A Feira Internacional de Turismo (Fitur) 2023 pechou as súas portas a pasada fin de semana. Un encontro que está presente na axenda do sector turístico nacional e internacional, pero esta foi outra edición máis na que O Grove estivo ausente.
Atrevémonos a facer esta afirmación, porque aínda que o Alcalde estivo na feira foi para acudir á cita que tiña organizada a Mancomunidade do Salnés.
Facer unha presentación como alcalde dunha vila é unha das accións que se pode levar a cabo grazas ao espazo que facilitan os postos de Turismo de Galicia e Turismo Rías Baixas pero ten que ser un complemento á actividade de promoción para achegar a nosa vila aos profesionais e visitantes que acoden a FITUR para que nos visiten. O Grove como vila e destino turístico non foi quen de amosar un proxecto, un produto, un traballo colectivo de todos os "stakeholder" implicados no sector turístico do Grove.
E non foi quen de presentar nada porque nada se fixo.
No anterior mandato do PSOE decidiuse non acudir a Fitur coa mesma estratexia que se viña facendo nos últimos anos, baseada en presentar O Grove como unha "empresa de catering", algo no que a nosa formación tamén coincidía. Comprometíanse a buscar outra fórmula e traballar nela, porque non asistir a FITUR tampouco era unha solución.
Neste mandato, o mesmo PSOE, co Alcalde á cabeza como Concelleiro de Turismo, tivo unha oportunidade única para planificar a nova estratexia para ir á feira de turismo máis importante do estado. Unha oportunidade única porque, durante dous anos sen Festa do Marisco, tivo tempo e orzamentos para traballar na promoción, crear un produto e editar novo material, en papel ou dixital, para ofrecer aos visitantes e levar á feira. Algo excepcional ademais do tempo, é tamén a maioría absoluta da que goza nestes catro anos téndoo todo ao seu favor para traballar arreo e con liberdade.
Fitur é un escaparate que lle permite, a destinos turísticos do tamaño do Grove, amosar a súa oferta a clientes potenciais e chegar a outros mercados aos que é moi difícil chegar por outros medios.
Pero ademais, aprovéitase para facer entregas de premios como as Q de calidade, ou as declaracións de festas de Interese Turístico Internacional –Este ano o nomeamento foi para a Festa da Lamprea de Arbo–. Seguimos agardando que nalgún momento a Festa do Marisco acade o mesmo recoñecemento. Algo ao que tamén se comprometeu no seu día este goberno e no que din estar traballando, a pesar de que na última edición demostraron non estar a altura. Foi a primeira vez en anos que non houbo carpa de artesanía, nin posto de "merchandising". A carpa exposición apenas tivo actividade e tamén se botou en falta a programación durante a fin de semana, nas horas mortas entre a quenda de comidas e ceas, as actividades que se facían na zona de gradas que propiciaban o ambiente festivo que mantiña á xente durante todo o día no recinto da festa ou arredores.
Non queremos esquecer dar os parabéns aos premiados nesta edición de FITUR; a un hostaleiro da nosa vila que sempre está presente neste tipo de eventos recollendo galardóns que recoñecen o seu bo facer en calidade e sustentabilidade, tanto na feira de turismo de Londres como na feira de Madrid, e que poñen o nome da nosa vila ao nivel dos destinos máis importantes do estado.
O traballo da empresa privada en materia turística debería ir en concordancia coa inversión pública que se faga dende o concello en materia turística, pero por agora no Grove seguimos camiñando por separado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario