Unha das concentracións ás portas do Centro de Saúde no 2019 Foto: Faro de Vigo |
Para a agrupación esquerdista a situación que se está a vivir no Centro
de Saúde do Grove é totalmente insostible e alaban a labor do persoal sanitario
que, cos escasos recursos que teñen, procuran dar cobertura a unha poboación
que nestes meses se triplicou.
Consideran que é preciso crear unha fronte común entre todos os partidos políticos e a veciñanza para emprender accións de rexeite a este ataque da Xunta á sanidade pública do noso concello.
O Grove, 17 de agosto de 2020.- A agrupación local de Esquerda Unida ven de presentar por rexistro unha solicitude de xuntanza de voceiros dos diferentes grupos políticos para tratar a situación do Centro de Saúde do Grove.
O voceiro esquerdista, José Antonio Otero, tacha de “intolerable e moi grave” a situación que se está a vivir estas semanas no Centro de Saúde, “onde cunha pandemia aínda por superar e nun dos meses no que a poboación se triplica pola afluencia turística, a atención sanitaria no noso concello se vexa minguada ata puntos insostibles”. Para Otero, “non é de recibo que nesta situación o Centro de Saúde conte nesta datas con tan só un facultativo para toda a poboación do Grove e a que nos visita” e considera que “isto atende a estratexia de desmantelamento da sanidade pública que a Xunta de Galicia leva artellando dende hai moito tempo”. Así mesmo, Otero agradece o esforzo que están a realizar as traballadoras e traballadores do Centro de Saúde meco, pois “nunha circunstancia como a que se está a vivir co Covid-19, coa necesidade de cubrir o dobre de cotas e traballar máis horas, estalles a provocar unha carga e un estrés en moitos casos inaguantable”.
É por iso que, logo de ver declaracións do goberno local e de outros grupos municipais con diferentes propostas de actuación, dende Esquerda Unida piden unidade de acción entre todos os partidos políticos e a veciñanza “para demostrarlle á Xunta de Galicia que no Grove non estamos dispostos a que se xogue coa nosa saúde”, sentenza Otero que agarda que nestes momentos “se de deixen de lado as cores políticas e se traballe conxuntamente para as veciñas e veciños do noso concello”
Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario