O Grupo Municipal de Esquerda Unida rompe toda
relación co goberno local presidido por José Cacabelos tralo rexeitamento ao
Plan de Actuacións 2017-2019 presentado pola agrupación de esquerdas.
O Alcalde aporta argumentos electoralistas
para negarse a asinar o acordo con EU.
O Grove, 6 de xuño de 2016.- A inicios do pasado mes de maio, os concelleiros de Esquerda Unida
presentaron ao equipo de goberno apoiado polo PSOE un documento titulado “Plan
de actuacións 2017-2019”, no que expuñan unha serie de actuacións que os
esquerdistas consideran prioritarias para o municipio. Entre elas atópanse
cuestións como a necesidade dunha segunda exposición pública do PXOM, o Centro
de Día, abrir negociacións coa Xunta para a construción dun novo centro de
saúde na localidade ou a busca de financiamento autonómica e provincial para o
proxecto de auditorio presentado polo goberno local entre outras.
Este documento foi a resposta que desde EU deron ao que
eles consideran un goberno “á deriva” e absorbido polo día a día, o que se
plasma en falta de planifiación e visión de municipio por parte do goberno de
Cacabelos. Desde a agrupación de esquerdas sinalan que cada reunión co equipo
de goberno é unha avalancha de novas ideas e proxectos, sen que se teñan
pechado as anteriores propostas, que en moitas ocasións o propio goberno local
abandona a pesar de contar co apoio de levalas adiante.
A gota que colmou o vaso da paciencia dos esquerdistas
foi o rexeitamento a semana pasada do documento presentado, a pesares de que “o
Alcalde díxonos que podíamos quitar o logo de Esquerda Unida e poñer o do PSOE
porque eran cuestións todas que compartían”, para acto seguido rexeitar calquera
acordo en base a ese documento, e amosar o rexeitamento do PSOE a realizar unha
segunda exposición pública do PXOM, buscar financiamento autonómico e
provincial para o proxecto de auditorio, conseguir un comedor escolar para o
CEIP Rosalía de Castro ou continuar o paseo marítimo de Lordelo ata a Casa da
Terceira Idade na avenida Irmáns Otero Goday e matizar algunhas outras
actuacións. “Os argumentos que nos deron foron en todo momento electoralistas”
afirma o voceiro de EU Juan Lamelas, “antepoñendo os intereses do seu partido
aos dos veciños do Grove”. O Alcalde chegou a afirmar que non van asinar un
documento que Esquerda Unida poida utilizar en campaña electoral acusando ao
PSOE de non cumprir o acordado, “o que xa vén dando unha idea do nulo
compromiso do PSOE co seu programa electoral e os veciños do Grove”.
Así, tras consulta coa militancia, o grupo municipal de
EU decidiu romper toda negociación presente e futura co actual goberno do
Grove, pois segundo Lamelas “non estamos dispostos a entrar nesta dinámica que
nos propón Cacabelos nin a aceptar chantaxes de ningún partido”. “Desde
Esquerda Unida imos abrir novas vías para facer cumprir o noso programa, que é
o compromiso que temos coa veciñanza e os nosos votantes”.
Ábrese polo tanto un camiño de incerteza para o goberno
do PSOE no Grove, ao perder toda posibilidade de negociación con un dos grupos
cos que conseguiu sacar adiante os últimos orzamentos municipais, que
actualmente atópanse prorrogados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario