O grupo municipal de Esquerda Unida solicitara, en abril de 2022, acceso a todas as salas e dependencias do auditorio e o goberno nunca lles dou resposta nin lles facilitou a entrada. Ano e medio despois, a Valedora do Pobo apoiou a denuncia dos esquerdistas, afirmando que os concelleiros tiñan dereito a acceder á instalación municipal.
José Antonio Otero González, voceiro de Esquerda Unida, eloxia a resolución da Valedora do Pobo, que evidencia a intención do Alcalde de evitar que os concelleiros realizasen a súa función de fiscalización e observasen as deficiencias do Auditorio-Escola de Música.
O Grove, 26 de setembro de 2023.- Esquerda Unida móstrase satisfeito coa resolución emitida pola Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, sobre a denuncia do seu grupo municipal a raíz do impedimento por parte do goberno municipal para que os seus concelleiros accederan ao interior do Auditorio-Escola de Música. A Valedora do Pobo destaca nesa resolución a importancia do acceso equitativo por parte dos concelleiros do grupo municipal esquerdista así como a necesidade de resposta eficaz ás solicitudes dos representantes elixidos.
Antecedentes
A denuncia presentada por José Antonio Otero González, voceiro de Esquerda Unida no Concello do Grove, reflectía a preocupación do grupo municipal pola falta de permiso para acceder ao referido auditorio, a pesar de ter solicitado o acceso formalmente por rexistro en abril de 20221.
A resolución da Valedora do Pobo aborda dúas cuestións fundamentais:
- A falta de resposta por parte do Concello á solicitude de acceso.
- A negativa ao acceso ao interior do Auditorio-Escola de Música.
Consideracións da Valedora do Pobo
A resolución destaca que, segundo o marco xurídico vixente, as Administracións Públicas deben responder de forma eficaz e celeridade a todas as solicitudes, especialmente as realizadas por representantes electos, como é o caso dos concelleiros de Esquerda Unida. O dereito ao exercicio da función representativa é unha parte fundamental da democracia e debe ser amparada sen limitacións inxustificadas.
A Valedora do Pobo tamén subliña que o acceso ao Auditorio non se pode asimilar ao dereito á información ou documentación, sendo unha cuestión diferente. A negación de acceso pode ter consecuencias negativas para o exercicio da función representativa dos concelleiros e debe estar suxeita a motivos razoables e proporcionados.
Declaracións do voceiro de Esquerda Unida
José Antonio Otero González, voceiro de Esquerda Unida no Concello do Grove, comentou sobre a resolución da Valedora do Pobo: "A pesar de chegar con ano e medio de retraso, estamos satisfeitos coa resolución da Valedora do Pobo, que reafirma o noso dereito como concelleiros a acceder ao Auditorio-Escola de Música, así como a calquera outra instalación pública municipal. Esta resolución vén a demostrar que a negación de acceso por parte do Alcalde foi claramente intencionada, co obxectivo de evitar o noso labor de fiscalización e que puideramos observar as deficiencias que existían no auditorio. Unhas deficiencias que foron aflorando co paso dos meses e que, a día de hoxe, seguen sen resolver. Tamén estamos convencidos de que hai máis problemas que se estiveron e se están agochando."
Respaldo á recomendación da Valedora do Pobo
Esquerda Unida avala plenamente a recomendación da Valedora do Pobo de que o Concello do Grove actúe de acordo cos principios de eficacia e celeridade, especialmente no que concirne á resposta a solicitudes formuladas por representantes electos. A formación insta ao Concello a non repetir o sucedido e proporcionar acceso ás instalacións municipais do Grove a todos os representantes locais que o soliciten, a menos que existan razóns de seguridade xustificadas, o que non pareceu ser o caso nesta situación concreta.
Conclusión
Esquerda Unida afirma que continuará a traballar para garantir a transparencia e a igualdade no acceso a instalacións municipais, así como para velar polo cumprimento dos dereitos dos representantes electos na súa función de fiscalización. Agradecen á Valedora do Pobo a súa resolución e indican que seguirán a loitar polos intereses das veciñas e veciños do Grove.
Ver resolución da Valedora do Pobo
1 Enlace á noticia de EU (25 de abril de 2022) denunciando a negación de acceso ao Auditorio
Ningún comentario:
Publicar un comentario