luns, 30 de marzo de 2015

O tripartito do autobombo


O Grove, 30 de marzo de 2.015.- Nestes últimos días estáse a observar un incremento de actividades por parte do tripartito gobernante no Grove nunca antes coñecido: cursos, inauguracións, regalos, presentacións, carteis de obras sen orzamentar... E así o vén a denunciar a agrupación local de Esquerda Unida, para quen o tripartito "pretende enmendar catro anos de parálise nas que a inversión e dinamización estiveron ausentes nas políticas do PP e compañía". Aínda que para a organización de esquerdas o goberno local non estivo sempre en letargo, pois segundo eles "no tripartito andiveron finos á hora de poñer servizos públicos en mans privadas, baleirar os petos dos veciños con políticas sancionadoras, contratar a amigos e tentar 'pelotazos' como o PXOM, o CICRI ou a explotación do novo ximnasio".
E en referencia a esto último, Esquerda Unida propón unha auditoría municipal no caso de chegar a gobernar despois das eleccións de maio. "Despois dos catro anos de goberno do tripartito o Concello do Grove precisa dunha auditoría das súas contas, pois hai cousas que cheiran moi mal, sobre todo nas áreas de Igualdade e Servizos Sociais e Seguridade e Emerxencias". Este é un dos puntos que forman parte do programa electoral que Esquerda Unida continúa a elaborar e que está aberto a aportacións de colectivos e veciñanza. Sobre este punto, os esquerdistas engaden que "unha auditoría cidadá é precisa, porque debemos saber a quen e a que empresas se estivo beneficiando con diñeiro público e este goberno foi campión en trasladar os cartos de todos a mans privadas".

Unha pousada que ninguén pediu
Dentro de esta campaña de autobombo que denuncian desde EU, está a presentación esta mesma tarde dun libro promocional da Deputación de Pontevedra da Pousada da Lanzada que se realizará na Sala das Cunchas do Concello. "Utilizan recursos públicos para promocionar unha pousada que ninguén pediu, e contra a cal se manifestaron centos de veciñas e veciños do Grove". Así de contundentes se amosan desde o grupo de esquerda, para quen é preciso poñer as mans do PP lonxe dos intereses do Grove "sexa Miguel Pérez ou Rafael Louzán, os intereses dun pobo de clase traballadora como O Grove non pode estar nas mans de personaxes coma estas".

Asemblea local de Esquerda Unida

Ningún comentario:

Publicar un comentario