venres, 31 de marzo de 2017

Esquerda Unida pide o pintado dos pasos de peóns de Luis Seoane, limpeza nas rúas e outras melloras para os veciños

No  Pleno do pasado luns, o edil do Grupo Municipal de Esquerda Unida, José Antonio Otero, fixo unha serie de solicitudes e preguntas ao Goberno no derradeiro punto da orde do día.

O esquerdista volveu esixir, xa o fixera hai dous meses, que se pintasen os pasos de peóns de toda a rúa Luís Seoane (dende Abanca ata a Fonte dos Cabalos de Confín). Otero recordoulle á concelleira delegada que as condicións climatolóxicas que utilizou como escusa no pleno de xaneiro, non foi impedimento para marcar o paso de peóns do cruce do garda nin a sinalización da nova circulación e aparcadoiros do Monte da Vila.

Así mesmo, o edil de EU solicitou que se fixese unha revisión de todos os pasos de peóns do municipio e se pintasen os que estivesen en mal estado, poñendo como exemplo o da entrada da rúa Rosalía de Castro que, segundo indicou, é inexistente.

Continuando coa seguridade vial, o esquerdista pediu que se sinalizasen de mellor modo os lombos das estradas municipais, pois considera que hai ocasións en que é difícil apreciar a súa existencia ata o momento de ter que superalos. Cuestión que pode ocasionar graves problemas para os usuarios e veciños, aínda sen ter superado a velocidade permitida.

Otero tamén solicitou que se fixese un mantemento máis regular das diferentes rúas en canto a limpeza pois hai varias, e puxo como exemplo Rosalía de Castro, que mostran unha imaxe lamentable.

O edil esquerdista interesouse polo número de sancións que o concello tramitou nos dous últimos anos relacionadas coas deposicións caninas. Otero expresou a súa preocupación pola existencia de rúas nas que o seu tránsito se fai imposible sen ter que sortear os numerosos excrementos existentes. Así mesmo pediu contundencia ante este tipo de comportamentos do donos dos cans.

A situación do Centro de Saúde grovense foi outro dos temas que o edil de Esquerda Unida puxo sobre a mesa neste pleno. José A. Otero preguntoulle ao Concelleiro de Sanidade se estaba actuando para defender a sanidade pública no Grove pois, segundo indica, ten constancia do caos que está a provocar a baixa de varios médicos que non son substituídos, debendo facer fronte outros facultativos a un maior número de pacientes, o que ocasiona un problema a hora de resolver as problemática dos enfermos.

Tamén o Portal Cidadá da páxina web municipal foi eco de denuncia por parte do Grupo Municipal de Esquerda Unida, pois non funciona e nin tan sequera se poden descargar documentos.

Por último, Otero recordoulle ao goberno que segue á espera do Informe sobre os Voluntarios da Festa do Marisco. Un documento que, segundo o edil esquerdista, levan agardando máis de 5 meses e que debe elaborar o servizo municipal correspondente, polo que non aceptan as desculpas de falta de tempo da concelleira delegada, xa que iso lles crearía dubidas sobre a súa legalidade.


Cabe destacar que o goberno anunciou que tomaba nota das solicitudes para procurar realizalas, sen responder a ningunha delas no propio pleno. Tampouco dou resposta á pregunta relacionada coas multas por deposicións dos cans, nin se ían actuar con contundencia no tema. A concelleira de Turismo indicou que en breve se lle trasladaría ao Grupo Municipal de Esquerda Unida o documento sobre os voluntarios da Festa do Marisco. En canto ao problema do Centro de Saúde, o concelleiro de Sanidade anunciou que é coñecedor da problemática, pero non dou resposta sobre a actuación municipal neste aspecto, emprazando aos prexudicados a presentar reclamacións no propio centro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario