Esquerda Unida presentará unha moción á Sesión Plenaria do vindeiro 28 de xuño, na que instará ao goberno do Grove a realizar un estudo sobre o número persoas dependentes do noso concello que teñen a necesidade de asistir a un Centro de Día e buscar unha solución para que poidan acudir sen problemas ao centro de Sanxenxo.
Esta moción non foi incluída na Orde do día, polo que tentaremos debatela e aprobala, se procede, por urxencia.
Esta moción non foi incluída na Orde do día, polo que tentaremos debatela e aprobala, se procede, por urxencia.
MOCIÓN DE EU-IU Á SESIÓN PLENARIA DO CONCELLO DO GROVE
28 DE XUÑO DE 2011
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Os centros de día son hoxe unhas instalacións cada vez máis reclamadas polas persoas dependentes e os seus familiares. Trátase de un recurso social intermedio dirixido a atender as necesidades específicas da persoas maiores, ofrecendo atención especializada a través de profesionais con formación que elaboran e dirixen un plan integral individualizado para cada persoa, promovendo a súa autonomía sen que deban abandonar o seu entorno habitual. Ademais do beneficio para a persoa dependente, tamén ofrece un beneficio para os coidadores ou familiares, solucionando unha situación de sobrecarga importante e ofrecendo un descanso no día a día.
Son varios os veciños do Grove que utilizan hoxe en día estas instalacións que o Concello de Sanxenxo ten en Portonovo. Esta situación supón unha dependencia aínda maior, xa que deben dispoñer de alguén que os leve e os recolla nos horarios establecidos. Por ese motivo, moitos non poden gozar deste beneficio, xa que non dispoñen de ninguén que os leven, e outros tantos tiveron que abandonar ao comezar a traballar os familiares ou persoas encargadas deste desprazamento. O Concello de Sanxenxo dispón dun convenio a través do cal os usuarios do Centro de Día do propio concello contan cun transporte que os recolle nas súas vivendas e os volve deixar nas mesmas ao final da xornada. A este servizo non se poden acoller os usuarios de outros concellos, polo que a necesidade dunha solución é palpable.
Os trámites para construción dun Centro de Día no noso concello están avanzados, non obstante esta instalación non estará rematada e funcionando nun curto prazo de tempo. Por este motivo é preciso buscar unha solución ás persoas que utilizan as instalacións de Sanxenxo namentres non estean funcionando as do noso concello. Animando incluso as persoas maiores do noso concello a que poidan acollerse a esta solución pasaxeira.
Por todo o anteriormente relatado, Esquerda Unida insta ao Concello do Grove a:
- Realizar un estudo obxectivo, no menor tempo posible, entre os nosos maiores e familias con persoas dependentes que recolla:
1- Número de persoas do noso concello que precisan acudir a un Centro de Día.
2- Dependencia das mesmas.
3- Horas e días que precisan ou están dispostas a acudir ao Centro de día.
4- Estatus económico e social das mesmas.
- Tras realizar o estudo valorar a necesidade real e buscar unha solución que pode ser:
1- Buscar un tipo de convenio de colaboración co Concello de Sanxenxo, para que o servizo de transporte co que contan os seus veciños se vexa ampliado ao noso concello.
2- Convenio ou contratación cunha empresa de transporte, que conte cos vehículos axeitados para o transporte de persoas de mobilidade reducida, que realice o servizo porta por porta para levar e traer aos usuarios do noso concello ao Centro de Día de Sanxenxo.
3- En caso de ter que cobrar cantidade algunha polo servizo, atender ao estatus económico e social dos usuarios para que a cantidade sexa acorde ás súas posibilidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario