Esquerda Unida, expresa a súa profunda preocupación pola proximidade do Día do Orgullo LGTBIQA+ e a falta de medidas visibles por parte do Concello do Grove para conmemorar esta importante data.
Piden que este 28 de xullo se coloque a bandeira do arco da vella, insignia da diversidade, nos edificios municipais e se apliquen diferentes medidas a nivel municipal para a promoción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa.
O Grove, 24 de xuño de 2024.- Esquerda Unida subliña a importancia de traballar activamente polos dereitos e o recoñecemento das disidencias sexuais para construír sociedades antipatriarcais e anticapitalistas. A discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero afecta á vida das persoas LGTBIQA+, limitando o seu acceso ao emprego, á sanidade, a fogares seguros e a vidas plenas.
Para Esquerda Unida, a protección e igualdade de dereitos para as persoas LGTBI debe ser un valor fundamental, especialmente fronte ao avance da extrema dereita. Para iso, é necesario avanzar nos marcos lexislativos, na educación, a cultura, a saúde mental e os dereitos laborais, convertendo a diversidade e a non discriminación en piares dos estados democráticos e nunha loita contra o fascismo.
Destacan a importancia de buscar puntos de encontro, desenvolver solidariedades e compartir loitas para fortalecer un programa global que derrote ás forzas reaccionarias. Ser LGTBIQA+ afecta as condicións materiais, do mesmo xeito que ser muller, racializada ou ter diversidade funcional, e é crucial visibilizar todas estas opresións como parte do colectivo LGTBIQA+ e da clase traballadora.
Esquerda Unida chama á acción colectiva para visibilizar e combater estas opresións, promovendo unha sociedade máis xusta e igualitaria. Piden ao concello que enarbore a bandeira LGTBIQA+ nos edificios municipais, o vindeiro 28 de xullo.
Así mesmo, instan ao goberno municipal a aplicar medidas contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, co fin de erradicar a LGTBIfobia no ámbito familiar, escolar, laboral, social e/ou político; Crear unha Oficina Municipal de Dereitos LGTBIQA+, dotada dos recursos necesarios para fomentar a convivencia en igualdade, a loita contra a LGTBIQA+fobia e o asesoramento necesario en materia de loita contra os delitos de odio por razón de orientación sexual e identidade ou expresión de xénero; Realizar campañas que visibilicen a diversidade de orientacións e identidades de xénero e poñer en marcha accións e programas específicos para as infancias e adolescencias LGTBIQA+ que garantan un desenvolvemento libre e feliz das súas identidades; Dotar ás bibliotecas públicas con fondos bibliográficos relacionados coa homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade dende actitudes de respecto e non discriminación, con enfoque de diversidade e Dereitos Humanos e desenvolver programas de formación para o persoal da Administración Pública Local e a Policía Local, para previr e detectar casos de delitos por razón de orientación sexual, identidade e expresión de xénero.
Dende Esquerda Unida reiteran a súa disposición para colaborar co Concello do Grove na implementación destas medidas e para traballar xuntos na promoción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa coa diversidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario