O Grove, 3 de maio
de 2017.- A
agrupación local de Esquerda Unida decidiu presentar ao Alcalde, e ao seu
equipo de goberno, un plan de actuacións a realizar no tempo que resta de
mandato. Unhas actuacións que os esquerdistas consideran precisas e
prioritarias para os veciños do Grove.
Esquerda Unida decidiu dar este paso ante a
situación actual do goberno municipal do cal consideran que está a deriva,
máxime tras ver como realiza propostas de inversións inconexas e sen
planificación de ningún tipo. Os esquerdistas poñen como exemplo a proposta de
Auditorio que, segundo indican, se irá aos 5 millóns de euros de inversión
municipal, ou a peonalización de rúas do casco urbanos sen plans de tráfico e
alternativas de estacionamento. Todo isto namentres traballan con un orzamento
prorrogado cando xa van alá cinco meses, conclúen.
Segundo a agrupación de esquerdas, o
goberno municipal móstrase absorbido polo día a día, e a impresión que
transmite é que gobernan a salto de mata.
Por ese motivo, desde Esquerda Unida, e
logo de reunir á súa asemblea, propoñen un plan de actuacións no que se inclúen
demandas históricas da veciñanza así como medidas que consideran necesarias
para o bo funcionamento municipal e a mellora dos servizos públicos que se
ofrecen aos veciños.
Executiva Local de Esquerda Unida
O Grove
PLAN ACTUACIÓNS 2017-2019
Financiamento das administracións para o
Auditorio.-
Consecución
de partidas orzamentarias da Deputación de Pontevedra, non vinculadas ao Plan
Concellos, e da Xunta de Galicia para a construción do proxecto de Auditorio
presentado polo actual Alcalde.
Esquerda
Unida considera que a administración autonómica e provincial teñen unha débeda histórica co Grove e por
iso pide que se loite para conseguir financiamento para o Auditorio, máxime
considerando que tanto a Xunta como a Deputación axudaron a construír este tipo
de infraestrutura cultural en todos os concellos da comarca.
Para
elo, EU pide que se concreten reunións coas administracións e que, o Alcalde e
a concelleira de Cultura acuda ás mesmas acompañados polos grupos da oposición
e os colectivos culturais, que a día de hoxe xa contan con un manifesto apoiado
por numerosas asociacións.
Estacionamento e accesos.-
Consecución
de bolsas de aparcadoiros para a zonas de Castelao e Monte da Vila, así
como apertura da rúa prevista nas Normas
Subsidiarias de 1996 entre Os Pardiños (próximo ao novo pavillón de deportes) e
a Avenida Xoán XXIII.
Segundo
os esquerdistas, unha das carencias do proxecto do Auditorio, tanto para a
agrupación como para moitos dos veciños do Grove, é o complicado acceso e o
escaso estacionamento co que conta a zona. Unha cuestión que, segundo indican,
se agravará coa eliminación de preto de 80 prazas de aparcamento no momento en
que se construan as Pistas de Pádel e se execute a propia infraestrutura
cultural. Do mesmo modo consideran que cando se execute a peonalización da rúa
Catorse tamén se prescindirá de outros 50 estacionamentos, para os cales non
hai alternativa, e o mesmo sucederá cando se continúe co plan de peonalizacións
de outras rúas do casco urbano.
É
por iso que Esquerda Unida solicita que se habiliten zonas de estacionamento
próximas a estas dúas zonas xa que consideran que hai terreos e hai
dispoñibilidade dos seus propietarios a negociar co Concello.
Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Aprobación
do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) neste mandato, incluíndo no
proceso unha segunda exposición pública do mesmo.
O
PXOM é algo primordial para Esquerda Unida e recordan que o Alcalde se
pronunciou en varias ocasións que de non aprobarse o documento dentro dos dous
primeiros anos de mandato o mesmo quedaría gardado nun caixón. Por iso, os
esquerdistas esixen que se o Plan Xeral sexa aprobado de forma definitiva antes
de rematar o actual mandato.
Así
mesmo indican que se están a realizar cambios substanciais no documento e polo
tanto consideran que é precisa unha segunda exposición pública do mesmo para
que sexan os veciños os que dean o visto bo ao mesmo.
Centro de Día e Centro de Saúde.-
Aprobación
do Plan Especial de Infraestruturas (PEI) no terreo das Touzas e inicio das
obras de construción do Centro de Día. Isto debe ir aparellado de negociacións
serias coa Xunta de Galicia para a posta en marcha do servizo do citado Centro
de Día e a consecución de orzamento para a construción dun novo Centro de Saúde
no noso concello.
Unha
das obras prioritarias para a agrupación local de Esquerda Unida é a
construción do Centro de Día. Unha infraestrutura que debería estar funcionando
se non fose polo tripartito do PP, PGD e A Meca, que botaron abaixo o PEI das
Touzas no primeiro pleno do mandato 2011-2015 alegando a falta dun informe.
Solucionado ese problema, e contando con 600.000 € no banco para esa obra, os
esquerdistas solicitan que se traballe na recuperación dese plan e do proxecto
para a comezar a construción do Centro de Día.
Do
mesmo modo, piden que se negocie coa Xunta de Galicia para a súa posta en
marcha e a tamén para que a administración autonómica constrúa un novo Centro
de Saúde nesa zona.
Paseo Marítimo no Corgo.-
Continuación
do paseo marítimo dende o barrio de Lordelo ata a casa da Terceira Idade.
Para
Esquerda Unida un dos mellores escaparates turísticos do Grove e a súa fachada
marítima. Segundo explican, ese escaparate queda deslucido no tramo da rúa
Irmáns Ernesto Goday e non entenden como no seu momento o paseo marítimo que
comeza en Rons non finaliza ao carón da Casa da Terceira Idade.
Por
iso piden que o goberno municipal emprenda as negociacións coa administración
correspondente para que se continúe ese paseo e se adecúe a zona.
Policía Local e servizo guindastre
público.-
Dotación
de axentes da Policía Local que permita o perfecto desenvolvemento do servizo.
Isto debe ir acompañado da posta en marcha do servizo público de guindastre.
A
petición de patrulla nocturna da Policía Local é unha demanda do Grupo
Municipal de Esquerda Unida dende o comezo do mandato. Unha demanda que se
repite continuamente cando o goberno pretende levar a pleno unha nova Ordenanza
municipal, tal e como sucedeu coa de Ruídos no mes de marzo. O Alcalde indicou
en varias ocasión a imposibilidade de poñer a funcionar so servizo en condición
pola falta de efectivos no corpo da Policía Local. Por ese motivo os
esquerdistas esixen que se dote o servizo dos axentes precisos para un perfecto
desenvolvemento do mesmo.
Así
mesmo, Esquerda Unida, ao igual que fixo nas negociacións dos orzamentos 2016,
solicitan a posta en marcha do servizo público de guindastre, máxime tras ver a
recomendación do xefe da Policía Local no informe emitido o pasado 21 de marzo.
Técnico/a de Turismo.-
Dotación,
dentro do cadro de persoal, dun Técnico/a de Turismo.
Outra
das demandas realizadas nas negociacións do Orzamento do 2016 foi a da
necesidade de contratar un Técnico de Turismo.
Para
Esquerda Unida, un concello turístico como O Grove non pode traballar
dependendo dos coñecementos ou o tempo de dedicación que poida ter o
concelleiro ou concelleira delegada, senón que debe ser unha persoa cualificada
quen desenvolva un plan de actuación e realice o traballo turístico municipal.
Comedor Escolar Rosalía de Castro.-
Traballar
conxuntamente coa ANPA do Colexio Rosalía de Castro para dotar o centro escolar
de comedor.
Esquerda
Unida considera que non é de recibo que o Colexio Rosalía de Castro sendo o
máis céntrico, o que non precisa transporte público, no que se está traballando
para a implantación dos camiños escolares seguros e que é o máis demandado
polos proxenitores sexa o único centro escolar do Grove que non conta co
servizo de comedor.
Unha
situación á que, segundo os esquerdistas, se lle pode dar solución co edificio
que se atopa ao carón do centro e no que antigamente era habitado por mestres
–nestes intres hai unhas catro vivendas ocupadas– e que xa foi solicitado en
diferentes ocasións pola ANPA de Rosalía de Castro.
Por
iso, a agrupación local de Esquerda Unida faise eco da demanda das nais e pais
de este centro educativo e solicita que o Alcalde traballe para que o colexio
Rosalía de Castro conte con comedor na maior brevidade posible.
RPT negociada e con orzamento
Posta
en funcionamento da RPT (Relación de Postos de Traballo) negociada e con
orzamento, tomando como base a realizada pola Universidade de Vigo no mandato
2007-2011.
Por último, os esquerdistas consideran que, logo de solicitalo en numerosas
ocasións dende o comezo do mandato, xa é momento de poñerse a traballar na
implantación dunha RPT (Relación de Postos de Traballo). Para elo, Esquerda
Unida pide que se utilice como base o documento realizado pola Universidade de
Vigo na anterior época de Cacabelos como Alcalde.
Ningún comentario:
Publicar un comentario