sábado, 14 de xullo de 2018

O grupo municipal de EU insta a En Marea a apoiar sen fisuras no Parlamento a solicitude de desafección do Corgo


A solicitude de recuperación da praza e dos terreos nos que se asentan a Casa do Concello ou o mercado municipal foi aprobada por unanimidade do pleno en reiteradas ocasións

IMAXE DE ARQUIVO DA PRAZA DO CORGO - TODOGROVE.ES

O Grove, 13 de xullo de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida ten solicitado o apoio unánime e sen fisuras do grupo parlamentario de En Marea para conseguir que a tan demandada desafección do Corgo poida ser unha realidade. O asunto será tratado este venres na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia, por iniciativa do PSOE. Un foro ao que a postura da formación esquerdista no Grove chegará da man do partido que lidera Luís Villares.

A desafección dos terreos do Corgo que, a pesar de non ter uso portuario, se atopan baixo a titularidade da Xunta de Galicia e polos que ano tras ano O Grove debe aboar a Portos miles de euros debátese hoxe no Parlamento de Galicia. Un asunto de importancia para o Grove, en relación ao cal Esquerda Unida entende debe adoptarse unha postura rotunda, unánime e sen fisuras.

Así as cousas, o grupo municipal de EU tense posto en contacto co grupo parlamentario de En Marea para solicitarlle o seu apoio a unha reclamación que, de saír adiante, suporía un importante aforro para as arcas municipais. E abriría tamén a porta a un aproveitamento máis racional e eficiente dun espazo que a día de hoxe presenta un estado lamentable debido á total falta de mantemento por parte de Portos.

Cabe lembrar que se trata do único espazo aberto, amplo e céntrico co que conta o municipio para a realización de eventos. Nel desenvólvense, como é sabido, o mercado semanal, a Festa do Carme e a do Marisco, e numerosos espectáculos e actuacións. Así as cousas, Esquerda Unida aposta por aunar forzas para que do Parlamento poida saír un posicionamento favorable a esta reclamación; que suporía un importante espaldarazo ás pretensións do Grove ante a Xunta de Galicia.

Gabinete de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario