Entre as demandas presentadas por Susana Millán, no pasado Consello Local de Turismo, destaca o reforzo das medidas de seguridade, a mellora de estacionamentos, a instalación de puntos de venda accesibles e a distribución das actividades culturais a diferentes áreas do Grove para dinamizar a celebración.
A concelleira de Esquerda Unida tamén preguntou polo método utilizado para destinar 100.000 euros do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino sen ter contratada a consultora que xestione a totalidade do plan. Lembran que é preciso executar 500.000 euros máis antes de rematar o ano para obter unha prórroga e non perder os 2 millóns de euros.
O Grove, 11 de setembro de 2024 – O pasado xoves celebrouse un Consello Local de Turismo, despois de varios meses de insistencia por parte do Grupo Municipal de Esquerda Unida, para abordar cuestións relacionadas coa inminente Festa do Marisco. A concelleira de Esquerda Unida, Susana Millán, expresou a súa satisfacción pola convocatoria, aínda que sinalou que esta produciuse "pola proximidade da Festa do Marisco e a necesidade do Alcalde de informar das novidades e avances, así como, para procurar propostas para as Centolas de Ouro"
Durante a xuntanza, Millán expuxo varias demandas que Esquerda Unida vén formulando de forma recorrente nos últimos anos, sen que, segundo indica, “o Concello as teña en conta, a pesar de mostrarse favorables a elas”. Entre as principais preocupacións do grupo, destacan as medidas de seguridade, como a solicitude de reforzo de efectivos dos corpos e forzas do estado mediante a colaboración con outros concellos e a administración autonómica. Tamén preguntou se se seguiría pechando o recinto con barreiras que impidan a entrada accidental de vehículos tal e como ven realizando nos últimos anos.
Outra das cuestións abordadas foi a accesibilidade. Esquerda Unida insistiu na necesidade de instalar unha caixa de venda de tickets a nivel do chan para facilitar o acceso das persoas con mobilidade reducida. Millán tamén preguntou pola implantación do sistema de pagamento con pulseira, contemplado no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, que non foi executado na edición anterior da festa.
En canto á organización do tráfico, Esquerda Unida propuxo que os autobuses non estacionen na zona da festa e os seus arredores, permitindo así máis espazo de aparcadoiro para vehículos particulares. Segundo a concelleira, esta medida aplícase en moitos concellos e cidades, e no Grove poderíase facer uso de espazos como a Toxa ou a Lanzada para o aparcamento de autobuses, permitindo tan só a carga e descarga de viaxeiros nas proximidades do recinto da festa.
Millán tamén instou a levar actuacións musicais e culturais a diferentes puntos do concello para espallar a festa máis aló da Praza do Corgo e dar unha alternativa de ocio ás horas “mortas” da festa, e propuxo que se crease un concurso de escaparates ou envellecemento de fachadas co propósito de implicar ao comercio local e á veciñanza na Festa.
Aínda que non foron expostas nesta xuntanza, a concelleira de Esquerda Unida reitera tamén outras iniciativas xa propostas en anos anteriores, e que tampouco se levaron a cabo. Entre elas, a instalación do coñecido Punto Morado durante a celebración dos concertos da Festa, “un espazo que pode contar coa colaboración da Xunta de Galicia, que estivo instalando puntos lila e “arcoíris” en diferentes festivais do país durante este verán”; e que se promocionasen os espazos turísticos como a Salazón, a Siradella, o parque Xaquín Álvarez Corbacho ou a zona de San Vicente, poñendo en funcionamento o autobús circular que percorreu o concello durante o verán (antigo Grobus).
A concelleira tamén aproveitou a ocasión para preguntar polo estado do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino. Esquerda Unida manifestou a súa preocupación polo método utilizado polo goberno municipal para destinar 100.000 euros deste plan ao financiamento dos concertos da Festa do Marisco, sen contar coa consultora necesaria para a execución da totalidade do PSTD. Ademais, Millán destacou a urxencia de executar outros 500.000 euros antes do final do ano para poder beneficiarnos da prórroga e evitar a perda dos 2 millóns dos fondos do plan.
Finalmente, Millán destacou que a súa agrupación foi a única que realizou propostas e se interesou polo desenvolvemento xeral da festa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario