mércores, 25 de marzo de 2015

Esquerda Unida califica de "vergoña" o madrugador pleno de mañá

“Un pleno de vergoña” así é como califica Esquerda Unida o pleno que se celebrará o vindeiro xoves pola mañá na Casa do Concello do Grove, e que ten entre os seus puntos de orde do día a aprobación do Plan Especial do Porto do Grove e da Toxa.


O Grove. 24 de marzo de 2015. Esquerda Unida califica de “pleno de vergoña” a vindeira sesión plenaria a realizar no Concello do Grove. Entre as súas críticas ao goberno municipal están o cambio de horario non consensuado (a convocatoria será ás 9 da mañá) e non informado aos grupos na comisión informativa, a negativa do goberno triparito a incluír na orde do día o debate sobre a retirada dos semáforos con radar, o incremento da aportación municipal ás obras eternas do pavillón polideportivo e a inclusión a última hora e por vía de urxencia do Plan Especial do porto do Grove e a Toxa.

Nova odenación do Porto do Grove
Sobre este último punto é sobre o que se centran as maiores críticas, pois segundo a agrupación de esquerdas trátase “dun pelotazo que non vén a resolver ningún dos problemas dos usuarios do porto do Grove e que dá vía libre para edificar a Praza do Corgo e os seus xardíns”. De feito, este é o paso previo que precisa o goberno municipal para poder comezar as obras en zona portuaria (nos actuais xardíns do Corgo) do cacareado centro de Interpretación da Carpintería de Ribeira (CICRI) unha obra que Esquerda Unida califica como “o pequeño Gaiás de Miguel Pérez”.

Estado actual do Porto do Grove
“Nin centro de día, nin novo centro de saúde, colexios que precisan de inversión e choiva dentro da gardería, pero a prioridade do tripartito é unha obra de 2,5 millóns de euros en terreos portuarios (non municipais) e para a cal non se teñen os cartos”, critican contundentemente desde EU. Engaden ademáis que se trata dunha aberración urbanística que acabaría por destruir a xa maltratada fachada marítima do Grove, ademais de supoñer unha hipoteca para as arcas municipais, pois só se conta con 1/3 da financiación necesaria para a obra, “e aínda así pretenden comezala”.

O certo é que o goberno tripartito precisa de algo que vender á cidadanía tras catro anos de goberno nos que as promesas electorias foron incumpridas e un PXOM que lles estoupou na cara. Así o entenden tamén desde EU “achéganse as municipais e queren ter algo que amosar aos poucos potenciais votantes que lles poidan quedar”.

Asemblea local de Esquerda Unida

Ningún comentario:

Publicar un comentario