Lembran que o goberno se abstivo na moción que o seu grupo municipal presentou en febreiro de 2021 alegando que xa estaban traballando na implantación dos puntos de recarga, e indican que a día de hoxe non hai ningún.
Piden ao executivo que se poña a traballar en serio e que, dunha vez por todas, poñan a funcionar os dous punto de recarga diante da Confraría así como noutras zonas do casco urbano e San Vicente.
O Grove, 9 de marzo de 2022.- Esquerda Unida pregunta ao goberno onde están instalados os puntos de recarga para vehículos eléctricos dentro do termo municipal. Os esquerdistas realizan esta pregunta logo de cumprirse un ano dende a aprobación da moción presentada polo seu grupo municipal na que pedía poñer en funcionamento o punto de recarga preinstalado dende finais do 2018 diante da Confraría, así como a implantación de máis puntos no casco urbano e na zona de San Vicente.
Esquerda Unida lembra que no pleno de febreiro de 2021 o goberno socialista abstívose na súa moción alegando que estaban traballando en todos os puntos que se pedía na proposta de acordo. Unha cuestión que para o seu voceiro, José Antonio Otero, “resulta evidente que non é certo, xa que a día de hoxe non hai ningún punto de recarga en solo público”.
Indican dende Esquerda Unida que a obra de desdobre de Beiramar, entre a rotonda das Garzas e a Confraría, que se executou a finais do 2018, contemplaba a instalación de dous puntos diante do edificio da asociación de pescadores, pero a día de hoxe non existen os devanditos cargadores. Isto, sumado a que se estaban executando humanizacións e obras importantes nas estradas mecas (humanización de Alexandre Bóveda, humanización no Sineiro, desdobre de Beiramar…), sen que se prevese puntos de recarga, levou ao seu grupo municipal a presentar unha moción en febreiro do 2021 “co propósito de que o goberno realizase o máis axiña a implantación destes cargadores para vehículos eléctricos, cumprindo á vez cos obxectivos que marcan as sínteses do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable”, manifesta José Antonio Otero, que recorda como “o Alcalde, cun alarde de prepotencia, indicou que se abstiñan porque os puntos que propoñiamos estaban sendo executados polo goberno e que estaban traballando na instalación dos cargadores diante da Confraría. Como se pode comprobar un ano despois, nada diso é verdade”.
Segundo Otero, “non é a primeira vez que isto sucede. Son moitos os plenos nos que o goberno se abstén ou vota en contra das mocións nas que se lles pide accións concretas, alegando que xa están traballando nas mesmas e insinuando que vamos ao carro deles”. Unha situación que, tal e como denuncian, “está sendo habitual dende que acadaron maioría absoluta, pero logo demóstrase que non é certo e as mocións ou propostas, a pesar de saír aprobadas, non se executan, como sucede neste caso cos puntos de recarga para vehículos eléctricos”, sentenza o voceiro esquerdista.
Así, Esquerda Unida pide ao goberno que se poñan a traballar en serio na implantación dos puntos de recarga, que instale dunha vez por todas os dous puntos diante da Confraría e que se se contempla a instalación en novas obras, como sucede na última fase de Alexandre Bóveda, estes se executen tralo remate das mesmas.
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario