domingo, 10 de marzo de 2013

10M: Día da Clase Obreira galega

Xa son varios anos de políticas de austeridade promovidas pola Troika e implantadas contra os intereses da maioría da poboación. Ademais de conducirnos ao empobrecemento, aos desafiuzamentos e á precariedade, as sucesivas reformas laborais e políticas neoliberais tan so buscaron o beneficio da burguesía, mentres a clase traballadora paga a súa crise.

Deixánnos sen emprego. As cifras falan por si soas: en España hai case seis millóns de paradas e parados, achegándonos ao 60% de paro xuvenil, a taxa máis alta de Europa. Mentres, os dereitos laborais sufren os maiores ataques coñecidos pola nosa xeración: as últimas reformas laborais ceden todo o poder ao empresario anulando a negociación colectiva, abaratan o despido, merman os salarios, etc. A xuventude non pode emprender así un proxecto de vida.
Ademáis, bótannos da nosa terra. A emigración, ante iso, preséntase como a única forma de poder mellorar as nosas condicións de vida. Fronte ao discurso dos Gobernos capitalistas, que venden como algo positivo a emigración da nosa xeración, a realidade do sufrimento de moitas persoas lémbranos tempos pasados, nos que a clase traballadora galega tivo que marchar para poder ter un futuro.
As únicas saídas para nós son o desemprego, o traballo precario ou abandoar o noso lugar de vida, partir hacia outro lugar do Estado español ou ao estranxeiro, para seguir malvivindo, seguramente con menos dereitos e en condicións de explotación maiores aos que xa coñecemos.

Pero a xuventude ten que frear isto. A ruptura con estas políticas criminais que deixan á xente sen casa, que nos aboca á pobreza e á exclusión social, está nas nosas mans. Sabemos que hai outra saída, a da mobilización, a loita e a solidariedade de clase.

As e os mozos podemos organizar a resposta, elaborar unha alternativa á explotación. Sabemos que co capitalismo non temos un futuro e perderemos dereitos.

Como dicía o Che, "se o presente é de loita, o futuro é noso". Hoxe, día da clase obreira galega, a mobilización e a xuventude está nas rúas de todo o Estado. Porque non renunciamos aos nosos dereitos, porque non queremos emigrar de novo.

Queremos quedar na terra construíndo o Socialismo. Eliximos Revolución!
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario