17 xuño 2016

Esquerda Unida pide actuacións en Meloxo, Estonllo e outra zonas do concello



Aberta unha nova vía de negociacións de cara á aprobación dos orzamentos 2016, incluíndose o remanente de tesourería, a agrupación local de Esquerda Unida fixo chegar ao goberno municipal unha serie de actuacións para as cales agarda un compromiso de execución.

Estado das rúas do barrio de Meloxo
A medida máis importante céntrase no barrio de Meloxo. Un barrio no que, segundo os esquerdistas, as rúas que o percorren atópanse nun estado de deterioro, con fochas, gretas e zonas sen asfalto. Por ese motivo, Juan Lamelas e Jose A. Otero consideran necesaria e xustificada unha actuación integral na zona. 


Lavadoiro de Meloxo pechado
Unha zona para a que tamén piden a reparación inmediata do seu lavadoiro que, segundo indican, leva pechado aos veciños dende hai varios meses por problemas co tellado –cuestión esta que xa expuxeron no pleno do mes de abril–. Ademais, instan ao goberno a que se reparen todos os lavadoiros do concello e se poñan en valor patrimonial, cultural e turístico.
Estado da fonte de Estonllo
Neste mesmo senso –o do valor patrimonial, cultural e turístico– céntranse os esquerdistas para solicitar tamén o arranxo da fonte natural de Estonllo, así como as de todo o concello. En canto ao de Estonllo, os edís indican que foron varios os veciños que lles fixeron chegar as queixas do mal estado no que se atopa esa fonte, pois non bota auga, o acceso é dificultoso e o seu entorno atópase en total abandono. Por iso solicitan que se arranxe de maneira inmediata, dotándoo de melloras na accesibilidade, dun cartel indicador e amañando o entorno.

 
Sobrante de estrada en Reboredo
Outra das petición realizadas, segundo os esquerdistas en concordancia cunha moción aprobada en relación cunha senda peonil entre Campos e Reboredo, é a creación de áreas de descanso nos sobrantes de estrada, dotándoas de árbores, bancos e papeleiras.



Estado do mirador Conda Hedra
O arranxo do parque infantil da Siradella, esnaquizado e abandonado; do miradoiro de Con da Hedra, nas mesmas circunstancias que o anterior; da explanada do Corgo, que conta con numerosas baldosas levantadas e esnaquizadas e faltan bancos; e da rúa que transita entre Balea e Balea marítima, foron outras das solicitudes realizadas polo Grupo Municipal de Esquerda Unida, conscientes de que estas últimas non son actuacións propias do Concello senón conxuntamente coas dúas Comunidades de Montes, Portos de Galicia e Deputación de Pontevedra.
 

Miradoiro Con da Hedra


Miradoiro Con da Hedra
Parque infantil Siradella
Parque infantil Siradella
Explanada do Corgo
Explanada do Corgo
Barrio de Meloxo
Barrio de Meloxo
Lavadoiro de Meloxo
Lavadoiro de Meloxo

Acceso fonte de Estonllo
Fonte de Estonllo
Sobrante de estrada en Campos
Estrada Balea a Balea marítima

[ver/descargar o documento que se lle achegou ao Goberno municipal]

06 xuño 2016

Esquerda Unida rexistra os rogos e preguntas que non puideron elevar ao pleno



Os edís esquerdistas, que non puideron realizar as peticións no pleno ao rematar antes de tratarse o punto de Rogos e Preguntas, piden por rexistro que se arranxe a fonte natural do barrio de Estonllo, que se atopa nunha situación de total abandono.


A falta de resposta por parte do goberno ás peticións realizadas, a promesa incumprida ao non activar o servizo nocturno da policía local no mes de maio, a situación da liorta coa ADEAC polas Bandeiras Azuis e o estado no que se atopa o Plan Xeral foron outras das cuestións que os esquerdistas realizaron por rexistro.

O Grove, 6 de xuño de 2016.- Logo de que o pleno do pasado mes de maio rematase, chegadas as 00 horas, sen tratarse o derradeiro punto da orde do día correspondente aos Rogos e Preguntas, os edís do Grupo Municipal de Esquerda Unida, Juan Lamelas e Jose A. Otero trasladaron as súas peticións a través do Rexistro municipal o pasado 1 de xuño co propósito de obter resposta as súas demandas.

Así, Esquerda Unida pediu que o goberno municipal realice un arranxo e adecentamento da fonte do barrio de Estonllo. Esta fonte, utilizada por veciños, viandantes e ciclistas entre outros, leva unha longa tempada sen botar auga debido a unha filtración e o seu entorno atópase nunha situación de total abandono onde o cartel indicador é ilexible e a maleza invade o acceso e zona de descanso. Por ese motivo, os edís esquerdistas solicitaron que se actúe nesta zona e se poña en valor esta fonte natural.

Esta non foi a única petición, pois o grupo municipal preguntou si o goberno municipal seguirá sen atender as peticións que realizan por rexistro. Segundo indican os edís esquerdistas, a día de hoxe seguen a espera de que o executivo lles responda á petición dunha reunión para tratar o tema das peanolizacións –solicitude realizada o pasado 4 de maio– así como á solicitude dos proxectos de obra en Terra de Porto, Beiramar e o Edificio de Lordelo, aínda que esta, logo de ser solicitada o pasado 19 de maio xa lles foi remitida o pasado xoves.

Tamén preguntaron sobre a promesa incumprida do Alcalde en relación á posta en marcha do servizo nocturno da Policía Local. Cacabelos anunciou, e a concelleira de Turismo confirmou en varias reunións co sector turístico, que durante o mes de maio O Grove ía contar con patrulla nocturna de Policía Local. Lamelas e Otero indican que no pasado mes non se viu ningún día á Policía Local durante as noites e por ese motivo queren coñecer os motivos polos que non se puxo a funcionar o servizo e si este estará activo, cando menos, durante os meses de verán.

Os edís esquerdistas tamén se interesaron pola situación na que se atopa a liorta coa ADEAC polo tema das Bandeiras Azuis e cal foi o motivo polo que o goberno non convocou aos voceiros dos grupos municipais ou ao Concello Local de Turismo para tratar o tema.

Por último, Juan Lamelas e Jose A. Otero queren saber en que fase se atopa o Plan Xeral de Ordenación Municipal, pois a última información sobre o documento foi a recibida nunha xuntanza realizada hai máis de dous meses.

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Extracto das actas das xuntanzas da concellería de Turismo co Sector turístico onde a concelleira indica que a partir do mes de maio se poría en marcha o servizo nocturno da policía local.

 Outras imaxes do estado no que se atopa a fonte de Estonllo: 

02 xuño 2016

O Grove, concello oposto ao Acordo Transatlántico de Comercio e Investimento (TTIP)

O Concello do Grove xa figura entre os 20 municipios galegos* contrarios ao Acordo Transatlántico de Comercio e Investimento (TTIP). 


A moción presentada polo Grupo Municipal de Esquerda Unida foi aprobada no pleno do pasado luns cos votos favorables do PSOE, BNG e PGD. O Partido Popular ao igual que fai na maioría dos concellos do Estado, votou en contra.

Así, o pleno do concello do Grove dou o visto bó as propostas de acordos presentadas por Esquerda Unida: 

1. Declarar ao Concello do Grove como “Municipio oposto ao Acordo Transatlántico de Comercio e Investimento (en inglés TTIP)”, defendendo os servizos públicos básicos para a solidariedade e redistribución social.

2.  Solicitar do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas do Goberno de España:

●   o seu apoio a todas as iniciativas dirixidas a manter o carácter público o seu apoio a todas as iniciativas dirixidas a manter o carácter público dos chamados servizos socialmente útiles.

●    a derrogación inmediata con carácter retroactivo da Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local para lexislar no seu lugar unha nova normativa enfocada ao desenvolvemento da economía local.

3.   Solicitar do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España a suspensión das negociacións do TTIP e outros acordos comerciais similares como o TISA (Acordo Multilateral para a Liberalización e Privatización de Servizos Públicos), e a non ratificación do CETA (Acordo de Libre Comercio entre Canadá e a UE).

4.   Solicitar igualmente do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España que:

●    mecanismos como o ISDS, o ICS ou similares non sexan incluídos neste nin en ningún outro Tratado, e sexan eliminados dos tratados actualmente en vigor.

●    se aplique o mesmo que no punto anterior para disposicións sobre servizos públicos e a propiedade intelectual, e que sexan excluídos do Tratado.

●    se evite a participación directa ou indirecta das ETN, a través de calquera tipo de organismo ou lobby, nos procesos reguladores ou normativos da UE e os seus Estados Membros en relación con temas sociais, laborais, sanitarios, medioambientais ou de calquera outra materia. Os entes reguladores públicos poderán en todo caso establecer consultas non discriminatorias coas organizacións democráticas da sociedade civil.

●   no caso de que as negociacións do TTIP frutifiquen nun texto consolidado, o proceso de ratificación, en coherencia coa legalidade europea e cos precedentes de anteriores tratados de carácter mixto, teña que pasar, ademais de polo Consello e o Parlamento Europeo, polos parlamentos dos 28 Estados Membros da UE e por referéndums vinculantes, xa que o contido do TTIP desborda as competencias exclusivas da Comisión Europea e debe ser, por tanto, considerado como un acordo mixto. A mesma esixencia é aplicable á ratificación do CETA e do TISA.

●  o Tratado non se limite a obxectivos meramente económicos, que non se perdan competencias e que se lle dea a mesma importancia e consideración aos obxectivos sociais e aos ambientais.

●   se termine a actual falta de transparencia das negociacións, se faga pública toda a información e se abra un debate público na UE e nos seus respectivos parlamentos nacionais.

5.    Dar traslado deste acordo ao Goberno de España, ao Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia e a todos os grupos parlamentares do Parlamento de Galicia, do Congreso dos Deputados e do Parlamento Europeo, para que se rexistre e quede constancia do mesmo.
 

* datos da web galega https://nonaottip.org a 1 de xuño de 2016 

ver/descargar moción completa

 Noticia relacionada: EU presenta unha moción para que O Grove sexa municipio oposto ao TTIP

23 maio 2016

Esquerda Unida solicita medidas municipais contra a LGTBfobia



Os esquerdistas consideran que a LGTBfobia persiste na sociedade mostrándose con diversas caras xa que a discriminación exercida contra lesbianas, gais, transexuais e bisexuais é violencia e como tal, debe ser denunciada e condenada. Presentan unha moción na que solicitan implicación municipal no rexeitamento a toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar.

Ademais, o Grupo Municipal de Esquerda Unida someterán a debate unha declaración institucional relativa ao futuro en liberdade do pobo saharauí e que se demande dos EEUU o levantamento do bloqueo a Cuba.


O Grove, 20 de maio de 2016.- O pasado 17 de maio, en Galicia festexouse o Día das Letras Galegas, pero a nivel mundial nesa mesma data  tivo lugar a celebración do Día Internacional contra a LGTBfobia, un día de loita contra a discriminación por motivos de orientación sexual e identidade de xénero. Segundo Esquerda Unida, a LGTBfobia persiste na sociedade, mostrándose con diversas caras, pois consideran que a discriminación exercida contra lesbianas, gais, transexuais e bisexuais é violencia e como tal, debe ser denunciada e condenada enerxicamente tanto pola sociedade como polos propios poderes públicos.

Os edís esquerdistas, Juan Lamelas e Jose Antonio Otero coidan que existe LGTBfobia cando se patoloxizan as identidades das persoas transexuais e se invisibiliza a realidade das e dos maiores LGTB, cando a igrexa ataca a diversidade sexual, se recorren os dereitos de LGTB ante o Tribunal Constittucional e se tolera o “Bullyng” o acoso escolar LGTBfóbico, cando se condena ao colectivo LGTB ao paro e á precariedade, se aproban recortes en sanidade que afectas especialmente ás persoas transexuais e se elimina a dotación orzamentaria que sostén o Plan Nacional sobre o Sida.

Tanto Lamelas como Otero consideran que a educación é o instrumento máis eficaz na loita contra a discriminación e a intolerancia, polo que entenden que é preciso defender unha educación pública, laica, humanista e inclusiva que contribúa a poñer fin a esta lacra social e a promover o respecto á dignidade cidadá de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais.

É por iso, que o Grupo Municipal de Esquerda Unida levará ao pleno deste mes de maio unha moción na que solicitará que o Concello do Grove contribúa ao desenvolvemento e aplicación de todas as medidas previstas na lexislación contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, coa finalidade de erradicar da sociedade calquera tipo de LGTBfobia no ámbito familiar, escolar, social e/ou político.

Así mesmo, piden que dende a administración municipal se fomente e fortaleza o asociacionismo LGTBI, se promovan o compromiso coa loita contra a LGTBfobia entre o persoal laboral, se apoie e difundan as convocatorias que realizan os colectivos LGTBI e se garanta a atención integral a todas as persoas que sufriron discriminación ou que foron obxecto dun delito de odio, prestando especial atención aos colectivos máis vulnerables.

Ademais desta moción e as xa anunciadas –implantación dunha Carta de Servizos municipal e declarar O Grove como municipio contrario ao TTIP– o Grupo Municipal de Esquerda Unida someterá a debate no pleno deste mes de maio dúas propostas máis. Na primeira os edís esquerdistas pedirán que se demande dos EEUU de América o levantamento do bloqueo a Cuba e se remita ese acordo ao Parlamento de Galicia e ao Consulado de Cuba en Galicia e na segunda solicitarán a aprobación dunha declaración institucional relativa ao futuro en liberdade do pobo saharauí.
 
Grupo Municipal de Esquerda Unida
  

[ver/descargar moción declaración institucional futuro en liberdade pobo saharauí]

Prensa:

EU súmase á reclamación de medidas para previr a "LGTBfobia" [ver noticia web]