Costas non permitirá ningunha obra de ampliación nos seus dominios e a única opción pasa por finalizar a desafectación dos terreos onde se atopa a Galiña Azul. O expediente, iniciado no 2012, está paralizado dende o 2015 por incidencias cun particular e unha empresa privada.
Esquerda Unida acusa ao Alcalde de irresponsable por non facer nada dende entón para desbloquear o expediente. Entenden que a posible ampliación da Escola Infantil irá para longo.
O Grove, 16 de xaneiro de 2023.- A mediados de decembro, o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, mantivo unha xuntanza co servizo provincial de Costas co propósito de coñecer a situación na que se atopaba a desafectación dos terreos de Rons e se o órgano dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica poría algún impedimento a unha posible obra de ampliación da Escola Infantil, para así poder instar á Xunta de Galicia a iniciar os trámites e dar solución á falta de prazas na Galiña Azul grovense.
A ampliación da Escola Infantil de Rons non será posible a curto prazo. Así se desprende da xuntanza que Esquerda Unida mantivo en Pontevedra pois, segundo lles indicaron, Costas non permitirá ningunha obra dese calado dentro do seu dominio e a única vía pasa por finalizar os trámites de desafectación dos terreos iniciados no 2012.
Unha cuestión que dende a formación esquerdista non prevén que sexa a curto prazo xa que “Costas declarou no 2015 innecesarios os 5.548 m2 que se solicitaron desafectar, paso imprescindible para que os terreos pasen a titularidade municipal, pero é Patrimonio do Estado quen ten paralizado o expediente dende esa época namentres non se solucionen tres incidencias; un terreo apropiado por un particular, outro ocupado por un transformador de Fenosa e que a zona ocupada polo parque infantil non está catastrada” indica José Antonio Otero.
O voceiro esquerdista entende que é normal que o estado teña paralizado o expediente por estes motivos pois “non pode derivar un patrimonio público a propiedades privadas” e acusa ao Alcalde de irresponsable ante unha situación na que tivo tempo suficiente para procurar unha solución. “Non entendemos que a día de hoxe, máis de 7 anos despois de que Costas declarase innecesarios os terreos e se alertase das incidencias, o Alcalde non dera os pasos necesarios para solucionalos”, manifesta Otero.
Dende Esquerda Unida son coñecedores de que o Alcalde, “ante a continua presión das diferentes familias grovenses que quedaron sen praza na Galiña Azul, está agora tratando de dar solución a esta situación e que xa se dirixiu tamén ao servizo provincial de Costas pero entendemos que chega tarde e que desbloquear o expediente será un proceso longo”, indica Otero, quen lle pide a Cacabelos que “non engane á veciñanza dicindo que no vindeiro curso escolar non admite outra solución á falta de prazas que a ampliación da Escola Infantil de Rons, pois sabe de sobra que iso non é posible pola súa desidia”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario