sábado, 19 de marzo de 2022

Esquerda Unida pide celeridade para rematar a obra de adaptación do Club de Remo Mecos

Membros da agrupación de esquerdas visitaron as instalacións do club e constataron as numerosas deficiencias dun proxecto que estaba chamado a ser pioneiro en Galicia. A obra, que comezou hai dous anos e medio, leva parada preto dun ano.

Dende Esquerda Unida tachan a obra de “auténtica chapuza e aberración”, piden celeridade para que se retomen os traballos e que se depuren responsabilidades polos atrasos acumulados e pola situación que están a vivir os membros do club, sobre todo os numerosos nenos e nenas que cada día adestran e fan actividades nas instalacións.

O Grove, 19 de marzo de 2022.- Unha comitiva da agrupación local de Esquerda Unida, encabezada polo voceiro do grupo municipal, José Antonio Otero, visitaron esta semana as obras de adaptación do Club de Remo Mecos, que comezaron en decembro do 2019 e que, a día de hoxe, levan máis dun ano estancadas, cando as mesmas estaban proxectadas para executar en seis meses. Os esquerdistas, que teñen preguntado polos atrasos na execución da obra en diferentes plenos, puideron constatar in situ a “chapuza” na que se convertiu un proxecto que estaba chamado a ser pioneiro en toda Galicia.

Paredes en ladrillo, habitáculos e baños sen rematar, filtracións de auga por ventás e teitos, a porta de acceso sen instalar e tapiada, vigas oxidadas por falta de tratamento, fendas na edificación antiga provocadas polas obras, materiais de obra ciscados no exterior, e un longo etcétera foi o que se atoparon os membros de Esquerda Unida na súa visita ás instalacións do Club de Remo Mecos. Un escenario que puido ser moito máis dantesco pois, tal e como lles relataron durante o percorrido, o escombro e restos de obra foi retirado polos propios directivos do club, que tamén realizaron a instalación da iluminación e o derrube de algunha que outra parede para poder levar a cabo a actividade deportiva da maneira máis segura posible.

José Antonio Otero califica todo o que rodea á obra como  “unha auténtica chapuza e unha aberración” e, tanto el como o resto dos membros de Esquerda Unida mostraron a súa sorpresa ao enterarse que os propios directivos e membros do club tiveran que facer de albaneis e electricistas para poder utilizar as instalacións decentemente ante a desaparición da empresa adxudicataria da obra que, segundo lles indicaron, non pisa o local dende hai un ano. 

Para Esquerda Unida, “alguén ten que ser responsable de que unha obra que estaba programada para executar en seis meses, leve preto dous anos e medio, estea como está e non se lle vexan indicios de finalizarse a curto prazo e pediremos esas responsabilidades”, manifesta o seu voceiro que cree que “non se pode permitir que as numerosas persoas que forman parte das direrentes seccións do club, sobre todo as máis cativas, teñan que adestrar ou realizar actividades en estas condicións”. Otero recorda que nas diferentes ocasións que teñen preguntado polos atrasos nas obras -a última no pleno do mes de febreiro-, dende o goberno indicábanlles que "neses días terían reunión coa dirección da obra e que esta continuaría a súa execución, cando a realidade é ben distinta”, polo que pide ao executivo local que “deixe de mentir e faga o que teña que facer para que a obra se finalice nas mellores condicións e na maior brevidade posible”. 

 Ver fotos

👇👇👇























 

Ningún comentario:

Publicar un comentario