venres, 1 de maio de 2015

Esquerda Unida celebra que a presión cidadá levara ao goberno a recuar no tema do Cicri

Esquerda Unida celebra que o goberno municipal recuara e retirara da orde do día o punto que trataba sobre o Cicri. A presión da cidadanía, claramente contraria a este proxecto, e a recollida de máis de mil sinaturas por parte de Esquerda Unida fixeron que o alcalde de O Grove e o seu goberno tripartito tiveran que dar marcha atrás.
Poderá o señor alcalde dar mil e unha escusa e esgrimir mil e un argumentos sobre o por qué da retirada do orde do día deste asunto. O que Esquerda Unida sabe, e os veciños e veciñas tamén, é que esta foi unha vitoria de todos e todas. A Sra. Aida Filgueira e o Sr. Carlos Otero tomaron a determinación de opoñerse á construción do Cicri debido ao descontento veciñal así como das asociacións culturais.

Para o concelleiro de Esquerda Unida, Juan Lamelas,  “as mentiras e os enganos xa non colan na sociedade, e a realidade é que esta obra, que nos tenta vender o Sr. Miguel Ángel Pérez e Rafael Louzán é simplemente unha cafetería, de preto de un millón de euros, no medio da praza do Corgo. E dicimos que é unha cafetería porque é para o único que foron capaces de conseguir financiamento”. Lamelas indicou que “O que non pode suceder é que cada día que pasa apareza nova información relativa a esta obra, que non conte cos informes favorables e que se ofreza unha valoración de ingresos claramente inflada (20.000 €/ano en entradas, 20.000 €/ano  en axudas, 2.000 €/ano de alugueres e 20.000 € da concesión da cafetería)”. Por último Juan Lamelas denuncia o proceder do Alcalde, que decidiu reunir ás asociacións culturais, a tres días do pleno para buscar o apoio destas, algo que non atopou, vendéndolle que o Cicri contemplaba o auditorio con butacas, pero que isto xa se vería si se facía na segunda ou terceira fase, xa que agora o que construirían sería a Cafetería. Lamelas pregunta “a quen está enganado o Sr. Alcalde, a Portos ou as asociacións e veciños do Grove? Xa que nos tres tomos que completan o proxecto do Cicri, non nomea por ningún lado a palabra auditorio, xa que Portos de Galicia non permite este tipo de actividade no seu solo”.

Na agrupación esquerdista consideran que non é normal que as rúas, estradas, beirarrúas, mobiliario urbano, parques, xardíns, centros educativos,... estean en estado lamentable e que se pretenda destinar os cartos anuais do plan de inversións da deputación nunha construción que non pediu nin demandou ninguén, en solo portuario, na zona onde se realizan as festas do Carme, de San Martiño e do Marisco, o mercado municipal, estragando aínda máis a fachada litoral do noso concello. Non se deron pasos para a construción do Centro de Día e do novo Centro de Saúde, prioridades a día de hoxe para o pobo, pero si se intentou enganar aos veciños con unha obra que suporía hipotecar as arcas municipais.

Ademais, a agrupación esquerdista considera unha tomadura de pelo e unha falta de respecto aos membros da oposición e, sobre todo, aos veciños e veciñas que na mañá do xoves se achegaron ao salón de plenos, que o Alcalde do Grove non quixese dar explicacións sobre os motivos que o levou a tomar a decisión de retirar ese punto da orde do día xa que, segundo as súas palabras, as daría na prensa. Tampouco ofreceu explicación pola hora da convocatoria da sesión plenaria, a pesar de afirmar nun medio de comunicación que sería no pleno onde ofrecería as razóns de tal horario. Unha mostra máis da prepotencia coa que o Sr. Miguel Ángel Pérez manexa o concello e o goberno tripartito, situación que non sorprende a Esquerda Unida, pois xa os ten habituado a este tipo de actitudes nas diferentes sesións plenarias destes catro anos de mandato.

Esquerda Unida considera tamén lamentables as verbas da Sra. Aida Filgueira, que no pleno e posteriormente na prensa mostrou unha falta de respecto cos veciños e veciñas do noso concello ao afirmar que o Centro de Día non é viable economicamente e propoña utilizar os 600.000 €, que o concello ten blindados para esa construción, para realizar un Centro Integral de Atención aos Maiores adecuando a saber que infraestrutura, que non cubriría en ningún momento as necesidades demandadas nun Centro de Día e aínda por riba anunciando que será unha realidade a curto prazo. Non se entende como a persoa que ata o día do pleno apoiaba incondicionalmente a obra do Cicri, de feito asistiu a charla do Sr. Alcalde coas asociación culturais e non abriu a boca, agora diga que o Centro de día non é viable economicamente e teña a desfachatez de erixirse como a salvadora do pobo ao forzar a retirada do punto do Cicri da orde do día.

Dende Esquerda Unida recórdanlle a Sr. Filgueira que seguen agardando polo cumprimento do acordo aprobado no pleno de xullo de 2011 no que se pedía un estudo obxectivo entre os maiores e familias con persoas dependentes que recollese o número de persoas do concello que precisases acudir a un Centro de Día, dependencia das mesmas, horas e días que precisasen ou estarían dispostas a acudir ao Centro de Día e estatus económico e social desas persoas. Tamén lle recordan que en outubro de 2011 a Sra. Filgueira respondeulle ao entón concelleiro de EU, José Antonio Taboada, que “estaba a colaborar para poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos onde se ía a construír esta instalación” en alusións a pregunta formulada sobre a situación na que se atopaba o Centro de Día do Grove.


Para finalizar, a agrupación esquerdista recórdalle ao goberno tripartito que, ao igual que sucedeu en numerosas ocasións nestes catro anos de mandato, no derradeiro pleno ordinario deixaron algunhas cuestións sen responder, como a dirixida ao Sr. Miguel Ángel Pérez na que pedíamos explicacións sobre a que atendía o reparto de libros entre os veciños ou que parecer lle tiña a imaxe que estaba deixando a nivel estatal os semáforos do Grove logo da publicación dunha carta de Fernándo Onega no programa de Onda Cero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario