20 febreiro 2016

EU trasladou as súas propostas para os orzamentos 2016

Os concelleiros do grupo municipal de Esquerda Unida trasladáronlle ao alcalde José A. Cacabelos as propostas da asemblea para incorporar nos orzamentos municipais do 2016.

Foto Todogrove.com
O Grove, 18 de febreiro de 2016.- Os concelleiros do grupo municipal de Esquerda Unida, Juan Lamelas e José Antonio Otero, reuníronse co alcalde do Grove, José A. Cacabelos, na rolda de contactos que este está a realizar para conquerir os apoios necesarios para a aprobación dos orzamentos municipais para o vixente ano 2016.
Nesta xuntanza, realizada na casa consistorial e sen presenza de outros grupos (o goberno optou desta volta por reunirse por separado cos distintos grupos), os representantes da esquerda no Concello recibiron as explicacións sobre as modificacións que xa ten sufrido o borrador que lles foi facilitado, sobre todo no tocante ao relacionado co persoal municipal, para a continuación expoñer as propostas que desde Esquerda Unida consideran necesarias incorporar ao documento para obter o voto favorable para a súa aprobación en pleno.
As propostas, debatidas pola asemblea local de EU, foron realizadas tanto no apartado de gastos como no de ingresos. No tocante a estes últimos, desde a agrupación de esquerdas preguntaron polas fontes de financiamento conqueridas ou negociadas polo goberno municipal para sufragar os gastos en diferentes servizos e inversións, como as emerxencias municipais, plan de obras da Deputación Provincial ou plans de emprego. Así mesmo, trasladaron ao alcalde a necesidade de baixar as dietas por asistencias a plenos, xuntas de goberno e comisións (EU votou en contra o ano pasado cando Cacabelos propuxo a suba) e a condición de negociar a modificación das taxas e impostos municipais baixo os eixos da moción presentada polos esquerdistas en pleno e rexeitada cos votos en contra do PP e a abstención do goberno.
Partidas de obras para A Graña, a rúa do Curruncho e a pista do Monte das Flores, a posta en marcha e negociación dunha RPT ou a contratación dun técnico municipal de turismo son algunhas das propostas que o goberno deberá ter en conta se queren o apoio de EU aos orzamentos. Destaca a proposta de eliminar a figura dos voluntarios da Festa do Marisco, e transformalos en persoal laboral eventual, proposta que ven sendo defendida por Esquerda Unida desde hai anos.
Outras propostas, para as cales xa se conta co financiamento adecuada, serían a dotación de persoal para a grúa municipal e a municipalización do servizo de atención a domicilio, agora mesmo xestionado de xeito privado, caducando a concesión este ano 2016.
Fora dos orzamentos, pero que desde Esquerda Unida queren incluír como elemento na negociación, está a creación dunhas bases de contratación para todo o persoal do Concello, tal e como propuxeron en disintas ocasións, a última no pleno do mes de xaneiro.
Todo está aberto nestas negociacións, pois segundo os concelleiros de EU “algunhas propostas foron ben recibidas, pero dubidamos que vaian querer aceptar algunhas outras” de todos os xeitos “quedamos en que nos comunicarían as impresións do goberno nos vindeiros días”.

Prensa:
Esquerda Unida-O Grove exige garantías en la política decontratación de personal
EU condiciona su apoyo a los Presupuestos a la rebaja porasistencias a Plenos y comisiones
EU propone rebajar las dietas de los políticos y contratar un técnico de turismo [Sen formato online]

13 xaneiro 2016

Esquerda Unida presenta unha moción para rexeitar o anteproxecto de Lei de acuicultura de Galicia

O Grupo Municipal de Esquerda Unida O Grove presentou esta mañá por rexistro unha moción para que o pleno do mes de xaneiro pronuncie o seu rexeitamento ao anteproxecto de Lei de acuicultura de Galicia.



O Anteproxecto de lei de acuicultura de Galicia que foi sometido a exposición pública durante o pasado mes de xaneiro, e que está pendente da contestación as diversas alegacións realizadas polos sectores produtivos do mar galegos, contempla algunhas determinacións que, de facto, suporían rachar coa actual configuración da explotación do mar, así como un risco non asumible para a nosa pesca e marisqueo tradicional, que debemos recordar son os eixos fundamentais nos que se sustentan os principios da política pesqueira común da Unión Europea.

Este anteproxecto súmase á batería lexislativa desenvolvida polo goberno Autonómico que afonda na demolición das medidas de protección e xestión racional do territorio, promovendo unha nova cultura do espolio. Así esta lei xunto co plan director  de Acuicultura de Galicia (PDALG) , o plan Sectorial de Actividades Extractivas, a Lei de Montes e lei de Costas, entre outras, abren sen límites a ocupación e privatización total do territorio costeiro e das nosas augas interiores, independentemente do lugar, cualificación urbanística ou figura de protección que teña.

A norma pretende salientar o carácter estratéxico da acuicultura fronte a calquera outra utilización da nosa costa ou lámina de auga, introducindo elementos que permiten, por exemplo, a expropiación forzosa, ou a consideración dos proxectos como de carácter supra-municipal, impedindo polo tanto aos concellos a súa capacidade para determinar os usos dos seu ámbito territorial.

Quizais con independencia das consideracións medio-ambientais que logo trataremos estamos ante o maior ataque os sectores tradicionais do noso mar, marisqueo, pesca tradicional, sector meixoeiro, etc. Dadas as modificacións introducidas polo anteproxecto no modelo de xestión das concesións administrativas, nas que se introduce a igualdade de acceso mediante permisos de actividade que serán outorgados baixo os principios de obxectividade, publicidade, transparencia e libre concorrencia, verbalizando polo tanto a propia lei, que calquera poderá acceder a solicitar estes permisos, e que a través dos procesos pregos para cada caso, será a capacidade económica e técnica quen defina en último lugar, quen explota unha ou outra concesión, eliminando polo tanto esa suposta igualdade, para beneficiar ás grandes multinacionais fronte as organizacións, como confrarías ou agrupación de mariscadoras, incapaces de competir con estes monstros económicos, gardando na manga ademais a posibilidade de, unha vez outorgada, a unha confraría ou agrupación, a autorización a posibilidade de ser revocada se non é sostible, o que garante en definitiva a privatización do noso mar.

Ademais a Xunta fixo xestións a través do consello europeo da Rexións, para ceder determinadas competencias na UE, de forma que esta lexisle o modo de acceso ás concesións, feito este que a propia Xunta, en documentos presentados ante este consello, propón como modelo a poxa, incidindo deste xeito na predilección polos máis poderosos economicamente fronte aos sectores tradicionais do noso mar.

Outra das mentiras que expón a consellería do Mar, é a suposta voluntariedade da transformación do marisqueo en acuicultura, xa que a suposta voluntariedade da non transformación, comporta a imposibilidade de acceder a axudas públicas, polo tanto unha desigualdade que obriga ás nosas agrupacións de mariscadores a conversión ou a desaparición.

No aspecto medio-ambiental non podemos compartir un modelo que considera a aposta pola acuicultura intensiva, de especies fundamentalmente carnívoras, e que considera como obxectivos a acuicultura multitrófica e a destinada a consumo non humano.

Ambas cuestións supoñen de facto un risco para a biodiversidade e sustentabilidade do noso mar, formulando os nosos sectores tradicionais un futuro onde simplemente serán subministradores de peixe e moluscos para a transformación en fariña que sirva de alimento ás grandes plantas piscícolas.

A práctica deste modelo de cría de especies carnívoras, sustentadas con derivados das fariñas de peixe, e rodeados de bivalvos que supostamente filtren os seus insumos, para logo seren utilizados como alimento das especies obxectivo, non salvagarda ás poboacións autóctonas do noso mar, senón que aumenta a súa depredación e o risco de supervivencia pola concentración de residuos e antibióticos liberados nestas plantacións, con medidas moi pouco eficaces de depuración, que supoñen un enorme impacto no fráxil equilibrio das nosas rías e costas.

Non podemos esquecer a elevada ocupación territorial deste modelo, que dado o seu carácter prioritario na lei, expulsará os pescadores tradicionais dos contornos das plantas, tal como se recolle no capítulo de prohibicións, ademais do apartado de sancións, onde as elevadísimas contías propostas son un elemento máis na política de expulsión dos produtores tradicionais.

É por todo o anteriormente exposto polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida someterá á consideración do pleno da corporación a aprobación dos seguintes acordos:



1.- Solicitar da Xunta de Galicia a retirada inmediata do anteproxecto de lei de acuicultura de Galicia.

2.- Dar traslado do acordo á Consellería do Mar, ao Presidente da Xunta e ao conxunto de grupos parlamentares do Parlamento Galego.

19 outubro 2015

Esquerda Unida apoia ás Marchas da Dignidade a anima a participar este 24 de outubro na mobilización en Santiago de Compostela

Desde a Asemblea Local do Grove de Esquerda Unida apoiamos a mobilización convocada polas Marchas da Dignidade prevista para o próximo 24 de outubro na Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela e facemos un chamamento aos veciños e veciñas do noso concello a participar na mesma.

Somos conscientes da situación dramática que está a vivir a maioría social. A chamada crise económica lonxe de rematar chegou para quedarse, por moito que algúns utilicen certos indicadores económicos para aparentar unha mellora que nada ten que ver coa realidade nen cos sectores populares.

Esta situación de emerxencia social derivada da crise estrutural do Capitalismo, desde hai anos afecta sen distincións a unha maioría social que é agredida por distintas vías: o desemprego, os recortes sociais, os desafuizamentos, as privatizacións ou o desmantelamento dos sectores produtivos tradicionais. Todos estamos sendo golpeados, desde os pensionistas até a xuventude que ten que emigrar, pasando pola clase traballadora, o sector pesqueiro ou o pequeno comercio.

Este sábado 24 de outubro, todas e todos a encher o Obradoiro!!

 

28 setembro 2015

Esquerda Unida realizará unha serie de rogos e preguntas no pleno de setembro


O Grove, 26 de setembro de 2015. Esquerda Unida defenderá no pleno do vindeiro luns a moción contra a Lei 4/2015, de 30 de Marzo, de Protección da Seguridade Cidadá, que fora retirada na sesión do mes de xullo.

Ademais, os edís de Esquerda Unida levarán a pleno unha serie de rogos e preguntas para dar solución e coñecer a situación de diferentes problemas existentes no noso concello. Unhas solicitudes e dúbidas que os veciños trasladaron á agrupación local.

Deste modo, os esquerdistas preguntarán pola situación da finca de Beiramar, que o pasado ano fora alugada polo anterior executivo para aparcadoiro público, si lle foi renovado o contrato e en que condicións, pois a reserva de espazo para uso privado viuse aumentado a case a metade da finca. Así mesmo preguntarán por qué se pechou ao público o acceso ao mesmo dende a rúa Castelao. Juan Lamelas e José Antonio Otero interesaranse polo estado polas obras  de Rosalía, que contemplan a reparación da fachada do centro pero non a do edificio das vivendas dos mestres que entrañan un serio perigo tanto para os cativos que utilizan o patio do colexio como para os veciños que transitan pola rúa Conchases. Por último preguntarán pola actuación no barrio da Gandariña, onde continúan os problemas de cheiros procedentes da canalización da Edar, e si o goberno contempla a reparación dos diferentes parques infantís do concello que se atopan en estado de abandono e deterioro.

Tanto Juan Lamelas como José Antonio Otero realizarán tamén unha serie de peticións. Solicitarán que se repoñan os bancos da explanada do Corgo; que se solucione o problema existente con unha sinal na zona de Campos, perigosa para os viandantes; que se instalen papeleiras en diferentes rúas do concello; que se retiren os vehículos abandonados nas rúas; que se de solución á problemática existente coa recollida selectiva, pois os colectores de plástico atópanse cheos en numerosas ocasións provocando que os veciños teñan que depositar as bolsas na propia rúa; e que se cree un plan de accesibilidade que traballe na eliminación das numerosas barreiras arquitectónicas existentes no noso concello.

A maioría dos rogos e preguntas foron entregados por rexistro esta semana, co propósito de que no pleno do vindeiro luns o goberno local poida dar resposta a todos eles.

Pola mesma vía, a do rexistro municipal, os edís Juan Lameas e Jose Antonio Otero solicitaron o expediente das obras de Terra de Porto - Estrada do Conde, que provocou a denuncia dun particular e supostamente se atopa nun proceso de investigación por parte da Deputación de Pontevedra. Tamén pediron o Plan de acollida de refuxiados de Siria xa que se anuncia na web municipal pero non se pode descargar nin acceder a el de ningún modo. Así mesmo, os edís esquerdistas queren comprobar o expediente de licitación da cafetería da Festa do Marisco e ao listado completo dos máis de 150 veciños e veciñas que se inscribiron para participar como voluntarios da Festa do Marisco, co propósito de fiscalizar tanto o proceso de licitación da cafetería que suscitou polémica ao recaer nunha persoa vinculada ao PSOE e á súa candidatura, así como o de selección de persoal que traballará como voluntario na festa no que debería ser prioritaria a situación socioeconómica e familiar dos demandantes á hora de ser seleccionados.

Asemblea de Esquerda Unida O Grove