domingo, 9 de maio de 2021

EU denuncia ante a Xunta o total abandono da Estación de Autobuses

 

Os esquerdistas denunciaron ante á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a situación e piden ao goberno municipal que tamén actúe e faga o propio para esixir solucións ao lamentable estado no que se atopan as instalacións.  

Consideran que esta non pode ser a primeira imaxe que se atopen as persoas que chegan ao Grove nin a que se atope a veciñanza cando quere usar este servizo público.

O Grove, 9 de maio de 2021.- A agrupación local de Esquerda Unida ven de denunciar ante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o total abandono no que se atopan as instalacións da Estación de Autobuses do concello do Grove. Papeleiras cheas e sen recoller dende hai tempo, lixo por todas as esquinas, sucidade, mobiliario esnaquizado,... son algúns exemplos da imaxe que se atopa calquera persoa que se acerque ás instalacións públicas situadas na zona portuaria.

Os esquerdistas consideran que esta non é a imaxe que as persoas que visiten un concello turístico como O Grove se pode atopar nada máis poñer o pé en terra meca, nin a que debe soportar a veciñanza que decide utilizar o transporte público.

É por iso, que logo de denunciar esta situación ante a Xunta, titular das instalacións, piden tamén ao goberno municipal que faga o propio como Concello e lles esixa que poñan fin a esta lamentable situación.

Ver imaxes do estado da Estación de Autobuses Aquí

Ningún comentario:

Publicar un comentario