza de Bo Goberno

Preguntamos cando se modificaría para incluír as horas sen música nas atraccións de feira.

🔻 Web turística

Preguntamos cando se redireccionaría a web turismogrove.

Rogos e solicitudes

🔻 Cemiterio municipal

Solicitamos a limpeza do recinto.

🔻 Avenida Portugal

Solicitamos a limpeza da maleza.

🔻 Limpeza de vías da Deputación

Solicitamos que se retiren os restos das limpezas realizadas.

🔻 CEIP Rosalía de Castro

Solicitamos executar a reforma do parque escolar durante o verán.

🔻 Bancos en Concepción Arenal e As Laxes

Solicitamos repoñer os bancos retirados.

🔻 Monte Central Xaquín Álvarez Corbacho

Solicitamos reparar bancos e outros elementos.

🔻 Praia da Mexilloeira

Solicitamos mellorar o balizado e control do uso da praia.

🔻 Fincas en Alexandre Bóveda e Luís A. Mestre

Solicitamos realizar trámites para obrigar á limpeza das mesmas.

🔻 Pasos de peóns do concello

Solicitamos repintar os pasos de peóns.

🔻 Museo da Salazón

Solicitamos actuar para evitar goteiras no edificio.

🔻 Reloxo da Casa do Concello

Solicitamos o seu arranxo.

29 xuño 2024

EU propón crear zonas de espallamento para cans e melloras en infraestruturas caninas

O grupo municipal presentará unha moción no pleno do vindeiro luns na que piden crear espazos seguros e valados para o espallamento de cans, utilizando materiais reciclados.

A iniciativa inclúe a instalación de fontes de auga e sanecáns en puntos estratéxicos do Grove e habilitar máis praias accesibles para os cans. Ademais propoñen campañas de concienciación para a recollida dos excrementos.

O Grove, 29 de xuño de 2024 – Esquerda Unida presentará no pleno municipal do vindeiro luns, 1 de xullo, unha moción para a creación de zonas de espallamento para cans, así como a instalación de fontes caninas e sanecáns, co obxectivo de mellorar a convivencia entre as persoas e os seus animais de compañía.

A moción subliña a importancia de proporcionar espazos adecuados para os cans, contribuíndo así ao benestar dos animais e mellorando a calidade de vida no Grove. A proposta destaca que a falta de infraestruturas axeitadas en zonas como Confín, O Corgo, Porto Meloxo e San Vicente xera problemas de convivencia e hixiene, e que a creación de áreas de espallamento podería mellorar significativamente esta situación.

Entre os acordos propostos, Esquerda Unida solicita a habilitación de zonas específicas para o espallamento de cans, que estarán debidamente sinalizadas e valadas para garantir a seguridade tanto dos animais como das persoas. Ademais, estas áreas serán equipadas utilizando materiais reciclados, promovendo a sustentabilidade e a conciencia ecolóxica

A moción tamén inclúe a instalación de fontes de auga específicas para cans e sanecáns (dispensadores de bolsas para a recollida de excrementos caninos) nas zonas máis concorridas polos propietarios de cans. A formación política tamén propón a realización de campañas informativas para concienciar aos propietarios sobre a importancia de recoller os excrementos das súas mascotas e utilizar os sanecáns.

Outro punto destacado da moción é a habilitación de máis areais nos que a presenza de cans estea permitida durante a tempada estival, promocionando estes espazos para facilitar a convivencia cidadá.

Esquerda Unida fai fincapé na necesidade de establecer un plan de mantemento regular para garantir que as zonas de espallamento, as fontes caninas e os sanecáns permanezan en bo estado de uso, así como a implementación de medidas de control para asegurar o cumprimento das normas establecidas nestes espazos.

 [Ver/ler Moción Completa

26 xuño 2024

EU impulsa a creación de espazos de sombra e hidratación nos parques infantís e prazas públicas do Grove

Presentarán unha moción no pleno do vindeiro luns, co obxectivo de garantir a seguridade e o benestar da cidadanía, especialmente durante os meses de verán, cando as temperaturas son máis elevadas.

A proposta inclúe a instalación de toldos, pérgolas, enredadeiras ou árbores, así como dotar de fontes de auga potable os espazos que carezan das mesmas.

O Grove, 26 de xuño de 2024.- O grupo municipal de Esquerda Unida presentará no pleno do vindeiro luns unha moción que busca a creación de zonas de sombra e puntos de hidratación nos parques infantís e prazas públicas do concello de O Grove. A iniciativa ten como obxectivo principal garantir a seguridade e o benestar da cidadanía durante os meses de verán, cando as temperaturas se incrementan significativamente.

Coa chegada do verán e o aumento das temperaturas, a seguridade nos espazos públicos vólvese unha prioridade. A exposición prolongada ao sol pode causar queimaduras, insolacións e outras enfermidades relacionadas coa calor. Este problema afecta especialmente aos nenos e nenas, así como ás persoas maiores e aquelas con problemas de saúde.

Na actualidade, a maioría dos parques infantís de O Grove carecen de suficientes zonas de sombra, o que dificulta o seu uso durante as horas de maior intensidade solar. Entre os parques máis afectados atópanse o de Terra de Porto, O Corgo, Confín e o da Casa da Cultura de San Vicente. Ademais, a falta de fontes de auga en moitos espazos impide que a veciñanza poida manter unha adecuada hidratación, especialmente nos días máis calorosos.

Esquerda Unida propón realizar un estudo para identificar os parques infantís e prazas públicas que necesitan intervencións urxentes. Con base neste estudo, instan ao concello a proceder á instalación de estruturas de sombra, como toldos, pérgolas, enredadeiras ou árbores, así como a implementación de fontes de auga potable nos espazos máis frecuentados.

A moción tamén suxire buscar financiamento a través de subvencións doutros organismos públicos ou privados para levar a cabo este proxecto, e realizar unha campaña informativa para concienciar á cidadanía sobre a importancia de protexerse do sol e manter unha boa hidratación.

Esquerda Unida destaca que a creación de zonas de sombra e puntos de hidratación nos espazos públicos é unha medida esencial para garantir o benestar e a saúde da cidadanía. Estas accións non só mellorarán a calidade de vida dos veciños e veciñas, senón que tamén promoverán o uso seguro e confortable dos parques infantís e prazas públicas durante todo o ano.

[Ver/descargar moción

24 xuño 2024

EU pide enarborar a bandeira LGTBIQA+ o 28X e aplicar medidas contra a discriminación

Esquerda Unida, expresa a súa profunda preocupación pola proximidade do Día do Orgullo LGTBIQA+ e a falta de medidas visibles por parte do Concello do Grove para conmemorar esta importante data.

Piden que este 28 de xullo se coloque a bandeira do arco da vella, insignia da diversidade, nos edificios municipais e se apliquen diferentes medidas a nivel municipal para a promoción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa.

O Grove, 24 de xuño de 2024.- Esquerda Unida subliña a importancia de traballar activamente polos dereitos e o recoñecemento das disidencias sexuais para construír sociedades antipatriarcais e anticapitalistas. A discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero afecta á vida das persoas LGTBIQA+, limitando o seu acceso ao emprego, á sanidade, a fogares seguros e a vidas plenas.

Para Esquerda Unida, a protección e igualdade de dereitos para as persoas LGTBI debe ser un valor fundamental, especialmente fronte ao avance da extrema dereita. Para iso, é necesario avanzar nos marcos lexislativos, na educación, a cultura, a saúde mental e os dereitos laborais, convertendo a diversidade e a non discriminación en piares dos estados democráticos e nunha loita contra o fascismo.

Destacan a importancia de buscar puntos de encontro, desenvolver solidariedades e compartir loitas para fortalecer un programa global que derrote ás forzas reaccionarias. Ser LGTBIQA+ afecta as condicións materiais, do mesmo xeito que ser muller, racializada ou ter diversidade funcional, e é crucial visibilizar todas estas opresións como parte do colectivo LGTBIQA+ e da clase traballadora.

Esquerda Unida chama á acción colectiva para visibilizar e combater estas opresións, promovendo unha sociedade máis xusta e igualitaria. Piden ao concello que enarbore a bandeira LGTBIQA+ nos edificios municipais, o vindeiro 28 de xullo.

Así mesmo, instan ao goberno municipal a aplicar medidas contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, co fin de erradicar a LGTBIfobia no ámbito familiar, escolar, laboral, social e/ou político; Crear unha Oficina Municipal de Dereitos LGTBIQA+, dotada dos recursos necesarios para fomentar a convivencia en igualdade, a loita contra a LGTBIQA+fobia e o asesoramento necesario en materia de loita contra os delitos de odio por razón de orientación sexual e identidade ou expresión de xénero; Realizar campañas que visibilicen a diversidade de orientacións e identidades de xénero e poñer en marcha accións e programas específicos para as infancias e adolescencias LGTBIQA+ que garantan un desenvolvemento libre e feliz das súas identidades; Dotar ás bibliotecas públicas con fondos bibliográficos relacionados coa homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade dende actitudes de respecto e non discriminación, con enfoque de diversidade e Dereitos Humanos e desenvolver programas de formación para o persoal da Administración Pública Local e a Policía Local, para previr e detectar casos de delitos por razón de orientación sexual, identidade e expresión de xénero.

Dende Esquerda Unida reiteran a súa disposición para colaborar co Concello do Grove na implementación destas medidas e para traballar xuntos na promoción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa coa diversidade.

14 xuño 2024

Esquerda Unida denuncia a inacción do goberno cos fondos europeos

O grupo municipal Esquerda Unida advirte que, tras un ano dende a autorización para a execución dos 2.000.000 de euros do PSTD A Gastromeca, o Concello do Grove aínda non investiu nada debido á falta de contratación dunha consultora. Esta demora ameaza a execución do proxecto e podería obrigar ao Concello a devolver os fondos, xunto cos intereses, afectando negativamente á economía local.

Piden a convocatoria do Consello Local de Turismo para que o Alcalde explique os motivos do atraso na contratación da consultora e o impacto desta demora no PSTD. O grupo reafirma o seu compromiso coa transparencia e responsabilidade na xestión dos recursos públicos, vixiando a evolución deste tema para asegurar o uso eficaz dos fondos europeos.

O Grove, 14 de xuño de 2024 – O grupo municipal de Esquerda Unida denuncia que este mes cúmprese un ano dende que a Xunta de Galicia autorizou ao Concello do Grove a execución dos 2.000.000 de euros do plan de Recuperación, Transformación e Resilencia a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) denominado A Gastromeca e que “lamentablemente, a día de hoxe, aínda non se investiu nin un só euro deses fondos europeos”

Dende Esquerda Unida indican que o Plan A Gastromeca, destinado a impulsar o turismo sostible e a dinamización económica do Grove, está estancado debido a que non se realizou a contratación da consultora encargada de desenvolver o proxecto. Esta parálise non só representa unha perda de tempo valioso, senón que tamén ameaza a execución completa das actuacións previstas antes do 31 de decembro de 2025, xa que, de non cumprirse os prazos, o Concello arríscase a ter que devolver os fondos á Unión Europea, “co correspondente pago de intereses, que sairán dos petos dos veciños e veciñas do Grove”.

Susana Millán, concelleira de Esquerda Unida, manifestou a súa preocupación, “temos un proxecto que inicialmente contemplaba a execución en dous anos e medio e que agora terá que desenvolverse en pouco máis dun ano, cos conseguintes problemas e riscos. Non podemos permitir que este financiamento crucial se perda pola incompetencia do goberno e a falta de planificación. É fundamental que se tomen medidas inmediatas para evitar que esta situación nos leve a un escenario que afectaría ás arcas municipais." 

Esquerda Unida insta ao goberno municipal a actuar con urxencia para desbloquear a situación e asegurar que os fondos Next Generation sexan empregados adecuadamente para o desenvolvemento do noso concello. “É imprescindible que se inicie o proceso de licitación da consultora canto antes, garantindo así a implementación efectiva da totalidade do Plan A Gastromeca e evitar repercusións económicas negativas para a veciñanza”, asevera Millán.

Dende Esquerda Unida piden ao Alcalde, quen á súa vez é o concelleiro responsable de Turismo, a convocatoria do Consello Local de Turismo para que dea conta dos motivos do retraso da contratación da consultora e como afectará a demora ao desenvolvemento do PSTD.

Deste modo, o grupo municipal volve mostrar o seu compromiso en defender os intereses dos veciños e veciñas do Grove, esixindo transparencia e responsabilidade na xestión dos recursos públicos e aseguran que seguirán vixiando atentamente a evolución deste tema e non dubidarán en tomar as accións necesarias para asegurar que os fondos europeos sexan utilizados de maneira eficaz e beneficiosa para a nosa localidade.

02 xuño 2024

PLENO MAIO 2024

 ROGOS E PREGUNTAS

📅 2 de xuño de 2024

▶ Intervención: minuto 1:21:37


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Quiosco da praia da Toxa

Preguntamos polo motivo polo que este quiosco non se incluíu no lote de licitacións dos quioscos de praia.

🔻 Bases dos quioscos de praia

Preguntamos polo motivo polo que se prohibía o uso de altofalantes e concertos nas bases da licitación.

🔻 Baños públicos nas praias

Preguntamos polo motivo polo que as bases obrigaban aos concesionarios a instalar baños públicos.

🔻 Camiño de acceso á praia de Con Roibo

Preguntamos cando se esixiría á empresa situada na Xesteiriña a apertura deste camiño público.

🔻 Expediente do camiño de Con Roibo

Preguntamos cando se nos trasladaría o expediente solicitado por rexistro.

🔻 Tráfico en rúas restrinxidas

Preguntamos cando se tomarían medidas para evitar o acceso de vehículos a rúas só para residentes.

🔻 Estación de carga de vehículos eléctricos

Preguntamos se seguía sendo gratuíta a estación da rúa Alexandre Bóveda.

🔻 Relación de Postos de Traballo

Preguntamos polo estado da aplicación da RPT.

🔻 Marcas no firme da rúa Aguieira

Preguntamos a que correspondían as marcas realizadas no pavimento.

🔻 Plan Xeral de Ordenación Municipal

Preguntamos pola situación deste plan tras anunciarse a súa aprobación para febreiro.

🔻 Subida a Meloxo

Preguntamos polo estado das negociacións para a cesión dos terreos necesarios para executar a obra.

🔻 Consellos sectoriais municipais

Preguntamos cando se convocarían estes órganos e a Mesa de Comercio.

🔻 Subvencións deportivas de 2023

Preguntamos cando cobrarían os clubs deportivos estas subvencións.

Rogos e solicitudes

🔻 Rúa das Caldelas

Solicitamos unha solución ante a falta de asfaltado e o abandono desta rúa.

🔻 Local social de Reboredo

Solicitamos esixir á empresa a reparación das deficiencias da obra a través da garantía.

🔻 Rotonda de Terra de Porto

Solicitamos instalar correctamente a sinalización vertical da nova rotonda.

🔻 Baldosas nas rúas peonís

Solicitamos reparar as numerosas baldosas levantadas.

🔻 Sinalización para vehículos pesados

Solicitamos mellorar a sinalización de prohibición de acceso na rúa Luís A. Mestre.

🔻 Paso de peóns en Campos-Meloxo

Solicitamos instalar un paso de peóns nesta intersección.

🔻 Rúa Conchases

Solicitamos unha solución ao problema de circulación de vehículos de gran tamaño.

28 maio 2024

EU solicita campañas de concienciación e sancións para os propietarios de cans que non recollan os excrementos

 

Consideran que o comportamento irresponsable e incívico dunha minoría non pode prexudicar ao resto da veciñanza, polo que piden que se apliquen sancións aos propietarios de cans que non cumpran coas súas obrigas.

Instan tamén a habilitar sanecans nas zonas máis frecuentadas polos donos dos cans, co propósito de contribuír ao cumprimento das normas e manter as rúas limpas.

O Grove, 28 de maio de 2024.- O grupo municipal de Esquerda Unida demanda ao goberno municipal a posta en marcha de campañas de concienciación dirixida aos propietarios de cans para fomentar a recollida dos excrementos das súas mascotas, así como a imposición de sancións para aqueles que non cumpran con esta obriga. Nos últimos tempos, a situación nas beirarrúas de diversas zonas do municipio estase volvendo insostible, con numerosos excrementos que dificultan o paso dos veciños e visitantes.

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, considera que “si ben  a maioría dos veciños e veciñas están a cumprir rigorosamente coa recollida dos excrementos dos seus cans, hai cada vez máis persoas que non atenden ás súas obrigas, provocando que algunhas rúas e xardíns se convertan en auténticos campos de minas”.

Deste modo, Otero cree que “é fundamental que o Concello tome medidas urxentes para resolver este problema, xa que non só afecta á imaxe da nosa vila, senón que tamén supón un problema de saúde pública e convivencia cidadá". “Non é de recibo que o comportamento irresponsable e incívico dunha minoría prexudique a toda a veciñanza, polo que pedimos que se comece a impoñer multas a aqueles propietarios que non cumpran co deber de recoller os excrementos das súas mascotas”, asevera o voceiro de Esquerda Unida.

Ademais das campañas de concienciación e as conseguintes sancións, Esquerda Unida insta ao Concello a habilitar sanecans nas zonas máis frecuentadas polos donos de cans. Estes espazos específicos para as necesidades dos animais contribuirán a manter as rúas limpas e mellorar a calidade de vida de todos os habitantes do Grove.

Para Otero, a instalación de sanecans en puntos estratéxicos “é unha medida necesaria que xa se adoptou con éxito noutros municipios. Con estas infraestruturas, facilitamos que os donos de cans poidan cumprir coas súas obrigas de forma cómoda e rápida".

Esquerda Unida agarda que o goberno local atenda estas solicitudes e tome as medidas necesarias para garantir un concello máis limpo e saudable para toda a veciñanza.

07 maio 2024

Esquerda Unida critica o elevado Remanente de Tesouraría e proporá a súa utilización en diferentes melloras

Denuncian a nefasta xestión económica do goberno local ao revelar un remanente de 6 millóns, que supón a metade do orzamento municipal. Critican ese excedente namentres as infraestruturas e as necesidades do concello seguen sen atenderse.

Subliñan a necesidade de reorientar estes fondos para cubrir carencias. Comprométense a traballar para que ese diñeiro se invista en proxectos que impacten directamente na calidade de vida da veciñanza.

O Grove, 7 de maio de 2024.- Logo de coñecer o informe de liquidación do exercicio 2023, que arroxa un Remanente de Tesourería de preto de 6.000.000 € nun contexto onde o orzamento municipal é duns 12 millóns €, Esquerda Unida critica duramente a xestión económica do goberno do PSOE e considera lamentable que nun Concello “onde hai carencias evidentes en servizos básicos e necesidades sociais, nos atopemos con tal excedente financeiro”, denuncia o seu voceiro José Antonio Otero, que considera inadmisible que, “mentres as infraestruturas do noso concello e as necesidades dos veciños seguen sen atenderse, o goberno municipal acumule un remanente de tesourería que representa o 50% do orzamento”. 

Para Otero, esta situación pon de manifesto “unha clara falta de planificación de Cacabelos e o seu equipo, que no pasado exercicio deixou sen executar obras, non cubriu prazas ou non soubo investir os ingresos extra” e insta ao executivo local a reconsiderar as súas prioridades e realizar unha xestión eficaz dos recursos públicos. 

Ante esta situación, Esquerda Unida presentará unha serie de propostas para que estes fondos se invistan en melloras de infraestruturas e diferentes actuacións que beneficien directamente á cidadanía. “Non podemos permitir que eses cartos se perdan por falta de planificación e xestión. É hora de poñer en marcha proxectos que realmente cambien a vida das persoas”, engadiu Otero.

Así, o grupo municipal comprométese a traballar arreo para que a totalidade ou a maior parte dese remanente se destine a proxectos vitais como ao arranxo e renovación de edificios e espazos públicos, a mellora da mobilidade urbana e o impulso de iniciativas sociais que fomenten a inclusión e o benestar social.

Con estas medidas, Esquerda Unida busca non só criticar a xestión actual, senón ofrecer alternativas viables e responsables que melloren a calidade de vida da veciñanza do Grove. “Faremos propostas coherentes e construtivas para garantir que este diñeiro se invista de maneira eficaz e axeitada nas áreas onde máis se necesiten”, asevera Otero.

Do mesmo modo, aseguran que estarán vixiantes e seguirán fiscalizando a xestión municipal “para que non se volva producir unha situación na que se acade un remanente excesivo por unha nefasta xestión dos recursos que, en definitiva, repercute nunha peor calidade dos espazos públicos e dos servizos á veciñanza”